Desde a última vez que escribín neste blog pasaron moitos meses de pandemia e durante este tempo non falei nada en relación con ela. É un tema complicado onde non é doado dicir algo sen ferir susceptibilidades. Pero algo haberá que dicir. Así que me vou a arriscar.
En primeiro lugar non pretendo cuestionar a versión oficial sobre o coronavirus. Pero quero chamar a atención sobre algo que xa teño comentado máis veces. A Ciencia oficial tense convertido nunha nova deusa a quen hai que adorar xunto con algunhas outras coma a democracia liberal. Á Ciencia oficial non a seguen persoas que sexan librepensadoras, agás excepcións, senón persoas fieis que aceptan o que di por unha cuestión de fe. ¿Cantas persoas en todo o mundo poden cuestionar con fundamento as conclusións dun artigo publicado en Science por exemplo? Seguro que as contamos cos dedos dunha man, así que ao resto, practicamente todo o xénero humano, só nos queda ter fe na revista e nas persoas que son as autoras de dito artigo. Por iso creo que hai que prestar atención a outras teorías alternativas posibelmente con tanto ou máis fundamento científico. Poden estar equivocadas ou non, pero hai que analizalas para chegar a unha conclusión ou a outra en lugar de desacreditalas sen máis como “negacionistas” ou “pseudocientíficas”.
En segundo lugar, o ser humano é un ser social. E iso non depende de cada persoa. Vai no paquete da nosa existencia. É consubstancial á nosa especie. Polo tanto as medidas que nos impiden a relación social con outros seres humanos, cos animais ou coa natureza en xeral cuestionan as bases mesmas do que somos e causan un impacto negativo difícil de valorar pero previsibelmente de moita entidade.
En terceiro lugar os datos semellan deixar en evidencia que as medidas postas en práctica para enfrontar a COVID19 non conseguen parar a pandemia. Pódeno facer puntualmente mais despois volve a repuntar. Cando unhas medidas non funcionan, o sentido común di que hai dúas alternativas para explicalo. Unha delas é que non foron aplicadas ou seguidas todo o correctamente que deberían e polo tanto é necesario aplicalas máis intensamente e/ou con maior dureza. A outra é que as medidas non son adecuadas ben porque non se acertou á hora de deseñalas, ben porque son inasumíbeis pola poboación ou ben por calquera outra razón. Normalmente a única alternativa que se entra a considerar é a primeira, pero eu creo que tamén habería que examinar a segunda aínda que tan só fora coma unha sinxela e hipotética posibilidade. Iso si sería científico.
En cuarto lugar existe a tendencia a deixar a toma de decisións nas mans de persoas chamadas “expertas” e ademais deféndese con gran fervor que ten que ser así. Ao meu entender isto é un erro porque o obxectivo destas persoas “expertas” céntrase unicamente en xestionar aquilo no que se considera que o son. Como consecuencia, teñen, inevitabelmente, unha visión demasiado parcial e polo tanto pouco real do conxunto da sociedade. Así pois se as decisións se deixan nas mans de “expertos” ou “expertas” non se contribúe a que sexan tomadas tendo en conta toda a complexidade da realidade social, que é como eu entendo que se deben tomar. Di José Mansilla: “los expertos mediaron- y median- entre nosotros y nuestro futuro, convirtiéndose en los nuevos sacerdotes”.
En quinto lugar xa é sabido que, en moitas ocasións, a saúde das persoas utilízase como pretexto ou cortina de fume. Por exemplo cando un país prohibe a importación de certos produtos alimentarios alegando que prexudican a saúde das súas consumidoras e consumidores cando en realidade o fai porque entran en competencia cos producidos dentro dese mesmo país. Por iso, cando vexo que se poñen riba da mesa propostas para sancionar (reprimir?) ás persoas que se neguen a poñer a vacina ou a aplicar as medidas que dite a autoridade competente, xórdeme a dúbida de se estará utilizando tamén a defensa da saúde da xente como pretexto para implantar medidas propias dun estado autoritario sen provocar demasiada oposición social para despois consolidalo cando pase esta pandemia. Un estado por momentos policial que ademais xeneraliza un estado de opinión que converte a cada persoa en delatora de quen incumpre as normas,
En sexto lugar, en liña co anterior, os mesmos que xeraron (e xeran) o estado de pánico fronte ao coronavirus estano aproveitando con desvergonza para conseguir o apoio dunha maioría social a unha re-centralización española que xa se está poñendo en práctica.
En sétimo lugar recollo unha cita de Nuria Alabao á que fai referencia tamén José Mansilla: “Unha persoa de clase media pode pedir máis restricións, máis “seguridade”, máis peches de negocios e asumir os custes en nome do ben colectivo evidente. Pero ¿que pasa coas persoas que dependen deste traballo de hoxe para vivir ou coas que non teñen papeis?”. Eu engado: unha persoa de clase media tamén pode pedir máis confinamentos pero ¿que pasa coas familias que sendo cinco ou seis persoas teñen que vivir nun piso de 40-50 m2, as veces mesmo insalubre?
E finalmente unha reflexión. Semella que non hai practicamente ninguén que estea analizando ou, polo menos, que nos estea informando dos efectos secundarios, psicolóxicos e de todo tipo, que teñen sobre a saúde das persoas as medidas que nos están obrigando a tomar (máscara incluída).