Contemplada dende o plano da sensibilidade e o sentimento:
Cabe una visión empática, sen limites, ecosistémica. Todos os animais son seres individuais parellos a nós. Tripulantes todos do planeta terra, compartimos con eles natureza sensíbel e doe calquera sufrimento infrinxido a calquera ser. Denuncian a hipocrisía e a contradición de moitos dos que somos fervorosos militantes da maior organización de masas en Galiza — o PCHB (Polbo, Churrasco, Bacallau) — que, deseguido, despois da fartura, volvémonos sentimentais. Bágoas de crocodilo.
Cabe fixarse na relación sentimental de cadaquén co seu can . É un enfoque menos estrutural, individualista, pero ao cabo, cando de relación sentimentais se trata… o corazón ten razóns que a razón non entende.
Hai compaixón diante dos sufrimentos de cans e persoas na metáfora do can de palleiro como crítica aberta á pobreza e o analfabetismo. Pobre can de palleiro abandonado da sorte. Tamén, na mesma liña, morrer/vivir coma un can. E, non obstante, paradoxos da evolución social, os magníficos publicistas de Gadis: autoidentificación e orgullo co can de palleiro, «vivamos coma galegos».
Cabe fixarse na relación sentimental de cadaquén co seu can . É un enfoque menos estrutural, individualista, pero ao cabo, cando de relación sentimentais se trata… o corazón ten razóns que a razón non entende.
Dende aí os sentimentos son espello, quizá egoísta, do que ollamos no can. Fidelidade, devoción inquebrantábel e cariño absoluto, ¿amor? Nobreza: non hai mentira nos cans. Compañía, ¿só un can? moitas horas pasadas na única compaña de só un can, momentos de melancolía e anguria onde o toque suave do fociño húmido distrae e saca do ensimesmamento triste. Velan o soño nas noites longas. Doutra volta o contraste cos momentos idos: a soidade non voluntaria das persoas, as vacas ausentes para tantos e os cans, refuxio de afecto. E agora non só, nin principalmente, para os do patio de butacas.
Para moitos, pola sua mediación, ábrense outros mundos sensíbeis. Momentos de alegría, puro instinto sen cancelas, conexión total coa natureza. Epifanía. Revelación do absolutismo da natureza descarnada, felicidade con ben pouco, do can cando corre ceibe. Leccións. Carpe diem.
Noutros a atención aos cans contrasta coa antipatía fronte os demais. Misantropía: canto máis coñezo os homes máis quero ao meu can. Risco de situacións patolóxicas dende o punto de vista social: nun lado o can e o seu dono, eventualmente hostís, no outro todo canto se move. Evocamos como caso extremo o mito do Cérbero terribelmente inmisericorde con vivos e mortos gardando as portas do inferno. E, non obstante, pode haber tenrura nos asasinos agarimando o seu can.
O Lan , inquedo e con todo o sol nos ollos, tira por min para me contar que o mundo se fixo primavera e agarda fóra.
P.D. Para o Elias e familia, con cariño e admiración polo seu abnegado amor aos cans.