Espaço público, Cultura, Política, Comunidade, Território, Pessoas

Facer o inventor

Para ordenar os carros dos supermercados, un señor arxentino incorporoulles un artefacto pequeno no que se mete unha moeda e resolveu o asunto. Un militar aragonés pendurou tiras de tea no remate dun pau, colocou unha cesta no balde da auga de fregar o solo e desta maneira rematou cun sufrimento das mulleres, case tan duro como lavar a roupa durante o inverno, abolido polo inventor da lavadora. Para non matarse nos accidentes de circulación, un enxeñeiro de Stuttgart atou unha fita polos dous lados do asento, cinguida ao peito do viaxeiro e tal invento transformou decisivamente a seguridade das viaxes.

A sensación que nos domina cando nos din estas cousas é que calquera desas asociacións mentais puidemos telas elaborado nós. Trátase da brillantísima simplicidade. O resultado é tan evidente, tan de sentido común, que case non necesitaríamos mover nin unha neurona para desenvolvela; o único especial é que xa se lles ocorreu aos outros. Tamén pasa iso cos relatos de Julio Cortázar… En fin.

Sempre gustei dos inventos. Cando entendín o asunto do pau do chupa-chups , pinchado na bola para non mancharse, pensei que para discorrer estas bobadas tiña que haber un método, algunha sucesión lóxica. Que quen a exercitase con certa frecuencia, aplicándose nela e poñendo o ollo para as carencias de funcionalidade observábeis a simple vista, adquirindo por tanto o hábito de fixarse, conseguiría resultados. Os inventores deben ter certa rutina, concluín daquela. Pero foi só unha diversión, nada máis, compartida coas persoas íntimas, unha brincadeira moi simpática, sen pretensión ningunha. Minto algo, porque cheguei a comunicar co departamento de patentes para coñecer a formalidade.

Era fácil captar, por exemplo, que ninguén se lembraba dos paraugas cando saía dos lugares públicos; entón era suficiente con instalar dous chips, un no puño do paraugas, onde ía a etiqueta co nome e o enderezo do propietario, e outro na arandela das chaves, que pitaría ao distanciarse da valiosa propiedade, tan estimada cando chove como esquecida cando para. Os chinos só tardaron meses en asolagar de nylons despregábeis as latitudes do mundo húmido e cancelouse o invento. Así houbo outros que non lles vou contar, porque me dá o riso.

Pero vin unha, porque isto son visións, que decidín non deixar pasar tan alegremente. Os viaxeiros móvense con maletas, até aquí estamos de acordo. Constábame que Louis Vuitton, fillo de humilde muiñeiro, fabricara para a raíña Euxenia un baúl recto en troca dos estándares ovalados de sempre. Este novo era fácil de amorear e ademais cando se abría, unha das metades aparecía constituída por finos caixóns e na outra instalara unha barriña con perchas para pendurar a roupa, como nun armario. Conseguira a evidencia. Os viaxeiros móvense con malas e pasan moito tempo de pé, con incomodidade, pensei eu, nas portas de embarque, nas estacións.

Se o colega Louis concluíra o seu artefacto, debía ser ben sinxelo deseñar outro moi firme que ao apertar as rodas contra o solo e escamotealas, abrise un respaldo por riba e permitise formar un asento cómodo e saudábel que sentara a todos os que agardan. Para unha necesidade colectiva, unha solución sinxela.

Alguén debía deseñalo e nunha viaxe a Fene (non a iso especialmente, que quede claro) visitei a Xaquín Marín no seu traballo, e propúxenlle o deseño. A formación orixinaria do grande artista gráfico é o debuxo industrial. Ouviu con atención e ao cabo dunhas semanas díxome que se por el era pasabamos da neocadeira, da CadMal, da SuChair. E aí ficou todo. Piaggio acaba de presentar unha mala parecida a un barril de cervexa que rula detrás do propietario, de azul intenso, bonita e tal. Pero asento non ten. As voltas seguramente xeren a propia enerxía, seguindo o rastro técnico dos primeiros reloxos de pulso, rolex se non lembro mal, que aproveitaban igualmente os movementos do brazo e prescindían da corda e da cebola.

Igual xa o teñen observado, pero subir bombonas de butano ao lombo é un labor absolutamente criminal, dulcificado cada vez máis cos ascensores, é verdade, pero sempre con tramos que non resolve ningún mecanismo práctico, só o músculo. Váianlle dando unha volta que eu vou baixo un momento a buscar tabaco.

Sobre o autor

Xosé Manuel Sarille

Polemista e tamén escritor. Autor do ensaio "A Causa das Mulleres". A quen lle interese lelo pode solicitalo neste blog e enviaráselle ao enderezo correspondente sen custo ningún do exemplar nin do transporte.

Comenta aqui!

Comenta aqui!

Espaço público, Cultura, Política, Comunidade, Território, Pessoas

Elias J. Torres Feijó

Tenta trabalhar coletivamente e acha que o associativismo é a base fundamental do bom funcionamento social e comunitário. A educação nos Tempos Livres é um desses espaços que considera vitais. Profissionalmente, é professor de Literatura, em origem, e, mais, na atualidade, de Cultura.

Xoán Carlos Carreira Pérez

Doutor engenheiro agrónomo, professor de Engenharia Agroflorestal na Universidade de Santiago de Compostela. Autor de vários livros e artigos científicos, tem colaborado em diversos meios de comunicação, como A Nosa Terra, El Progreso, Vieiros e Praza Pública.

Xosé Manuel Sarille

Polemista e tamén escritor. Autor do ensaio "A Causa das Mulleres". A quen lle interese lelo pode solicitalo neste blog e enviaráselle ao enderezo correspondente sen custo ningún do exemplar nin do transporte.

Manuel Jordán Rodríguez

Lembrado e Querido Manuel Ánxel

Viva Cerzeda

Espaço público, Cultura, Política, Comunidade, Território, Pessoas… Viva Cerzeda é a comemoração, para nós, da amizade, do bom humor sempre que possível e de tentar contribuir com algumhas ideias e opiniões para entender(mos) e atuar(mos) do melhor modo o mundo… É ambicioso mas é-che o que há… e para mais não damos…

Contacta-nos aqui

Acompanha