Espaço público, Cultura, Política, Comunidade, Território, Pessoas

O máis querido ten que ser sempre o mellor?

Nestes días coincidiume escoitar a varias persoas que para xustificar o pouco aprecio, animadversión ou mesmo odio que lle teñen a outras persoas, achácanlle a estas últimas todos os defectos do mundo e non son capaces de ver as virtudes que teñen, aínda que estas sexan enormes e totalmente evidentes. E tamén me cadrou escoitar a quen expresaba o sentimento oposto. Persoas que despois de manifestar o cariño que lle teñen ao seu equipo, á súa terra ou á súa cidade, sempre acaban engadindo que é o equipo que ten os mellores xogadores e o adestrador máis capaz, que é a mellor terra ou que é a cidade máis bonita cunhas festas coma non hai outras no país. Como se consideraran que é un defecto terlle cariño a aquilo que non é mellor que o resto.

Nestes casos eu lembro a Quintín Cabrera que nunha das súas cancións dicía (aproximadamente): “Me enseñaron de botija en la escuela este cantar: naciste en Montevideo, junto a un rio como mar. No busques lugar más bello porque no lo encontrarás. (…/…). Busqué lugares más bellos y aunque los pude encontrar. Nunca pude amarlos tanto como quiero a mi ciudad”.

Por certo que, para morriña, a que expresaba nalgunha das súas cancións este uruguaio (un dos meus cantantes de cabeceira hai tempo) que viviu fóra do seu país á forza, arredor de corenta anos, primeiro en Barcelona e máis tarde en Madrid.

Eu que nacín en Lugo, concordo con estes versos de Quintín Cabrera. Atopei cidades máis fermosas e nas que me sentín moi ben, pero tampouco podo querelas tanto coma quero á miña cidade. E o mesmo podo dicir de X.., a aldea da miña nai. Tamén as vin máis bonitas, pero o meu cariño sempre será maior para X…. Mesmo agora que, dende hai pouco tempo, está atravesada polo chamado “corredor” Lugo-Monforte construído para que os coches poidan circular mellor pero que causa nesta aldea unha grande desfeita paisaxística e unha contaminación acústica moi apreciábel. Unha persoa da miña familia a quen o ruído lle provoca agora moitas molestias chama a esta estrada dunha maneira moi enxeñosa: o corredoiro.

Desde o meu punto de vista non ten moito sentido que aquilo ao que se lle ten animadversión ou pouco cariño se cualifique como o peor para tratar de xustificar ese sentimento. Hai cidades marabillosas, países extraordinarios ou magníficas persoas que, por variados motivos, non conseguen o noso aprecio, pero iso non debería levar a que se neguen os seus méritos ou virtudes.

E tamén considero que o máis querido non ten por que ser sempre o mellor. Ao meu entender isto tamén é aplicábel aos seres humanos. Ás persoas ás que se lle ten cariño, ténselle máis aló de que sexan ideais ou perfectas en maior ou menor medida. Non creo que sexa un defecto terlle cariño a unha cidade que non sexa a máis bonita do mundo ou a un país que non se poida poñer como exemplo en moitas cousas. Nin ás súas xentes que, como calquera outras, non estarán libres de defectos individuais e colectivos. Pola contra, ser conscientes disto creo que pode ser moi importante para valorar na súa xusta medida esa cidade, ese país ou ese pobo ao que queremos. E ao facelo seguro que atopamos moitos motivos polos cales lles temos cariño. E que ademais nos fan sentir orgullosos e orgullosas deste sentimento. Sobre todo si esa cidade, ese país ou ese pobo é o noso.

Sobre o autor

Xoán Carlos Carreira Pérez

Doutor engenheiro agrónomo, professor de Engenharia Agroflorestal na Universidade de Santiago de Compostela. Autor de vários livros e artigos científicos, tem colaborado em diversos meios de comunicação, como A Nosa Terra, El Progreso, Vieiros e Praza Pública.

Comenta aqui!

Comenta aqui!

Espaço público, Cultura, Política, Comunidade, Território, Pessoas

Elias J. Torres Feijó

Tenta trabalhar coletivamente e acha que o associativismo é a base fundamental do bom funcionamento social e comunitário. A educação nos Tempos Livres é um desses espaços que considera vitais. Profissionalmente, é professor de Literatura, em origem, e, mais, na atualidade, de Cultura.

Xoán Carlos Carreira Pérez

Doutor engenheiro agrónomo, professor de Engenharia Agroflorestal na Universidade de Santiago de Compostela. Autor de vários livros e artigos científicos, tem colaborado em diversos meios de comunicação, como A Nosa Terra, El Progreso, Vieiros e Praza Pública.

Xosé Manuel Sarille

Polemista e tamén escritor. Autor do ensaio "A Causa das Mulleres". A quen lle interese lelo pode solicitalo neste blog e enviaráselle ao enderezo correspondente sen custo ningún do exemplar nin do transporte.

Manuel Jordán Rodríguez

Lembrado e Querido Manuel Ánxel

Viva Cerzeda

Espaço público, Cultura, Política, Comunidade, Território, Pessoas… Viva Cerzeda é a comemoração, para nós, da amizade, do bom humor sempre que possível e de tentar contribuir com algumhas ideias e opiniões para entender(mos) e atuar(mos) do melhor modo o mundo… É ambicioso mas é-che o que há… e para mais não damos…

Contacta-nos aqui

Acompanha