Un paradigma nas ciencias sociais pode equipararse a pensamento de grupo, case a mentalidade. Iso din as enciclopedias. Para que ese pensamento grupal ou mentalidade exista ten que abranguer un corpo de ideas, métodos e asuncións teóricas sostidas e validadas. Leva consigo ademais comportamentos, actitudes e crenzas.
Onte á tarde pasaron dez rapaciñas camiño da manifestación do oito de marzo. Coa naturalidade de quen vai ao que lle corresponde. Coñézoas ben aínda sen ter visto antes a ningunha e estou seguro de que non leron o manifesto da folga. Saberán apenas que a cousa vai de malos tratos e diferenza de salarios, sen máis concreción. E non importa, porque o que elas levan asumido é máis profundo, estrutural (pódese dicir?), unha totalidade interiorizada en cada unha, que configura a concepción da vida que posúen. O novo paradigma xestouse nos últimos anos cun fermento de decenios e onte converteuse en acción para un longo percorrido. Nada volverá xa a ser igual.