Na páxina web de Fragas do Mandeo [1] indícase que o efecto das especies exóticas invasoras nos ecosistemas está considerado como a segunda causa máis importante na perda de biodiversidade. E tamén se pode ler que producen cambios e alteracións nos ciclos bioxeoquímicos, a homoxeneización dos ecosistemas e das comunidades, e incluso a extinción de especies nativas. Ademais, segundo Arcea [2] , invaden vías de comunicación, cursos de auga, introducen pragas e enfermidades e tamén poden ocasionar importantes custes económicos e de saúde, por exemplo alerxias.
Os datos que imos dar a continuación están tomados do informe “Especies exóticas invasoras en Galicia: diagnostico da situación actual e propostas de liñas de actuación” elaborado por Arcea [2] para a Xunta de Galiza . Neste país, hai 154 especies exóticas de plantas con comportamento invasor e 89 con potencial invasor. Son introducidas fundamentalmente polo seu valor ornamental en xardinería (44%) ou involuntariamente (42%), incluídas as chamadas malas herbas. En canto aos vertebrados están citadas como invasoras 10 especies de peixes continentais, 75 especies de aves e 1 mamífero. ¿ Son preocupantes estes datos? Ao meu entender o suficiente como para empezar a tomar en serio o problema.
Tamén existe responsabilidade individual. Dúas actitudes opostas poden ter a mesma consecuencia. O interese que temos por ser singulares ou a tendencia a imitar o que fan outras persoas, mesmo nas casas e xardíns, converte á xardinería na responsábel de case a metade dos casos de introdución de plantas exóticas.
Hai persoas que argumentan que o problema non é tan grave xa que sempre se introduciron especies doutras latitudes. E poñen exemplos positivos como o das patacas ou tomates. Tamén se podían poñer exemplos negativos como o eucalipto, pero non se trata de entrar nesta dinámica. O que si compre é lembrar que unha vez roto o equilibrio do ecosistema, despois tarda moito tempo en volver a restablecerse. Tempo do que ao mellor se dispoñía en séculos pasados, pero que hoxe en día é moi difícil que se lle dea. Ademais a situación do rural era moi distinta con moitos milleiros de persoas vivindo e traballando a terra, é dicir, exercendo, consciente ou inconscientemente, un control sobre as especies invasoras. A día de hoxe co despoboamento do rural isto non é posíbel.
En resumidas contas, tanto desde o punto de vista individual como colectivo, haberá que empezar a darlle a importancia que ten a esta realidade.
Referencias
[1] Fragas do Mandeo, 2017. “As especies invasoras. Un silencioso perigo”. En http://www.fragasdomandeo.org/habitats/as-especies-invasoras/[2] Xunta de Galiza. 2006. Especies exóticas invasoras en Galicia: diagnostico da situación actual e propostas de liñas de actuación. Arcea- Xestión de Recursos Naturais SL ( Mouriño Lourido, Salvadores Ramos, Bernardez Villegas,César Aldariz . En http://www.agroba.org/downloads/xestec-11/pdf1-125.pdf
[3] Savia. “Siete preguntas claves sobre el retamo espinoso y su amenaza en Colombia” En https://www.saviabotanica.com/noticias/siete-preguntas-clave-retamo-espinoso-amenaza-colombia/. Consultada en xuño de 2018.
[4] UICN: Unión Internacional de Conservación da Natureza
Imagem: Vespa Velutina, por Pierre Anquet.