Espaço público, Cultura, Política, Comunidade, Território, Pessoas

Ilusións esvaecidas na clase media

Algúns fillos da clase media, criados no “desarrollismo” dos sesenta e primeiros setenta, fomos educados nun contorno de protección por familias que viviran circunstancias máis difíceis, onde as oportunidades de mellora material eran limitadas. Beneficiámonos de oportunidades que os nosos país non tiveran e agora nos entregaban, non sen sacrificio pola súa parte.

Cun esforzo relativo, inferior ao da xeración anterior, buscamos a vida e asentamos en traballos razoabelmente remunerados, estábeis e con perspectivas. Ventiño mareiro de popa e mar calmo para a nosa singradura. Seguridade, confianza. O ascenso persoal vencellábase organicamente co pulo xeral da época. Carpe diem.

Tivemos fillos. Criados, queridos e educados, non hai outra, nese ecosistema mole. Ao tempo, sempre se proxecta, tentando lles ofrecer novas oportunidades que, malia todo, nós non tiveramos. Acreditábamos na historia que se escrebe en liña recta, ascendente e continua, no progreso ininterrompido e imparábel. Todo semellaba firme, asentado en cimentos inquebrantábeis.

Agora afrontamos a crúa idea de que eles o teñen mais difícil ca nós: estudados, políglotas, emigrados, milenials que viven un ecosistema duro, capitalista, competitivo, obscenamente explotador. As perspectivas son máis incertas: dubídase de que a abundancia de oportunidades se traduza necesariamente en realidades. Para eles mudou o mar e mudou o vento: marusía, arrecía o vento de proa e pedras a sotavento. Ao noso barco/burbulla que semellaba refuxio afouto véñenlle problemas na arboradura.

O continuo converteuse en discreto. Descubrimos a obviedade de que o ecosistema no que aprendemos mudou, eles teñen que se adaptaren noutro. Cómprelles construír en por si a súa viaxe. A vida ineludíbel, obrigándonos e obrigándoos a entendela: sempre o pragmatismo de Sancho Panza disputando co idealismo do D. Quixote.

Agora devecemos por axudalos. Desconcerto. A firmeza non é tal. A confianza e seguridade fraquean, ameazadas ao petarmos de fronte contra da historia. A nosa experiencia como guía pode non ser tan útil como críamos, precisan bastante máis.

O ideario abanea. As nosas ideas, con pouco valor de cambio, deveñen febles e inconsistentes por pouco adaptadas. Mesmo, decote, descubrimos nos nosos argumentos certa soberbia e omnisciencia que semella pueril (os discursos sobre do que tentamos darlles, o estado do benestar que xeracionalmente cooperamos para construír, bla, bla, bla, … ). Incapacidade e impotencia por non podermos dar protección dabondo.

Se o libro da historia se escrebe dereito con liñas tortas, ¿valerán aínda algunhas das liñas que nós escrebemos? ¿ De cantas das nosas ideas precisan eles se emancipar? ¿Cales das nosas crenzas deben negar? ¿Que ficará de nós na súa memoria?

A ilusión esvaece. O antídoto chámase esperanza. Ao cabo as nosas ansias cabalgan canda Don Quixote.

Sobre o autor

Manuel Jordán Rodríguez

Lembrado e Querido Manuel Ánxel

Comenta aqui!

Comenta aqui!

Espaço público, Cultura, Política, Comunidade, Território, Pessoas

Elias J. Torres Feijó

Tenta trabalhar coletivamente e acha que o associativismo é a base fundamental do bom funcionamento social e comunitário. A educação nos Tempos Livres é um desses espaços que considera vitais. Profissionalmente, é professor de Literatura, em origem, e, mais, na atualidade, de Cultura.

Xoán Carlos Carreira Pérez

Doutor engenheiro agrónomo, professor de Engenharia Agroflorestal na Universidade de Santiago de Compostela. Autor de vários livros e artigos científicos, tem colaborado em diversos meios de comunicação, como A Nosa Terra, El Progreso, Vieiros e Praza Pública.

Xosé Manuel Sarille

Polemista e tamén escritor. Autor do ensaio "A Causa das Mulleres". A quen lle interese lelo pode solicitalo neste blog e enviaráselle ao enderezo correspondente sen custo ningún do exemplar nin do transporte.

Manuel Jordán Rodríguez

Lembrado e Querido Manuel Ánxel

Viva Cerzeda

Espaço público, Cultura, Política, Comunidade, Território, Pessoas… Viva Cerzeda é a comemoração, para nós, da amizade, do bom humor sempre que possível e de tentar contribuir com algumhas ideias e opiniões para entender(mos) e atuar(mos) do melhor modo o mundo… É ambicioso mas é-che o que há… e para mais não damos…

Contacta-nos aqui

Acompanha