O márketing político e a publicidade política non é algo novo, pero nos últimos tempos teño a sensación de que se están utilizando en exceso. Non son eu un fan do márketing e a publicidade porque agás contadas excepcións, sempre engana a través de mentiras descaradas, mentiras encubertas, medias verdades ou ocultación da realidade. Agora ben, se non son fan do márketing e a publicidade en ningún ámbito moito menos o son no ámbito da actividade social, política ou institucional. Son consciente que nestas actividades é moi importante informar á cidadanía de temas que sexan do seu interese ou que lle afecten dunha ou doutra maneira. A liña divisoria entre o que se pode considerar información e o que en realidade é márketing ou publicidade é difusa por iso hai que andar alerta para intentar quedarse claramente do lado da información. Un certo grao de marketing e publicidade no ámbito político, social e institucional é admisíbel e mesmo lexítimo pero, se chega a ser desproporcionado xa non pode ser cualificado nin de admisíbel nin de lexítimo. E ademais hai que ter en conta que os cartos investidos nisto poderían servir para dar resposta a algunhas demandas sociais.
A externalización da transmisión das propostas políticas deixándoa exclusivamente nas maos dos medios de comunicación é a outra cara da moeda do uso desmesurado da publicidade e/ou o márketing político.
Todo isto trae consecuencias que non se pode dicir que sexan precisamente positivas.
En primeiro lugar o márketing e a publicidade probabelmente terminarán saturando á xente que talvez acabe por non facer caso e pensar que todas as organizacións políticas e sociais “andan ao seu”.
En segundo lugar se unha organización política ou social ou mesmo unha institución se pon nas maos dos poderes mediáticos que, á súa vez, están en maos dos poderes económicos, quedará a mercé deles que farán variar ao seu antollo o prestixio e o apoio con que contan estas organizacións ou institucións entre a cidadanía. Farán que este apoio aumente ou caia por terra en función dos seus intereses. Para aquelas organizacións que teñen os mesmos intereses que os poderes mediáticos ( ou viceversa) isto non é ningún problema senón todo o contrario. Mais para aquelas organizacións con intereses diferentes, mesmo contrapostos isto é un erro que hipoteca o seu futuro e o das súas ideas políticas.
En terceiro lugar, o márketing e/ou a publicidade acostuma a substituír ao contacto directo coa cidadanía. Para algunhas organizacións este contacto non é necesario, pero para aquelas que din traballar para que exista unha sociedade mellor que a actual, máis xusta e máis humana, debera ser absolutamente imprescindíbel. A práctica de dialogar coa xente e recoller as súas opinións debera ser crucial para elas.
Teño a impresión que as organizacións políticas, as organizacións sociais e as institucións compiten por ver quen fai mellor o márketing, por quen ten a mellor publicidade en lugar de competir por ter a mellor práctica de democracia participativa.
Haberá quen pense que competir por desenvolver o mellor márketing ou dispoñer da mellor publicidade é a única alternativa, mais eu non comparto isto. Existen outras. Por exemplo, entre elas, manter un contacto directo e continuo coa cidadanía ou realizar asembleas de maneira periódica e con frecuencia. Talvez desta maneira o avance social cara un mundo mellor sexa máis lento e custoso pero, na miña opinión, será máis firme. Cando hai uns días comentei esta posibilidade cun cargo público de determinada organización, contestoume que iso daba moito traballo. E claro que o da. Pero seica cremos que unha sociedade máis xusta e máis humana vai caer do ceo, sen traballar socialmente?
En resume creo que somos moitas as persoas que queremos ser tratadas polas as institucións e as organizacións políticas e sociais como o que somos, cidadáns e cidadás, e non simples integrantes da súa clientela.
Boa reflexión Calín. Mágoa que quenes van a parrilla eleitoral a volta non o lea e repense.