O nacionalismo galego, hai moitas décadas, marcouse o obxectivo explícito ou implícito de conseguir unha forte implantación social a traveso da creación de organizacións políticas e sociais propias. E tivo un éxito indiscutíbel.
Sen embargo, ao meu entender, despois dos primeiros tempos, quedou mais descoidada a elaboración teórica e a formulación de obxectivos estratéxicos. Non é que non existiran achegas neste terreo, pero non foron moitas ou non se lle deron a importancia que debería. Isto levou a que se desenvolveran distintas visións sobre estes temas. Por outra banda, nun momento dado, a unidade do nacionalismo formulouse como un obxectivo indispensábel para ter éxito electoral. E case se converteu en dogma. A concorrencia destes dous feitos, conduciu a que unha parte importante do nacionalismo galego se asentara non tanto sobre propostas estratéxicas de consenso, senón sobre a indefinición a respecto das mesmas. Por iso nunha mesma organización tiveron acomodo durante moito tempo persoas partidarias dun autonomismo avanzado, outras partidarias do federalismo e tamén outras partidarias da independencia.
Aínda que descoñezo moito mais a situación actual, teño a impresión, equivocada ou non, de que esta realidade segue vixente dentro de maioría das organizacións nacionalistas que existen hoxe. Isto non é nin bo nin mao en si mesmo, depende, entre outras cousas, si é froito dunha elaboración teórica e dunha estratexia consciente ou ben resposta só ao tacticismo. Sen embargo, desde o meu punto de vista, esta situación da lugar a unha confusión entre nacionalismo e localismo. Moitas reafirmacións da nosa identidade non se fan ollando para nós mesmas/os, senón ollando para Madrid, e só se producen en base á discriminación que o goberno central aplica a Galiza, realidade, por outra banda, incuestionábel, pero que admite enfoques tanto nacionalistas como localistas.
Hai propostas e reivindicacións que a min me parecen mais próximas ao localismo. Durante moitos anos, o nacionalismo galego fixo da defensa dunha mellor conexión con Madrid unha prioridade política, sobre todo coa reivindicación do AVE. Mais ¿pode ser un obxectivo estratéxico para o nacionalismo unha mellor conexión co centro, e polo tanto unha maior dependencia do mesmo, se realmente non se quere depender del? Formulo isto en forma de pregunta porque é un tema que daría lugar a moito debate e que eu, particularmente, non teño claro, pero a reivindicación foi asumida sen apenas análise crítica. En todo caso trae como consecuencia que o programa das organizacións nacionalistas e españolas, neste asunto, sexa practicamente similar na teoría e a diferenza se reduza á credibilidade de cadaquén nesta reivindicación ou á contundencia con que se esixe o cumprimento dos prazos. Como dicían naquela orquestra cando se lle remataba o repertorio de cancións: “tocamos a mesma, pero mais cargada de bombo”.
Outro exemplo pode ser a “defensa dos nosos sectores produtivos”. Por suposto que hai que defendelos, pero hai que matizar. Algúns deses sectores produtivos producen un impacto ambiental inadmisíbel e, sobre todo, son nidios exemplos da nosa dependencia económica. É o caso dos monocultivos exportadores (leite e forestal). Non queda claro se coa súa defensa se pretende afondar neste modelo de dependencia económica, que, ao meu entender, encaixaría no localismo, ou ben establecer un modelo económico propio non dependente que, desde o meu punto de vista, encaixaría mellor no nacionalismo pero que tería non só que defender senón tamén que reconducir o camiño polo que van estes “sectores produtivos”.
Algunhas veces semella como se o nacionalismo galego non tivera unha dinámica propia, que sexa quen de avanzar abrindo camiños, sen estar en función de ninguén e sen imitar a outros/as, algo perfectamente posíbel ao meu entender. Dá a impresión de que non existimos por nós mesmas/os, senón na medida en que o centralismo nos trata mal. Como xa dixen, considero que isto hai que enfrontalo, pero se o proxecto político e social só se queda aí, acabará mais próximo ao localismo que ao nacionalismo.
Ao meu entender, a maioría da xente deste país, mesmo a maioría da base social do nacionalismo galego participa dos dilemas que expliquei mais enriba. Non nego, sen embargo, que haxa persoas e mesmo organizacións que teñen estes temas mais elaborados na teoría e na práctica e tampouco nego que ademais de obxectivos estratéxicos, precísanse obxectivos tácticos e prácticas viábeis a curto prazo. Nese terreo o nacionalismo galego, visto no seu conxunto, ten achegado moito a este país. O que pretendo é chamar a atención de que se necesita saber cara onde ir, para non perderse polo camiño nin andar nunha dirección na que moitas/os nacionalistas creo que non queremos ir. Desde o meu punto de vista xa non se trata de poñer o foco só no feito de si se fala ou non se fala sobre Galiza, senón de poñelo ademais en saber de que se fala sobre Galiza e en analizar cales son as propostas e o proxecto nacional para o país.
Finalmente, como sempre nestes artigos, lembro que non pretendo ter razón, senón poñer enriba da mesa as miñas reflexións e dúbidas por se son de utilidade para as reflexións, as dúbidas e as certezas doutras persoas. Se o son, alegrareime, e se non o son, xa sabedes que na papeleira colle todo e de vez en cando pode baleirarse.
Pregúntome. O tema do ave ten só unha explicación de dependencia ou tamén unha proxección cultural, económica… dentro da perspectiva europeísta que temos os galegos?
O do AVE ven como apontaba o autor do blog por inercia e marcada de fora. Cando algo/alguén,se tomou a decisión de facer vir este proxecto (despilfarrador, insostible, elitista…)fíxose exclusivamente desde este País? Para máis INRI levo tempo, antes incluso da chegada desta peste, pensando en que non se vai concluir.