El pie del niño aún no sabe que es pie,
y quiere ser mariposa o manzana.
Pero luego los vidrios y las piedras,
las calles, las escaleras,
y los caminos de la tierra dura
van enseñando al pie que no puede volar,
que no puede ser fruto redondo en una rama
(Pablo Neruda)
Nelson, 6 anos, capitán da area de Vilanculos.i Novo para tirar da rapeta na inmensidade intermareal, aínda xoga e aprende co seu barquiño de casca e vela rota de folla de mopane. Esa será a sua única escola.ii Con sorte, para ir ao mar cando for grande, e como hai mil anos, ha ter o seu dhown, tronco baleirado com vela de farrapos. Magra captura de peixiños que, coas ostras apañadas na seca, as mulleres afuman en tobos escavados no cantil da praia na que acubillan de por vida. Principiño dun planeta confinado nese anaco entre cantil, praia, ceo e mar.
Genito, macuti de Ilha de Mozambique, 8 anos, pinta o mar con cores diáfanas, de tan puras escoitase o murmurio: augamariñas, esmeraldas, azuis, o por do sol vermello, o cajueiro laranxa e verde no inverno. En que lugar da alma garda as cores que non asoman nos seus ollos sen luz? Como ha conservar a limpeza desas cores se xa sabe que a venda de apenas un debuxo aporta mais do que leva a casa o seu pai co traballo do dia?
Alima, en Tofo e con 7 anos, tem dous tesouros: o bebe que leva nas costas (seu irmán); e unhas gafas de mergullar coa correa rota – alí non hai lixo, todo vale – que, doce e tímida, ensina, con pouca esperanza, por se callar a transacción. Cando for grande, en 5 ou 6 anos, ha transportar o seu propio bebe, talvez libre do sida ou da malaria.iii
E tantos sen nome:
Bebes enfaixados pola capulana no lombo da nai, apenas un vulto que se adiviña. Non bulen, custa crer que estean vivos. Non choran, para que?
Raparigos que nom ousan achegarse, observan e aprenden, hai xerarquías e os máis grandes, cando hai interese de por medio, abusan violentamente dos mais pequenos. Outros que forman tumulto, curiosos e interesados arredor da Suli, a branca conmovida, xenerosa e desbordada.
Tranquiliza e anestesia non lles por nome, estabelecer distancia. Convertelos en aséptica estatística.
Quixéramos velos sinxelos, inocentes, inxenuos, espontáneos, alegres e divertíndose con todo. Que para eles, co Walt Withman, non terminara o dia «sen ter medrado un pouco, sen ter sido feliz, sen ter aumentado os (seus) teus soños». Mais canto desacouga mirarlles aos ollos, canto o comprobar que axiña deixan de ser nenos, canto velos condenados a non selo. Que soñan as crianzas de Mozambique?
É difícil evitar a blasfemia nesta terra na que Deus, se existe, non parou. Se dixo que non entrarían no paraíso os que non foran nenos, Onde han de ir os meniños mozambicanos estigmatizados polo pecado de non teren infancia?
i Renda per cápita en paridade do poder adquisitivo: menos de 3 euros ao día en 2017(Banco Mundial). Dúas de cada tres persoas viven con menos de 1,6 euros ao día. (https://datos.bancomundial.org/pais/mozambique).
ii Cerca de 44,9% da poboación adulta — particularmente mulleres (57,8%) — son incapaces de ler ou escribir. Apenas un terzo das crianzas matriculadas no ensino primario concluíron este nivel de ensino. Alén diso, apenas 4,9% dos alumnos de terceiro de primaria — 8-9 anos — adquiren competencias básicas de lectura e escrita en portugués. (UNESCO, Moçambique, Relatorio Anual, 2017).
iii Pesquisa rápida na OMS (Organización Mundial da Saúde) cos últimos dados que presentan: en 2009 eran portadoras do VIH o 13.1% das mulleres. En 2011 a malaria afectaba un 46,3% dos nenos menores de cinco anos das áreas rurais e o 16.8% en áreas urbanas (https://www.who.int/countries/moz/es/).