Espaço público, Cultura, Política, Comunidade, Território, Pessoas

Contestando algunhas ideas da ideoloxía dominante

Nos últimos meses decidín non mortificarme. Por iso procuro non escoitar a radio, nin ver a televisión nin ler os xornais. Falo, sobre todo, dos seus espazos informativos. É dicir, na medida do posíbel, procuro non asistir como espectador á propagación da ideoloxía dominante a traveso da insistente repetición dunha serie de ideas de argumentario. Sen embargo, as poucas veces que o fago impúlsanme a tratar de contribuír co meu gran de area á crítica desas ideas.

Haberá alguén capaz de crer que non era á xente deste país a quen se estaba dirixindo directamente Rosalía de Castro cando escribiu: «Probe Galicia, non debes chamarte nunca española»?

Hai algún tempo, cando o conflito catalán estaba nunha das súas épocas de apoxeo e desde o independentismo se lembraba que Catalunya ten dereito a decidir (autodeterminación), opinadores, opinadoras (tertulianos/as) e dirixentes do nacionalismo español (PP, Ciudadanos, PSOE) repetían continuamente: «os territorios non teñen dereitos, quen ten dereitos son as persoas». Dun momento a outro volverán insistir, supoño que agora coa colaboración de VOX. Isto é aplicábel tamén a Galiza ou Euskadi. Mais até as criaturas saben que cando se di, por exemplo, que Galiza ten este ou estoutro dereito, se está a falar das mulleres e dos homes que viven aquí, non do territorio. O curioso é que aquelas e aqueles líderes de opinión que tratan de diferenciar artificialmente entre territorios e persoas en cuestión de dereitos, noutras ocasións informan do seguinte xeito ( mais ou menos): «a ministra foi a defender os intereses de España na Unión Europea» ou «estanse poñendo en cuestión os dereitos de España sobre Ceuta e Melilla». Non quedamos en que os territorios non teñen dereitos? Haberá alguén capaz de crer que non era á xente deste país a quen se estaba dirixindo directamente Rosalía de Castro cando escribiu: «Probe Galicia, non debes chamarte nunca española»? Ou que cando Miguel Hernández exclamou: «Jaén, levántate brava; sobre tus piedras lunares; no vayas a ser esclava; con todos tus olivares.» o que estaba facendo era un chamamento ás pedras dese territorio para que se levantaran? Se cadra algunhas persoas poden pensar que aos tertulianos/as e dirixentes políticos do nacionalismo español lles falta capacidade e/ou rigor intelectual. Eu non o sei. Mais, en todo caso, entendo que esta é unha cuestión na que predomina a (moi) mala intención ou a pretensión de manipular, porque só a partir destas posicións se pode dicir que quen fala dos dereitos de Galiza ou Euskadi ou Catalunya está a falar dos dereitos dun territorio e non dos dereitos das persoas que viven nel.

Por outra banda, con moita frecuencia faise unha desmesurada exaltación do pacto. Ás veces mesmo se converte en obxectivo prioritario da actuación política. Uns partidos ofrecen pactos a outros sobre determinados temas. Os medios de comunicación reclaman pactos sobre isto ou aquilo. Mais case nunca se fala do contido do pacto. Dá a impresión de que o pacto en si mesmo é bo para a cidadanía, con independencia de que a maioría desta se vexa favorecida ou prexudicada co acordo. Posibelmente porque o que se pretende é favorecer a minoría na confianza de que determinado partido impoña as súas condicións. E para iso convénlles que sexa o propio pacto o que reciba a valoración positiva da maioría sen importar o seu contido.

Cómpre non esquecer que estamos nunha sociedade de clases antagónicas entre si. Dito doutra maneira, existen persoas que son explotadas por outras persoas que son explotadoras. Mesmo dentro do conxunto de clases desfavorecidas, moitas veces os intereses son distintos e incluso contraditorios.

