Na casa quedou Felisa, cargando con todo o peso e o traballo dunha casa de labranza, criando ela soa a aquelas criaturas ate a idade de doce anos. Polas noites aínda tiña tempo para ensinarlles a ler e escribir á luz do candil.
Era unha muller moi forte e valorosa. No tempo en que estaba soa tivo que enfrontarse mais dunha vez as manobras dalgúns veciños. Un deles pretendía usurpar unha parte das terras que cultivaba Felisa. Para elo continuamente atravesaba co carro polas leiras que eran propiedade dela. Un día, cansa xa de avisar que non o fixera, púxose diante da xugada que tiraba do carro. O veciño, coa prepotencia que teñen algunhas persoas diante da xente desamparada, fortes cos débiles e débiles cos fortes, cominouna: “se non te apartas, paso por riba de ti”. Felisa non se afastou. Deitouse no chan diante dos pes das vacas. O veciño fixo un intento de pasar pero recuou e nunca mais volveu intentar ocupar as leiras que non eran del.
Felisa tamén tivo que loitar pola auga. Tiña dereito á que pasaba por un regato coa que regaba os cultivos dunhas leiras. A auga chegaba ás súas terras por un rego que atravesaba propiedades doutros veciños. Estes taponárono, poñendo en perigo as colleitas de Felisa. Pero non dixo nada. Ao anoitecer, para non ser vista, levou con ela á nena e aos dous nenos e foise para a leiras. Traballou toda a noite e conseguiu que a auga chegase de novo para regar os seus cultivos. Os veciños deberon pensar que foi un milagre ou que Felisa tiña apoios que eles descoñecían. O caso é que non volveron intentalo.
Mentres tanto Xosé estaba a gusto en Cuba e non tiña pensado regresar a Galiza. Era algo esaxerado e cando lle preguntaban de onde era, alardeaba dicindo que era dun lugar da provincia da Coruña onde atracaba a flota inglesa. Un día entre os seus interlocutores estaba unha persoa que acababa de chegar a Cuba. Era de Ourense. Xosé pensou que non coñecería a súa pequena aldea. De novo comezou a presumir de que no porto de Alnois, atracaba a mariña inglesa. Pero estaba diante dun afiador, daqueles que percorrían moitos lugares, afiando coitelos, navallas, tesoiras, como di a cantiga. E casualmente coñecía a aldea da que lle falaba Xosé. Retrucoulle dicindo : “Pois eu coñezo esa aldea e o único que vin foi unha pequena casa á beira dun río, ao pé dunha ponte, e unha muller soa arando a terra, con tres criaturas pequenas ao seu lado”. Ao pouco tempo Xosé deu volta para a Galiza.
A pesar de que durante tantos anos se desentendeu da casa, ao regresar, Xosé recuperou o seu posto de petrucio. Co diñeiro que traía mercou unha vaca que sería de grande axuda. Pasado o tempo, Felisa morreu As criaturas medraron. A muller, Mercedes, permaneceu solteira e quedou na casa. Un dos homes emigrou a Arxentina. O outro irmán herdou. Casou con Neves e fíxose cargo da casa. Tiveron dúas fillas e catro fillos. Cando eran unhas criaturas, o pai e o avó morreron. Viñeron momentos moi duros para a familia. Pasouse moita necesidade. Pero, de novo, as dúas mulleres, Neves e Mercedes, conseguiron sacar adiante aos fillos e as fillas. E a pesar desta carga e deste traballo, chegaron a vivir arredor de 100 anos
A historia desta familia, como a de moitas outras neste pais, é , sobre todo, unha historia de mulleres, de mulleres extraordinarias, xeración tras xeración.