Estes días as persoas xubiladas están a realizar mobilizacións para reivindicar un aumento da súa pensión. Malos tempos onde a xente maior ten que saír á rúa a loitar polo seu medio de vida e o das persoas mais novas que, con traballos precarios ou sen traballo, teñen que vivir a conta desa mesma pensión. En Galiza sabemos bastante ben ate onde poden dar de si as pensións das persoas maiores que foron as que permitiron en grande medida a chamada “modernización” das explotacións agrarias e a evolución social ascendente. Pero utilizar as pensións de xubilación para cousas diferentes que a de asegurar unha boa calidade de vida ás persoas que as reciben non debería ser aceptábel nos comezos do século XXI.
Se as pensións son un dereito, ¿ por que non se poden pagar cos impostos?
As pensións témolas que pagar, cando menos en parte, nós mesmos/as durante a nosa vida laboral. Cobramos en función do que cotizamos. Sen embargo, desde o meu punto de vista, e creo que da maioría da xente, as pensións son un dereito que teñen as persoas maiores. Podemos dicir que son a renda básica que ten asegurada ese grupo de poboación, bastante vulnerábel por certo. Mais os dereitos deben estar garantidos polos orzamentos xerais, é dicir polos impostos que, se son xustos, permiten redistribuír as rendas e tenden a igualar as persoas, neste caso na contía da paga que receben. Isto pode non ser viábel na súa totalidade a curto prazo, pero creo que non se pode agardar mais para empezar a abordar o asunto. Certo é que a mesma reflexión sería aplicábel a outros colectivos desfavorecidos en situación as veces mais precaria que a de moitos/as pensionistas. Pero iso levaríanos ao debate entre a alternativa da “protección social” ( en moitos casos un novo nome para a vella caridade ) e a alternativa da Renda Básica Universal…e as propostas intermedias que se poden implementar. E iso terá que quedar para outro día.
¿Que está acontecendo para que sexa a xente maior e non a xente nova quen se mobilice para asegurar o futuro das pensións?
A min dáme a impresión de que unha parte importante da xente nova, agás excepcións, ten interiorizado que este é o mellor dos mundos posíbeis e que non hai alternativa. Os xeradores da ideoloxía do poder, é dicir, a maioría dos medios de comunicación, a maioría das organizacións políticas e sociais, a maioría das familias, o sistema educativo hexemónico, entre outros, fixeron moi eficazmente o seu labor. Hoxe moita xente semella crer que a nosa posición social é unha cuestión de sorte ou de capacidades individuais. É dicir que non hai clases sociais, que a xente pobre non o é porque outra xente se apropie da riqueza que xera, que a xente oprimida non o está porque hai alguén que a oprime e que unha persoa pode estar explotada sen que ninguén a explote. Ate son capaces de conseguir que a xente asuma que os/as presos/as cataláns detidos/as pola súa actuación no proceso de independencia, non foron reprimidos/as polas súas ideas políticas senón porque incumpriron a lei, coma se faría con calquera outra persoa. Moita xente pensa que democracia só consiste en votar cada catro anos e cree que a participación nas organizacións sociais e na toma de decisións non forma parte da esencia dun sistema democrático.
Mais se estes/as creadores/as de opinión fixeron moi ben o seu traballo ¿Que fixemos mal a xente da nosa xeración e mesmo esas persoas xubiladas que agora teñen que saír a defender o nivel de vida da súa familia ? ¿ Que fixemos mal para non conseguir polo menos introducir a dubida sobre si outro mundo é posíbel?
Hai persoas que temos unha visión alternativa deste sistema social que se aparta do “pensamento único” que nos transmiten aqueles/as que teñen o poder de expandir a súa visión do mundo. Mais non fomos quen de transmitila con eficiencia. A razón non sei cal é. Se cadra que nos movemos entre o cambio de opinión ( implícito ) sobre as bondades do sistema, por unha banda e o dogmatismo, pola outra. Ou se cadra por esquecer que a xente que ven atrás non ten por que entender as cousas como as entendemos nos xa que viven unha realidade diferente . Ou se cadra porque non temos razón. Ou se cadra … que sei eu.
É probábel que ao igual que as persoas xubiladas teñen a necesidade de volver saír a defender o seu “salario”, tamén será necesario que moitas persoas volvamos comunicar aquilo que (nalgún caso desde hai décadas) temos asumido e interiorizado. Explicalo a outras moitas persoas que o descoñecen mais do que cremos. Desde o principio. De novo e desde cero.