Outra idea que se transmite a miúdo, case sempre implicitamente, é a de que a cidadanía forma un todo homoxéneo. En moitas ocasións, mesmo tamén se fai por parte das organizacións da esquerda. Así, con certa frecuencia, dise que determinadas medidas son boas ou más para as cidadás e os cidadáns. Mais cómpre non esquecer que estamos nunha sociedade de clases antagónicas entre si. Dito doutra maneira, existen persoas que son explotadas por outras persoas que son explotadoras. Mesmo dentro do conxunto de clases desfavorecidas, moitas veces os intereses son distintos e incluso contraditorios. Polo tanto é moi difícil que algo sexa bo ou mao para toda a cidadanía. O que é mao para unhas clases acostuma ser bo para outras. Ou podemos afinar aínda máis dicindo que en certas ocasións o que é bo para uns colectivos é mao para outros. Polo tanto semella que sería máis atinado indicar a que clase ou colectivo favorecen as medidas que se están propoñendo e que clase ou colectivo sae prexudicado.

Relacionada coa anterior está a idea de que aquilo que favorece á economía, favorece a todo o mundo. Pero a economía non vai ben nin mal con carácter xeral. O normal é que vaia ben para uns colectivos e mal para outros. Neste caso tamén as organizacións de esquerda caen moitas veces na trampa de querer demostrar que toda a cidadanía melloraría economicamente coas súas propostas en lugar de explicar a que colectivos lles vai ir ben con elas e a cales lles vai ir mal. Porén, cando se empeñan en demostrar que as súas propostas serían mellores economicamente, case sempre o fan baixo a premisa de que funcionan axeitadamente dentro do actual sistema económico, obviando que este foi construído á medida da xente rica —eufemismo para non dicir grande burguesía—, que desde logo sabe moi ben como xestionalo no seu propio beneficio facendo crer que é en beneficio de todo o mundo. Por iso, entre outras razóns, a esquerda leva moitas veces as de perder nos debates sobre temas económicos.

Non sei se estas reflexións valen de algo. Pero agardo que cando menos vallan para animar a entrar no debate ideolóxico fronte ás ideas dominantes. Incluso a min que ultimamente non teño moitas ganas de debater. Boa falta fai.

Sobre o autor

Xoán Carlos Carreira Pérez

Doutor engenheiro agrónomo, professor de Engenharia Agroflorestal na Universidade de Santiago de Compostela. Autor de vários livros e artigos científicos, tem colaborado em diversos meios de comunicação, como A Nosa Terra, El Progreso, Vieiros e Praza Pública.

Comenta aqui!

Comenta aqui!

Espaço público, Cultura, Política, Comunidade, Território, Pessoas

Elias J. Torres Feijó

Tenta trabalhar coletivamente e acha que o associativismo é a base fundamental do bom funcionamento social e comunitário. A educação nos Tempos Livres é um desses espaços que considera vitais. Profissionalmente, é professor de Literatura, em origem, e, mais, na atualidade, de Cultura.

Xoán Carlos Carreira Pérez

Doutor engenheiro agrónomo, professor de Engenharia Agroflorestal na Universidade de Santiago de Compostela. Autor de vários livros e artigos científicos, tem colaborado em diversos meios de comunicação, como A Nosa Terra, El Progreso, Vieiros e Praza Pública.

Xosé Manuel Sarille

Polemista e tamén escritor. Autor do ensaio "A Causa das Mulleres". A quen lle interese lelo pode solicitalo neste blog e enviaráselle ao enderezo correspondente sen custo ningún do exemplar nin do transporte.

Manuel Jordán Rodríguez

Lembrado e Querido Manuel Ánxel

Viva Cerzeda

Espaço público, Cultura, Política, Comunidade, Território, Pessoas… Viva Cerzeda é a comemoração, para nós, da amizade, do bom humor sempre que possível e de tentar contribuir com algumhas ideias e opiniões para entender(mos) e atuar(mos) do melhor modo o mundo… É ambicioso mas é-che o que há… e para mais não damos…

Contacta-nos aqui

Acompanha