Espaço público, Cultura, Política, Comunidade, Território, Pessoas

Carlota

Ryszard Kapuscinski é un xornalista mítico, cuxa aura provoca unha certa perversión. Convértese na noticia principal porque cubriu a noticia, entón a noticia principal deixa de ser a noticia. O concepto de Mc Luhan “o medio é a mensaxe” acada unha concreción perfecta nalgúns dos traballos do xornalista polonés.

Vin Mais um Dia de Vida, un documental animado bastante bo que conta a visita de Kapuscinsky a Angola en 1975, para cubrir a transición á independencia. O filme leva o título do primeiro libro que escribiu e polo que tiña un agarimo especial.

No caos de Luanda comprende que o foco da guerra está no sur. Así se resolve no filme. As forzas armadas da Sudáfrica racista preparan unha invasión desde a actual Namibia e na fronteira resiste o comandante Joaquim António Lopes Farrusco, antigo paraquedista do exército portugués que se incorporou á fronte anticolonialista do MPLA, aliada do PCP e da Unión Soviética.

A viaxe que fai Kapuscinski para entrevistalo lembra algo O Corazón das Tebras. Joseph Conrad detectou e estableceu ese destino infernal como unha constante da existencia humana, case como unha lei da vida: desprazarse desde o terríbel cara o inferno maior, un lugar xeográfico determinado que existe sempre cando a barbarie maior se desata. É Verdún; é Teruel no 38; son os campos de exterminio; é Stalingrado; é Gorazde en Bosnia; é Mozote en El Salvador. Un compañeiro de Kapuscinski describe varios quilómetros da estrada que os dous percorren, chea de cadáveres de nenos, homes e mulleres, como se a matanza fose a normalidade, a rutina. É dicir, como se fose o lugar do semideus Kurtz.

O exército cubano apoiou o MPLA e Farrusco trunfou contra a CIA e o Apartheid. Compárase a Farrusco con Guevara, mais a metódica regularidade militar do alentejano ten moito máis que ver con Enrique Líster, o xeneral galego, que co Che.

Outra acompañante de Kapuscinski é unha guerrilleira valente, fermosísima, deliciosa, que cae en combate contra os terroristas da UNITA. Chamábase Carlota. Coincide que Carlota Lacumí, La Negra Carlota, de orixe iorubá e nacida en África, encabezou en 1844 unha grande rebelión de escravos na plantación de Triunvirato, en Matanzas, Cuba.

A intervención cubana en Angola, con decenas de miles de tropas e unha permanencia longa, foi decisiva para o trunfo do MPLA. Chamouse Operación Carlota. Honra pois a Lacumí, pero finalmente refírese tamén a estoutra muller.

Se vostedes buscan en Internet á Carlota angolana, ou o comadante Farrusco, nada atoparán que non sexa un complemento circunstancial do suxeito Kapuscinsky.

Imagem: Carlota sobre a ponte do río Balombo. Foto de Kapuscinsky.

Sobre o autor

Xosé Manuel Sarille

Polemista e tamén escritor. Autor do ensaio "A Causa das Mulleres". A quen lle interese lelo pode solicitalo neste blog e enviaráselle ao enderezo correspondente sen custo ningún do exemplar nin do transporte.

Comenta aqui!

Comenta aqui!

Espaço público, Cultura, Política, Comunidade, Território, Pessoas

Elias J. Torres Feijó

Tenta trabalhar coletivamente e acha que o associativismo é a base fundamental do bom funcionamento social e comunitário. A educação nos Tempos Livres é um desses espaços que considera vitais. Profissionalmente, é professor de Literatura, em origem, e, mais, na atualidade, de Cultura.

Xoán Carlos Carreira Pérez

Doutor engenheiro agrónomo, professor de Engenharia Agroflorestal na Universidade de Santiago de Compostela. Autor de vários livros e artigos científicos, tem colaborado em diversos meios de comunicação, como A Nosa Terra, El Progreso, Vieiros e Praza Pública.

Xosé Manuel Sarille

Polemista e tamén escritor. Autor do ensaio "A Causa das Mulleres". A quen lle interese lelo pode solicitalo neste blog e enviaráselle ao enderezo correspondente sen custo ningún do exemplar nin do transporte.

Manuel Jordán Rodríguez

Lembrado e Querido Manuel Ánxel

Viva Cerzeda

Espaço público, Cultura, Política, Comunidade, Território, Pessoas… Viva Cerzeda é a comemoração, para nós, da amizade, do bom humor sempre que possível e de tentar contribuir com algumhas ideias e opiniões para entender(mos) e atuar(mos) do melhor modo o mundo… É ambicioso mas é-che o que há… e para mais não damos…

Contacta-nos aqui

Acompanha