Espaço público, Cultura, Política, Comunidade, Território, Pessoas

Convencemento ou derrota?

Calquera proceso de cambio comeza cando a persoa recoñece que estaba equivocada, algo que a todas nos custa. Isto tamén se pode aplicar cando as persoas se encontran diante dunha reconsideración do apoio que viñan dando á organización política que corresponda. Non obstante, neste caso, para que se produza esta reconsideración non abonda coa asunción do propio erro porque, a maiores, a persoa debe chegar ao convencemento, doloroso moitas veces, de que aquela organización na que confiaba posibelmente xa nunca máis o vai facer mellor. Pero tal convencemento tampouco é suficiente para o cambio. Para que este se dea é necesario aínda atopar quen acolla politicamente á persoa que quere cambiar sen botarlle en cara o seu pasado nin considerala «apestada».

Noutros momentos da historia, a chegada ao poder por parte da esquerda en distintos países do mundo produciuse despois de derrotar, en ocasións mesmo violentamente, ao inimigo de clase e/ou político. Neste momento histórico e no futuro que se pode albiscar considero que a esquerda, no noso contexto socio-político, non accederá ao poder por outra vía distinta da electoral, agás excepcións que nunca se poden descartar nin prever. Non obstante, séguense aplicando ao traballo político e social os esquemas daqueloutro tempo.

En máis dunha ocasión teño asistido a mobilizacións convocadas para protestar por determinadas situacións ou problemas onde se culpaba de ter provocado estes á xente que votaba a un partido concreto (chamémoslle partido X). O berro que dicía «a culpa é dos votantes de X» xurdía dende dentro das manifestacións, pero ás veces, tamén dende a propia organización. Non quero entrar a valorar se estes berros eran xustos ou inxustos, pero o que si quero é facer algunhas reflexións. Aínda que o problema concreto polo que se protestaba fora causado por decisións do partido X, moi probabelmente a inmensa maioría das persoas que o votan non participaron na toma destas decisións. En consecuencia non se ven a si mesmas como culpábeis e senten como unha ofensa o feito de seren sinaladas como tales. ¿Alguén cre que estas persoas que votan ao partido X van cambiar o voto para darllo a quen, dende o seu punto vista, as está ofendendo? ¿Alguén cre que as votantes e os votantes do partido X van pasar a darlle o voto a organizacións conformadas por persoas que lle amosan abertamente tamaña hostilidade?

Moitas veces as organizacións políticas queren «derrotar» ás súas contrincantes buscando a derrota de quen as vota e precisamente iso fai que lles sexa enormemente complicado conseguilo. En ocasións, practicamente inviábel. Actualmente, como xa dixen aquí enriba, o máis probábel é que a chegada ao goberno de calquera organización política esixa non derrotar ás persoas que son votantes das outras organizacións senón convencelas para que cambien de opinión. E este cambio de opinión só se producirá se a primeira consegue converterse nun novo referente político. Pero iso non se vai lograr facendo ver unicamente a enorme fosa que pode separar ás organizacións políticas que queren ser alternativa daquelas que hoxe son maioritarias, senón amosando tamén cal é a ponte pola que se pode atravesar. En todo caso, isto probabelmente non evitará que finalmente sexa necesario impoñer o proxecto dunha sociedade máis xusta e máis humana a ese sector absolutamente minoritario que pretende manter unha sociedade radicalmente inxusta baseada na súa opresión sobre a maioría.

Así por exemplo, desde unha perspectiva nacionalista e por riba das visións a curto prazo, sería moi importante abrir liñas de actuación respecto daquelas persoas que, aínda que sexan partidarias dalgún tipo de unión dentro do Estado Español, estarían dispostas, por conviccións democráticas, a aceptar que deben ser as galegas e os galegos quen decidan o seu futuro.

Hoxe probabelmente existe un exceso de información pero é posíbel atopar bastante ou moita que é boa. A dificultade está en seleccionar o que verdadeiramente se necesita para reflexionar e/ou actuar. E isto está relacionado co papel das vangardas. Hoxe máis que unhas poucas persoas de vangarda grandemente influentes, o que existen son moitos puntos de referencia. Non se sabe moi ben como actuar en organizacións onde as bases non só seguen á líder ou ao líder senón que pensan, opinan e son protagonistas, expresando as súas ideas con fundamento e claridade. Alén diso, loxicamente, tamén queren ter razón. Cando a vangarda olla cara atrás para confirmar que a seguen, ás veces non ve a ninguén (ou case ninguén) pero non acaba de darse conta de que se non ve á xente detrás dela se cadra é porque xente vai por diante.

Sobre o autor

Xoán Carlos Carreira Pérez

Doutor engenheiro agrónomo, professor de Engenharia Agroflorestal na Universidade de Santiago de Compostela. Autor de vários livros e artigos científicos, tem colaborado em diversos meios de comunicação, como A Nosa Terra, El Progreso, Vieiros e Praza Pública.

Comenta aqui!

Comenta aqui!

Espaço público, Cultura, Política, Comunidade, Território, Pessoas

Elias J. Torres Feijó

Tenta trabalhar coletivamente e acha que o associativismo é a base fundamental do bom funcionamento social e comunitário. A educação nos Tempos Livres é um desses espaços que considera vitais. Profissionalmente, é professor de Literatura, em origem, e, mais, na atualidade, de Cultura.

Xoán Carlos Carreira Pérez

Doutor engenheiro agrónomo, professor de Engenharia Agroflorestal na Universidade de Santiago de Compostela. Autor de vários livros e artigos científicos, tem colaborado em diversos meios de comunicação, como A Nosa Terra, El Progreso, Vieiros e Praza Pública.

Xosé Manuel Sarille

Polemista e tamén escritor. Autor do ensaio "A Causa das Mulleres". A quen lle interese lelo pode solicitalo neste blog e enviaráselle ao enderezo correspondente sen custo ningún do exemplar nin do transporte.

Manuel Jordán Rodríguez

Lembrado e Querido Manuel Ánxel

Viva Cerzeda

Espaço público, Cultura, Política, Comunidade, Território, Pessoas… Viva Cerzeda é a comemoração, para nós, da amizade, do bom humor sempre que possível e de tentar contribuir com algumhas ideias e opiniões para entender(mos) e atuar(mos) do melhor modo o mundo… É ambicioso mas é-che o que há… e para mais não damos…

Contacta-nos aqui

Acompanha