Antes de nada quero manifestar o meu apoio sen ambaxes ás mobilizacións contra os macroparques eólicos. E tamén que subscribo no fundamental as mensaxes e os argumentos da coordinadora “Eólica así non”. Tan só quero facer unha matización ou mellor dito un engadido ao seu argumento sobre a contribución dos grandes proxectos eólicos ao despoboamento do rural. Compre non esquecer que este despoboamento ten máis causas, entre elas a falta de servizos e o modelo agrario. Sería contraditorio criticar o despoboamento rural mentres se defende un sector produtivo como o lácteo e se ignoran as pequenas explotacións ou casas de labranza. Porque a produción de leite, convertida en monocultivo exportador, segue un sistema de explotación que cada vez se parece máis á gandería industrial e que cada vez está menos ligado á terra. Pola contra as casas de labranza ou pequenas explotacións familiares son as principais responsábeis de que exista poboación rural porque nelas viven entre o 60% e o 70% das persoas que traballan na agricultura (entendida en sentido amplo: agricultura e gandería).
Dito isto vou presentar algunhas ideas sobre o problema enerxético. Se a alguén lle parecen desvaríos direi que non o son. E se a alguén lle parecen utopías direi que si o son. Mais acaso non é necesario ter sempre presente o referente dunha utopía para avanzar cara un mundo mellor?
Xa dixen máis dunha vez que o minifundio agrario, á parte dalgúns problemas, ten virtudes indiscutíbeis e vantaxes comparativas que, con algunhas modificacións, talvez o poderían situar á vangarda das novas ideas sobre agricultura, as máis actuais e progresistas que se abren paso a nivel mundial. ¿E se ocorre o mesmo no caso da enerxía?
Desde o meu punto de vista a relación óptima entre eficiencia produtiva e respecto ao medio ambiente no caso das enerxías alternativas conséguese coas pequenas instalacións, con instalacións minifundistas. Pois ben fagamos algúns números. De acordo co IGE o 26% da poboación galega vive en zonas cualificadas como pouco poboadas e eu calculo que o 34% vive en parroquias con menos de 2.000 habitantes (o INE considera rural as entidades con un censo menor a este, segundo informa Garcia Sanz). Estes datos permiten facernos unha idea aproximada da porcentaxe de poboación rural que temos no noso país, algo nada doado de estimar debido á existencia de distintos criterios para facelo. E tamén permiten ver o vaso medio cheo ou medio baleiro: Por unha banda confirman que actualmente viven no rural bastantes menos persoas que as que vivían hai algúns decenios, mais por outra banda se comparamos a porcentaxe de poboación rural que teñen os países da nosa contorna observamos que a de Galiza está entre as máis altas. Así pois, ao mellor non erramos moito se dicimos que o alto peso da poboación rural aínda constitúe unha característica diferencial do noso país. E alén diso, en relación co título do artigo, estes datos dinnos que se cada vivenda destas zonas pouco poboadas ou das parroquias con menos de 2.000 habitantes se puidera autoabastecer con enerxías renovábeis (incluídos pequenos muíños eólicos por suposto) estaría cuberto o consumo dunha porcentaxe nada desprezábel da poboación galega. Porcentaxe que sería maior se os excedentes xerados ocasionalmente se poden vender para o subministro das vilas máis próximas. E no caso de que, a maiores, se utilizaran as cubertas dos edificios de pisos que existen nas cidades para aproveitar a enerxía solar, xa estariamos falando de que unha porcentaxe do consumo altamente significativa podería ser cuberta pola produción minifundista de enerxías alternativas.
Por outra banda, tendo en conta que os recursos do planeta estanse esgotando, semella evidente que o problema enerxético no é só un problema de produción senón que tamén é, sobre todo, un problema de consumo. Non vou entrar no tema do decrecemento porque o artigo non da para máis e porque neste momento tampouco teño moi claras as ideas acerca del. Pero vou poñer riba da mesa algunhas cuestións, que sen chegar a isto, poden colaborar á redución do consumo enerxético. Este depende en boa medida do modelo agrario, industrial e mesmo comercial que adoptemos. Do modelo agrario xa falei máis arriba e agora insisto en que un modelo fundamentado nas pequenas explotacións ou casas de labranza e na cría extensiva de gando utiliza menos enerxía que o modelo actual de explotacións de gandería industrial (ou case) moi dependentes do uso da mesma. En canto ao modelo industrial semella que non é moi adecuado aquel baseado en industrias de enclave grandes consumidoras de enerxía como Alcoa (ou xa non é unha industria de enclave?). En todo caso iso non debe impedir que a defensa dos portos de traballo sexa contundente, firme e mesmo intransixente. Alguén xa estará pensando: Pódense defender os postos de traballo sen defender a industria?. Pois non o sei pero habería que pararase a reflexionar se isto é posíbel e buscar alternativas coa mente aberta.
En canto ao modelo comercial compre dicir que un modelo baseado en pequenos establecementos permite aforrar enerxía ao reducir a iluminación desmedida utilizada como reclamo. E ao reducir tamén os desprazamentos de automóbiles particulares, porque mentres que para ir mercar ás grandes superficies se utiliza habitualmente o coche propio, ás tendas de barrio e aos mercados locais que se celebran en núcleos urbanos case sempre se pode ir camiñando.
Finalmente teño que dicir que se cadra o problema enerxético non se resolva tomando unha gran medida (ou unhas poucas) senón mediante a acumulación de pequenas solucións. Ou sexa que a gran solución quizais non sexa máis que o resultado da suma de solucións minifundistas.