Espaço público, Cultura, Política, Comunidade, Território, Pessoas

Explotacions mineiras, forestais e gandeiras

O acaparamento de terras para prover ao Estado español

Este domingo tivo lugar unha importante mobilización contra o proxecto de extracción de cobre na mina situada nos concellos de Touro e O Pino que se estendería por unhas 600 Has e que, segundo as Comisións Labregas- Sindicato Labrego Galego, ameazaría o emprego directo de arredor de 160 persoas na gandería.

Tense falado mais dunha vez sobre os impactos contaminantes dos megaproxectos de minería. Non vou insistir neles. Sen embargo gustaríame analizar este tipo de actividade e algunha outra desde dúas perspectivas diferentes: a do acaparamento de terras e a da dependencia económica de Galiza ( chámelle cadaquén como quixer, para non volver agora a repetir debates de hai décadas). Dúas perspectivas que, en realidade, son dous enfoques do mesmo problema.

Segundo indican Corbelle e outros/as (1) , existen en Galiza arredor de 11 millóns de parcelas rústicas e 1,6 millóns de propietarios/as. O 60% dos concellos teñen maior numero de propietarios/as de parcelas rústicas que de habitantes. Podemos dicir que en Galiza a propiedade legal da terra está moi repartida. Sen embargo non deixan de existir indicios de algúns procesos de acaparamento de terras. Un deles precisamente é o que se produce para implantar as explotacións mineiras e outro, por exemplo, a compra de terras por parte dalgunhas industrias para implantar monocultivos forestais.

Compre chamar a atención de que unha cousa é a propiedade legal das terras e outra a propiedade real, entendida como a capacidade para controlar o uso das mesmas e o proceso produtivo que se implanta nelas. É doado albiscar que son as políticas das administracións e/ou os intereses das empresas ( que poden ser coincidentes ) as que están desposuíndo á xente da propiedade real, impoñendo dun xeito ou doutro un determinado uso da terra e conducindo a unha significativa concentración do mesmo.

Segundo o Ministerio de Enerxía, existían en Galiza mais de 250 explotacións mineiras no ano 2015, e segundo unha información de María Fernández (2), no 2010, as concesións ocupaban mais de 55.000 Has, preto do 5% do territorio e os permisos de investigación afectarían a aproximadamente a metade da superficie do país. Por outra banda, podemos intentar facer unha aproximación para estimar os datos da concentración de usos nas superficies destinadas á produción agraria e/ou forestal. No conxunto de Galiza, os cultivos forestais arborizados e os destinados á alimentación animal ocupan a maior parte das terras. Entre estes dous usos estase ocupando o 92% da superficie destinada á produción agraria e/ou forestal do pais.

A esta concentración do uso da terra hai que engadir o absorción das producións por parte dunhas poucas empresas. A produción de case a metade da superficie agraria e/ou forestal de Galiza, está sendo acaparada por menos de dez empresas.

Como en outros moitos aspectos, a cunca pódese ver medio chea ou medio valeira. Pero o certo é que, en Galiza, existe unha concentración de usos e un acaparamento das producións de bastante importancia que vai moito mais aló da aparentemente baixa concentración da propiedade legal de terras. Desde o meu punto de vista, esta tendencia debería ser freada aínda que por suposto pode haber quen a considere admisíbel ou mesmo boa. Isto depende de valoracións ideolóxicas, políticas e/ou sindicais. En todo caso, este fenómeno ten moito que ver co sistema produtivo e o modelo agrario que se implantou nas últimas décadas e do que xa podemos valorar as consecuencias: un medio rural que se desertiza, un balance agroalimentario negativo e un valor engadido neto que practicamente non medrou durante os dez últimos anos dos que temos dados.

Como indica David Soto (3) ao analizar os cambios no fluxo de biomasa durante o proceso de industrialización da agricultura galega nos últimos cincuenta anos, os problemas da mesma están moi influenciados pola organización da economía en función doutras realidades alleas. Dito doutra maneira, están moi condicionados pola dependencia do exterior e polos fenómenos de especialización produtiva das distintas zonas do Estado Español, de Europa e mesmo do mundo. Na actualidade, a principal función dos agroecosistemas galegos semella a de ser os principais provedores de madeira e de leite para o Estado Español. Ao fío disto, xurde unha pregunta que agardo que alguén saiba responder : ¿ tamén principais provedores dos produtos extraídos das minas?

Notas

  1. Corbelle Rico, E.; Enriquez Garcia; M.J.; Onega López, F.; Crecente Maseda, R. 2016. Un enorme bazar. O mercado de terras en Galicia” ISBN: 978-84-16533-77-0. Universidade de Santiago de Compostela, 2016.
  2. Fernandez, Maria. 2012. El 5% del territorio gallego está en manos de explotaciones mineras. EL PAIS, 16 de maio de 2012.
  3. Soto Fernández, D. ( 2015) . “Del manejo multifuncional del territorio a la desarticulación produtiva: cambios en los flujos de biomasa durante el proceso de industrialización de la agricultura gallega ( 1960-2012 )”. Sociedad Española de Historia Agraria – Documentos de Trabajo. DT-SEHA 1505 . ISSN: 2386-7825.

Sobre o autor

Xoán Carlos Carreira Pérez

Doutor engenheiro agrónomo, professor de Engenharia Agroflorestal na Universidade de Santiago de Compostela. Autor de vários livros e artigos científicos, tem colaborado em diversos meios de comunicação, como A Nosa Terra, El Progreso, Vieiros e Praza Pública.

Comenta aqui!

Comenta aqui!

Espaço público, Cultura, Política, Comunidade, Território, Pessoas

Elias J. Torres Feijó

Tenta trabalhar coletivamente e acha que o associativismo é a base fundamental do bom funcionamento social e comunitário. A educação nos Tempos Livres é um desses espaços que considera vitais. Profissionalmente, é professor de Literatura, em origem, e, mais, na atualidade, de Cultura.

Xoán Carlos Carreira Pérez

Doutor engenheiro agrónomo, professor de Engenharia Agroflorestal na Universidade de Santiago de Compostela. Autor de vários livros e artigos científicos, tem colaborado em diversos meios de comunicação, como A Nosa Terra, El Progreso, Vieiros e Praza Pública.

Xosé Manuel Sarille

Polemista e tamén escritor. Autor do ensaio "A Causa das Mulleres". A quen lle interese lelo pode solicitalo neste blog e enviaráselle ao enderezo correspondente sen custo ningún do exemplar nin do transporte.

Manuel Jordán Rodríguez

Lembrado e Querido Manuel Ánxel

Viva Cerzeda

Espaço público, Cultura, Política, Comunidade, Território, Pessoas… Viva Cerzeda é a comemoração, para nós, da amizade, do bom humor sempre que possível e de tentar contribuir com algumhas ideias e opiniões para entender(mos) e atuar(mos) do melhor modo o mundo… É ambicioso mas é-che o que há… e para mais não damos…

Contacta-nos aqui

Acompanha