O día 29 de agosto pasado, “El Faro de Vigo” (1) daba a noticia de que Galiza estreaba o seu primeiro “paso de vaca”. Tamén a recollían varios xornais do Estado. O paso de peóns ao que se referían, pintado na Coruña, representa as manchas da pel dunha vaca frisoa de leite. Na mesma noticia afirmábase que era a campaña dunha grande explotación leiteira ecolóxica baixo o lema “Galicia, somos la leche”. Pois ben, sen entrar a valorar o feito en si mesmo, imos falar dalgunhas cousas que se dicían nesta información por parte dos/as redactores/as e da responsábel da campaña, porque creo que merece a pena reflexionar sobre algunhas ideas preconcibidas que se instalan na sociedade como si foran verdades incuestionábeis.
Segundo a “Enquisa gandeira do sector bovino” da Consellería do Medio Rural, no ano 2017, o numero de vacas de mais de dous anos en Galiza era de algo mais de medio millón. Delas, unhas 345 mil son de leite pero tamén hai mais de 200 mil de carne. Non chegamos ao millón nin contando becerros e xovencas, aínda que andamos cerca. Isto non ten maior importancia porque non cuestiona a magnitude do sector lácteo en Galiza, pero tampouco convén esaxerar.
En todo caso si é certo que “Galicia es el territorio que más leche produce de toda España”. Pero esta afirmación en si mesma admite distintas valoracións, mais aló do debate sobre o seu impacto ambiental. Non cabe dúbida de que a magnitude da produción de leite ven dada por ser un monocultivo exportador, como os que existen nas economías dependentes. ¿Isto é bo ou mao? Cadaquén terá a súa opinión (a miña é coñecida) pero o tema préstase á reflexión.
Falemos do lema da campaña. Sen negar a importancia que ten sector lácteo, é reducionista dar a idea de que o sistema agrario galego se limita a aquel. En Galiza non producimos só leite. Existen territorios agrarios claramente diferenciados. A metade norte, está caracterizada pola súa orientación gandeira. Localízanse nela practicamente a totalidade das terras destinadas ao millo forraxeiro, pero menos da metade das terras ocupadas por cultivos para o consumo humano directo. As comarcas especializadas na produción de leite ocupan só o 40% da superficie total de Galiza, aproximadamente. Pola contra, a metade sur do país, está caracterizada pola súa orientación agrícola e non gandeira. Ocupa case outro 40% da superficie total de Galiza. Nela localízanse arredor do 55% das terras ocupadas por cultivos destinados a obter alimentos para o consumo humano directo.
“Hace falta que sepamos que el rural es importante, le pongamos valor e intentemos que sobreviva”. Tamén é certa esta afirmación mais para iso hai que prestarlle maior atención ás casas de labranza e/ou pequenas explotacións familiares xa que acollen entre o 75% e o 90% das persoas que traballan na agricultura, malia ser invisíbeis para unha parte moi importante ( se cadra maioritaria) da economía, a política, a ciencia, a técnica ou os medios de comunicación. Podemos considerar que son as principais responsábeis da existencia de poboación rural agraria, a pesar de que pouco mais da terceira parte das mesmas están orientadas á produción de leite. Ademais, a produción das hortas familiares e/ou para autoconsumo está evitando que a nosa situación chegue a ser dramática, desde o punto de vista da soberanía alimentar.
Como dixen, non pretendo negar a importancia do sector lácteo, non sería razoábel, mais creo necesario fuxir de simplismos e ideas preconcibidas para ver toda a variedade de territorios, dinámicas de evolución e tipoloxías de explotacións que existen no sistema agrario galego xa que, sen dúbida, isto é unha considerábel riqueza que permite abrir moitos camiños cara o futuro.
(1) Faro de Vigo. 29-08-2018. “Galicia estrena su primer paso de vaca”. En https://www.farodevigo.es/cultura/2018/08/29/galicia-estrena-primer-paso-vaca/1952458.html