Xa non lembro con claridade cal foi a personaxe e en que película pronunciou aquela frase que se fixo famosa (hoxe diríase viral non si?): “o concepto é o concepto”. Pois ben, a min dáme a impresión de que en moitos casos o concepto non é o concepto. É dicir que o concepto non foi ben asimilado. Vou poñer catro exemplos.
O primeiro é sobre o uso das máscaras que se xeneralizaron coma unha medida para enfrontar o coronavirus. Con independencia de que sexan efectivas ou non (algo que está por demostrar), o seu obxectivo ao aire libre sería que as persoas que as levan non contaxien a outras nin sexan contaxiadas por outras que estean durante algún tempo a unha distancia inferior á de seguridade (1,5 m. ou 2 m. variando segundo as fontes, os países e as administracións). Pois ben, eu teño visto varias veces a persoas sentadas soas en parques nos que non había ninguén en 80 ou 100 metros arredor e que, non obstante, tiñan a máscara posta. Mesmo hai xente que leva a máscara posta andando sen compañía nun camiño solitario ou polo medio do monte onde non hai ningunha outra persoa en varios quilómetros á redonda. Creo que o concepto non se entendeu ben. E neste caso pode traer consecuencias porque respirar continuamente o CO2 que expulsamos do noso corpo en lugar do osíxeno absolutamente indispensábel para proporcionar enerxía ás nosas células non creo que sexa algo demasiado bo para quen o fai.
O segundo é sobre a utilización do termo “empate técnico” cando se analizan os resultados electorais reais ou previsíbeis dos distintos partidos. Cando nunhas eleccións determinadas dous partidos (A e B) sacan o mesmo número de escanos téñolle escoitado dicir a algunhas persoas : “produciuse un empate técnico entre os partidos A e B ”. Desde o meu punto de vista quen así fala tampouco ten moi claro o concepto. O concepto de “empate técnico” utilízase cando se fan estimacións dos resultados previamente á celebración das eleccións ou previamente a coñecer os resultados definitivos, porque estas estimacións (que como o seu nome indica son estimacións e aquí tamén faría falta falar do concepto) non son datos exactos senón que sempre teñen unha marxe de erro. Esta marxe de erro fai que, en ocasións, a estimación dos resultados destes partidos varíe o suficiente para que entren dentro do posíbel varios resultados: que o partido A saque máis votos que o B, que o partido B saque máis votos que o A ou que o partido A e o partido B queden empatados. Por iso se fala de empate “técnico” porque non se pode predicir cal das tres posibilidades é a que se vai dar. Pero cando xa se celebraron as eleccións e os resultados son definitivos, non hai marxe de erro. Os datos son exactos. Daquela non hai empate “técnico”. Simplemente ou ben hai empate ou ben non hai empate. Pero a cousa pódese “desmadrar”: na clasificación da liga de fútbol eu teño escoitado falar de que entre dous equipos que teñen os mesmos puntos existe un “empate técnico” .
O terceiro é a idea de que as medidas políticas e económicas que se tomen beneficiarán ou prexudicarán a todo o pobo. Isto parte dun concepto mal asimilado tamén: o concepto de pobo como algo homoxéneo. E digo que o concepto está mal asimilado porque, na miña opinión, o pobo non é homoxéneo. Non todas as persoas que forman parte da sociedade están na mesma situación económica. O seus dereitos non son respectados na mesma medida. Non teñen as mesmas posibilidades de ver realizado aquilo que no seu interior escollerían ou desexarían facer, é dicir, non teñen as mesmas posibilidades ou oportunidades de facer efectivas as súas liberdades. E sobre todo non están situadas no mesmo lado da liña que divide ás persoas ou colectivos explotadores das persoas ou colectivos explotados. Polo tanto as medidas políticas e económicas non beneficiarán ou prexudicarán a todo o pobo, senón que ou ben beneficiarán aos colectivos explotadores e prexudicarán aos colectivos explotados, ou ben beneficiarán aos colectivos explotados e prexudicarán aos colectivos explotadores.
O cuarto exemplo: estes días escoito moito que o obxectivo da política é dialogar e consensuar. E, ao meu entender, isto é un concepto deficientemente comprendido que se asenta sobre outro concepto tamén mal asimilado: que o diálogo e o consenso son intrinsecamente bos, é dicir que son bos en si mesmos. Pois ben, por unha banda o diálogo e o consenso non son bos en si mesmos porque o que son bos ou maos son os resultados dese diálogo e dese consenso. Se os acordos aos que se chegan son bos para a maioría social significará que o diálogo e o consenso foron frutíferos e beneficiosos para esa maioría. Pero se os resultados son maos para a maioría social significará que o diálogo e o consenso foron prexudiciais para esa maioría e un atentado contra ela. Por outra banda, na mesma liña, hai que dicir que os obxectivos da política non son dialogar e consensuar senón resolver os problemas e satisfacer as necesidades e intereses das clases explotadas. E aínda se pode dicir doutra forma: os obxectivos da política non son dialogar e consensuar senón resolver os problemas e satisfacer as necesidades e intereses da maioría da cidadanía. Utilizando o diálogo e o consenso ou seguindo calquera outra estratexia que permita alcanzalos. Si, xa o sei, democraticamente, pero tamén aquí habería que falar do concepto.