Bernard Cassen nun artigo en Le Monde Diplomatique (1) en novembro de 2010 expresaba deste xeito o desconcerto da esquerda:
A nosa situación actual localizase nun lugar exactamente contrario ao que prevalecía a principios do século XX, cando a esquerda sabia que facer mais debía esperar pacientemente o momento axeitado para actuar. Hoxe non sabemos o que temos que facer, pero temos que actuar de inmediato, porque a nosa inercia axiña podería producir consecuencias desastrosas. Mais que nunca estamos obrigados a vivir “como si foramos libres”.
Diante desta necesidade de actuar sen saber moi ben que facer e como facer, desde o meu punto de vista, hai algunhas ideas que conviña ter presentes. Resúmoas a continuación.
Aplicar receitas aos problemas sociais non sempre dá o resultado agardado
Non hai solucións para os problemas que abrangan todo o tempo e o espazo. Pero ser conscientes de que carecemos de receitas universais non quer dicir que non poidamos facer propostas que resulten axeitadas para cada situación concreta.
Non é nada raro en distintos campos do coñecemento. Por exemplo a Ciencia Física, non ten unha teoría con validez universal que poida explicar o mundo. Mais ¿impediunos coñecelo mellor e avanzar cientificamente?… pois vos diredes. Eu creo que non nolo impediu.
A ecoloxía veunos a demostrar que o equilibrio ecolóxico é moi inestable. Unha poboación dunha determinada planta ou animal pode axudar a manter o equilibrio do conxunto do sistema. Mais esa mesma poboación pode ser un perigo para o mesmo se outras poboacións modifican o seu numero e/ou composición. Ou se as condicións climáticas cambian. Cando ocorre isto, acadase un novo equilibrio e unha nova posición da poboación inicial que necesitará medrar, diminuír , cambiar … ou seguir igual.
Non pretendo facer exactamente un paralelismo coa análise e a intervención nas sociedades nas que vivimos. Sen embargo, si pretendo poñer de manifesto que neste caso estamos tamén diante dunha ecuación con múltiples variábeis que, no caso de ter unha única solución, probablemente se chegue a ela mediante “aproximacións sucesivas”.
Xa que logo, poderemos considerar que a acción dunha organización política ou social é boa si é unha aproximación suficiente, aínda que non resolva a ecuación de maneira perfecta , aínda que haxa outras solucións igual de boas … ou mesmo mellores. “Todo é asegún” , como lle escoitei a certa persoa.
A importancia do método
Polo tanto, si non nos poden guiar nin receitas nin solucións universais, porque non existen, ao mellor temos que volver a atención sobre o método. Por exemplo, perder o medo ao erro e non utilizalo como un pretexto para “cargarse” ao adversario/a político/a ( interno/a ou externo/a). Por exemplo valorando cada actuación feita, marcando obxectivos e analizando o seu cumprimento. Por exemplo, admitindo que, na inmensa maioría das ocasións, hai máis de unha única solución válida. Por exemplo admitindo que non hai solucións perfectas, que todas teñen vantaxes e inconvenientes e que, por iso, hai que contrastalas na practica e, se cadra, modificalas sobre a marcha. Mais para iso, “cambiar de opinión” sobre unha medida concreta non debería ser “ a priori” un problema en si mesmo, aínda que así se presente na maioría das ocasións. É moi complicado que poidamos ter solucións universal e permanentemente validas, pero podemos ter un método axeitado para que ter máis probabilidade de atopalas en cada momento
¿Que obxectivos se perseguen?
A min paréceme que na nosa vida diaria e colectiva case sempre estamos preocupados/as ou debatendo sobre o xeito de acadar os obxectivos. E tan centrados estamos nisto, que deixamos que sexan outros quen os marquen. Así vexo como a esquerda e o nacionalismo debaten internamente e fan propostas sobre o xeito de aumentar o PIB. Mais ¿quen inventou o PIB? ¿ Serve o PIB para avaliar á nosa calidade de vida? ¿Quen decidiu que aumentar o PIB é o obxectivo?
Na nosa vida diaria pásanos o mesmo. Estamos continuamente preocupados/as por consumir. Pero ¿ quen decidiu que a nosa vida ten como obxectivo consumir?
O peor é que mentres nos seguimos pelexando por chegar aos obxectivos que outros nos marcaron, eles xa están pensando en novos obxectivos para nós. E a seguir correndo tras deles.
Remato con outra cita de Bernard Cassen no mesmo artigo de Le Monde Diplomatique (1) en novembro de 2010:
o argumentario dos descontentos […] non contén ningún elemento programático, só unha negativa a ver desaparecer conquistas sociais. A utopía do movemento social xa non consiste en cambiar o sistema senón en convencerse de que este pode conformarse con soster o Estado do Benestar.
- Le Monde Diplomatique. Novembro de 2010. En: https://mondiplo.com/-2010-11-