Vou falar dun tema onde necesitarei de moita precisión para explicar o que pretendo e non sei se o conseguirei. Empezarei por dicir algo obvio que, en condicións normais, non sería necesario pero creo que, no actual contexto de manipulación ideolóxica, compre deixar claro para evitar malas interpretacións: non se pode permitir que as persoas morran ou pasen grandes calamidades sexa no mar ou na terra. Polo tanto hai que socorrelas cando sexa necesario, poñendo os medios que sexan precisos.
Di Noam Chomsky [1] que os tratados comerciais non buscan o beneficio da sociedade senón satisfacer os intereses de quen os formulan sendo responsabilidade das sociedades ricas e desenvoltas o feito de que decenas de millóns de persoas teñan que fuxir. Concordo con estas ideas e considero que o problema da migración masiva está xerado pola política imperialista, o espolio dos países dominados e o efecto devastador que causa nas clases pobres como tamén indica Chomsky1 no mesmo artigo que veño de citar.
Polo tanto, desde o meu punto de vista, debemos acoller ás/os migrantes nas mellores condicións posíbeis, pero isto non pode servir para tranquilizar a nosa conciencia nin para darnos a falsa idea de que así somos mais progresistas, porque sen enfrontar as causas de fondo do problema que nós mesmos/as causamos, este seguirá existindo. ¿E que podemos facer? A nivel individual cadaquén saberá. A nivel colectivo tentar que existan outros poderes públicos e económicos que non sexan tan espoliadores e traballar por que se implante un sistema económico non imperialista e un modelo menos consumista. ¿Que iso vai afectar ao noso nivel de vida ? Se cadra non…ou se cadra si. Pero, se finalmente se da esta situación, haberá que enfrontala. En todo caso, para as clases mais desfavorecidas, todo dependerá de que sexamos capaces de conseguir que se reparta mellor a riqueza e iso non pasa nin pola beneficencia nin pola caridade. E se non se consegue todo o que se pretende, cando menos poderemos ter a conciencia tranquila, daquela si, porque algo teremos contribuído a mellorar a calidade de vida de milleiros de persoas e a que se respecte un dos dereitos mais elementais: vivir e traballar na propia terra.
Referencias
[1] Chomsky , N. 2017.“Nuestra sociedad se enfrenta a tres grandes crisis” Rebelión. En http://www.rebelion.org/noticia.php?id=234488&titular=%93nuestra-sociedad-se-enfrenta-a-tres-grandes-crisis%94- [2] Pampliega, A. e Arias, V. 2017. “Coltán, la maldición del Congo” El Independiente. En https://www.elindependiente.com/futuro/2018/02/04/coltan-congo-antonio-pampliega/