Espaço público, Cultura, Política, Comunidade, Território, Pessoas

O equilibrio no proceso de transformación social

Non sei se toda a xente coincidirá comigo na seguinte afirmación que xa teño feito outras veces: é necesaria unha transformación do sistema actual para aproximarnos a unha sociedade máis xusta e máis humana. Admitindo isto, compre dicir que acometer esta transformación non é só tarefa dun goberno (ou de varios), senón que será o resultado dun conxunto de actuacións no seo da sociedade, actuacións que, máis dunha vez, teñen a súa propia dinámica e autonomía.

Desde o meu punto de vista, a tensión entre as demandas de melloras sociais e aquilo que se pode ou se debe facer dende as institucións é a que permite avanzar no proceso de transformación social. Dito doutra maneira, esta non é unicamente labor dun grupo de persoas sexan concelleiras, deputadas, conselleiras ou calquera outro cargo institucional, por máis que o seu traballo e o seu papel sexan fundamentais. Neste proceso están implicadas milleiros de mulleres e homes, formen parte ou non das distintas organizacións actuantes na sociedade. Os avances sociais prodúcense polo traballo dunha serie de colectivos e/ou o desenvolvemento de movementos cidadáns que acadan o equilibrio e a sinerxía necesaria para progresar na transformación da situación actual. Estes avances á súa vez orixinarán cambios que seguramente obrigarán ao restablecemento de novos equilibrios. Aínda que isto non é doado de lograr e tampouco existen receitas preconcibidas que sirvan de guía, eu considero que se pode chegar a conseguir, en maior ou menor medida.

Unha parte da xente de esquerdas sempre pensou que as transformacións se ían facer dende as institucións, unha vez alcanzado o poder. En consecuencia, á espera desa conquista do poder, a actuación social enfócase tan só na defensa de intereses inmediatos eludindo actuacións que os transcendan. Dáselle ás institucións un papel case exclusivo no proceso de transformación social, chegando ao punto de que hai persoas que consideran que ninguén que propugne un cambio social debería asumir o goberno ata que non haxa garantías de que ese cambio se vai poder realizar dende aquelas institucións. Esquecendo que esas garantías nunca existen e caendo na falta de actividade social transformadora.

Nalgunhas organizacións políticas enténdese que o traballo nas institucións é tan «elevado», que só unhas poucas persoas «especiais» poden ter cargos institucionais. Esta convicción trae como consecuencia a perpetuación neses cargos e a promoción para os mesmos das persoas consideradas máis fieis ou das que están catalogadas como as mellores no traballo político, aínda que ás veces, por desgraza, esta catalogación non se corresponda coa realidade. Esta visión institucionalista non permite recoñecer que a dirección dos movementos sociais esixe tantas o máis cualidades políticas que o traballo institucional, cualidades que ademais deben ir unidas a unha perspectiva ideolóxica axeitada. E tamén leva á concepción das organizacións sociais, na práctica, como correas de transmisión ben sexa dos gobernos, ben sexa do traballo institucional, ben sexa das propias organizacións políticas. Desta maneira négase o papel que teñen estas organizacións sociais na consecución do necesario equilibrio que debe alcanzar o proceso transformador para poder avanzar. Desde o meu punto de vista, é preciso facer un claro pronunciamento a favor da independencia das mesmas. Algo absolutamente indispensábel xa que só mantendo a súa independencia no apoio e/ou na crítica poden realizar axeitadamente o seu traballo entre a xente.

As organizacións que consideran necesaria unha transformación social deberían respectar o papel de cadaquén na equipa colectiva involucrada na mesma, sen obrigar a cumprir roles que non lle corresponden.

Sería bo que a xente que está implicada nos movementos sociais aceptara que as persoas que están exercendo labores institucionais e/ou de goberno (sexan da mesma organización política ou doutra) non teñen por que reproducir sempre e exactamente as propostas xeradas a través das organizacións sindicais, veciñais, ecoloxistas, etc. A posición de quen está nas institucións dálle unha perspectiva sobre o que é posíbel ou conveniente facer que é diferente á perspectiva de quen non o está.

Pola súa banda, tamén sería bo que quen está exercendo labores institucionais e/ou de goberno aceptara que as persoas que participan nos movementos sociais (sexan compañeiras da mesma organización política ou non), ademais de apoiar e exercer a presión necesaria para que se implanten aquelas medidas programáticas que son máis beneficiosas para a maioría, tamén poden e deben criticar este labor institucional e/ou de goberno se é necesario. E, por suposto, non debe esquecer que en moitas ocasións no seo deses movementos sociais xorden novas ideas transformadoras.

Pódese constatar a existencia de diferentes papeis na equipa colectiva implicada nos avances sociais, pero todos estes papeis son importantes e susceptíbeis de ser planificados. Por iso, o respecto polo equilibrio no proceso de transformación social é fundamental.

Sobre o autor

Xoán Carlos Carreira Pérez

Doutor engenheiro agrónomo, professor de Engenharia Agroflorestal na Universidade de Santiago de Compostela. Autor de vários livros e artigos científicos, tem colaborado em diversos meios de comunicação, como A Nosa Terra, El Progreso, Vieiros e Praza Pública.

Comenta aqui!

Comenta aqui!

Espaço público, Cultura, Política, Comunidade, Território, Pessoas

Elias J. Torres Feijó

Tenta trabalhar coletivamente e acha que o associativismo é a base fundamental do bom funcionamento social e comunitário. A educação nos Tempos Livres é um desses espaços que considera vitais. Profissionalmente, é professor de Literatura, em origem, e, mais, na atualidade, de Cultura.

Xoán Carlos Carreira Pérez

Doutor engenheiro agrónomo, professor de Engenharia Agroflorestal na Universidade de Santiago de Compostela. Autor de vários livros e artigos científicos, tem colaborado em diversos meios de comunicação, como A Nosa Terra, El Progreso, Vieiros e Praza Pública.

Xosé Manuel Sarille

Polemista e tamén escritor. Autor do ensaio "A Causa das Mulleres". A quen lle interese lelo pode solicitalo neste blog e enviaráselle ao enderezo correspondente sen custo ningún do exemplar nin do transporte.

Manuel Jordán Rodríguez

Lembrado e Querido Manuel Ánxel

Viva Cerzeda

Espaço público, Cultura, Política, Comunidade, Território, Pessoas… Viva Cerzeda é a comemoração, para nós, da amizade, do bom humor sempre que possível e de tentar contribuir com algumhas ideias e opiniões para entender(mos) e atuar(mos) do melhor modo o mundo… É ambicioso mas é-che o que há… e para mais não damos…

Contacta-nos aqui

Acompanha