Tamén se dá en Galiza? A resposta mais común e inmediata da maioría da xente sería negativa. Segundo Corbelle et al. [2], en Galiza existen mais de 11 millóns de parcelas e 1,6 millóns de propietarios/as. Neste país, a propiedade da terra aparentemente semella moi repartida. Para algunhas persoas, mesmo demasiado.
Sen embargo compre non esquecer movementos puntuais pero importantes. Un deles é a expansión das actividades mineiras. Segundo unha información de María Fernández [3], en 2010, as concesións ocupaban preto do 5% do territorio e os permisos de investigación afectarían a aproximadamente a metade da superficie do país. Outro é a expansión das plantacións de arbores de crecemento rápido (fundamentalmente piñeiro e eucalipto) que segundo FUHEM-ecosocial [1] tamén forman parte do actual proceso de acaparamento de terras, aínda que moitas veces se pasa por alto.
Así pois, se analizamos este fenómeno baixo a perspectiva do control do uso da terra, a situación xa non semella tan clara e a resposta á pregunta de si se dá en Galiza acaparamento de terras xa non pode ser tan contundentemente negativa. Desde o noso punto de vista, na realidade existe unha importante concentración de usos da terra, derivada, entre outras causas, do feito de que as/os labregas/os están desposuídas/os da propiedade real das mesmas, entendida como a capacidade de decidir precisamente sobre o seu uso. No conxunto de Galiza, os cultivos forestais arborizados e os destinados á alimentación animal ocupan o 92% da superficie destinada á produción agraria e/ou forestal do país.
A esta concentración de usos contribúen distintos factores. En primeiro lugar unha especialización produtiva imposta desde o exterior, xa que, segundo indica David Soto [5], na actualidade a principal función dos agroecosistemas galegos na organización dos fluxos de materiais do Estado Español é a de ser o principal provedor de madeira e de leite. En segundo lugar, a concentración de demanda dos produtos en moi poucas empresas. En terceiro lugar, no caso do sector gandeiro, as “suxestións” das cadeas integradoras,cooperativas, primeiros compradores, empresas de servizos e unha parte importante de técnicos/as sobre o que hai producir e con técnicas facelo. En cuarto lugar, a demanda de terras por parte das explotacións gandeiras mais grandes. En quinto lugar, unha destrución dos canles de comercialización e de subministro de inputs para todas aquelas producións que non forman parte da especialización determinada. En sexto lugar, o abandono da investigación e o desenvolvemento tecnolóxico, incluída a maquinaria, para todo aquelo que non forme parte dos monocultivos exportadores. E finalmente, as directrices de política agraria.
Do acaparamento de terras en Galiza apenas se fala porque semella que quedamos ao marxe desta tendencia xeral. Agardo que estas liñas sirvan para reflexionar un pouco mais e dispoñer doutra perspectiva sobre este tema, un dos de maior transcendencia a nivel mundial
Referencias:
[1] FUHEM Ecosocial. 2013. Coordinación e tradución: Nuria del Viso El acaparamiento global de tierras. Guía básica. Programa de Justicia Agraria de TNI. FUHEM, Xuño 2013
[2] Corbelle Rico, E.; Enríquez Garcia; M.J.; Onega López, F.; Crecente Maseda, R. 2016. Un enorme bazar. O mercado de terras en Galicia” ISBN: 978-84-16533-77-0. Universidade de Santiago de Compostela, 2016.
[3] Fernández, Maria. 2012. El 5% del territorio gallego está en manos de explotaciones mineras. EL PAÍS, 16 de maio de 2012.
[4] Coordinadora Europea Vía Campesiña. 2016. “¿Cómo definimos acaparamiento de tierras? “. En http://www.eurovia.org/wp-content/uploads/2016/11/como-definimos-el-acaparamiento-de-tierras.pdf