Empezo este artigo dicindo algo absolutamente obvio. O nacionalismo galego, coma calquera organización que queira cambiar a situación actual, necesita un proxecto político que recolla, polo menos, tres aspectos: os obxectivos que se pretenden acadar, un programa estratéxico que concrete estes obxectivos no medio-longo prazo e as propostas a curto prazo para avanzar cara eles.
O nacionalismo galego é hoxe unha alternativa poderosa mais tamén ten as súas debilidades. Desde o meu punto de vista, con respecto aos tres aspectos que acabo de indicar aquí enriba, a principal debilidade do nacionalismo galego está nos dous primeiros. O nacionalismo ten definido os seus obxectivos de xeito difuso e ademais a nivel estratéxico pouco máis ten concretado que aquilo que figura nos programas electorais. Esta situación fai que siga sendo habitual concorrer ás eleccións propoñendo “plans” dos que só se presenta o nome pero non se di en que consisten nin as medidas que incluirían. E tamén que, en máis dunha ocasión, as principais accións de goberno consistan en facer reivindicacións diante doutras Administracións.
Ao meu entender, hai que definir con nitidez os obxectivos e o proxecto político do nacionalismo. Como xa teño dito nun artigo anterior, o que pode permitir que a maioría das galegas e galegos se sumen ao movemento nacionalista é a proposta dun proxecto nacional para o futuro. Aí é onde hai que clarificarse. ¿Aspírase a ter máis competencias para profundar na actual autonomía? ¿Preténdese un país federado ou confederado no Estado Español? ¿Federado ou confederado con Portugal? ¿Unha federación ou confederación da península ibérica? ¿Aspírase a construír unha nación independente? ¿Ou ben o obxectivo é conseguir a soberanía nacional sen prexulgar o xeito en que se pode facer efectiva? Isto debería concretarse. Outra cousa é o ritmo con que se avance e/ou o camiño que se siga para chegar a onde se pretende chegar. Ou que se faga máis ou menos fincapé nas propostas a curto prazo.
A carencia dun proxecto nacional consistente, ao meu xeito de ver, ten conducido ao nacionalismo nos últimos tempos a unha posición política que podiamos cualificar case de “rexionalista” ou de “localista”. Ou incluso próxima a unha especie de “sindicalismo territorial”. ¿Que diferencia realmente ao nacionalismo galego das outras forzas políticas ? Eu penso que para a maioría da xente a diferenza non está no seu proxecto de futuro senón en que é máis reivindicativo con respecto ao Estado Español. Agora ben: ¿Para que? ¿Para ter empresas galegas que fagan o mesmo que as non galegas? ¿Para seguir cos monocultivos exportadores ( leite e eucalipto/piñeiro)? ¿Para ter un AVE que aumenta a nosa dependencia de Madrid? En relación con isto, ao meu entender, o nacionalismo, se non cambia, comezará a semellarse a esas orquestras que tocan as mesmas cancións que as outras pero máis “cargadas de bombo”.
O mesmo ocorre no aspecto social. Este país e o mundo teñen cambiado moito nos últimos tempos. Xa pasaron arredor de corenta anos desde que o nacionalismo galego elaborou as súas bases teóricas fundamentais. Pero hoxe nin a composición social e territorial do país, nin a súa estrutura de clases é a mesma. Non obstante teño a impresión de que, moitas veces, continúanse facendo propostas para o país como se seguira sendo aquel que coñeciamos, sen caer na conta de que xa non o é. Hai moitos debates pendentes. Por exemplo: ¿Cal é papel do público?, ou mellor: ¿Que se entende por público?. Neste sentido compre clarificar unha posición normalmente moi entalada entre a visión “sindical” e a busca de maior “eficacia” na xestión. Outros debates pendentes son, por exemplo: ¿Cales son as necesidades que hoxe se poden considerar básicas? ¿Cal é o papel do mercado? ¿Que propostas ten o nacionalismo sobre a renda básica? ¿E sobre os orzamentos participativos ?
Lembro que na etapa onde o nacionalismo (BNG) xestionou a economía do concello de Lugo gabábase de rebaixar a presión fiscal. ¿É esta a posición sobre os impostos de todo o nacionalismo actual ? En todo caso: ¿Cales son as súas propostas sobre a política impositiva ?
¿O nacionalismo é partidario de seguir co crecemento económico indefinido ou se pode aproximar, en certo xeito, as teorías do decrecemento ? ¿Aposta polo monocultivo gandeiro intensivo e exportador ou realmente é partidario da soberanía alimentaria e das casas de labranza (pequenas explotacións agrarias familiares)? Casas de labranza que, ao meu entender, con certas modificacións podían situarse na vangarda das novas ideas sobre agricultura, as máis actuais e progresistas que se abren paso a nivel mundial.
Considero fundamental a clarificación destes aspectos porque é o que permitirá ir identificando con quen se conta para construír o futuro.
Seguro que existen persoas que a nivel individual teñen respostas e ideas sobre estes interrogantes. Eu mesmo se cadra podo telas para algún deles. Pero non se trata do que se pensa a nivel individual, senón da conformación do pensamento colectivo. É posíbel tamén que o nacionalismo teña respostas e ideas sobre certas cuestións concretas. Pero non se trata de dar alternativas illadas senón de configurar un proxecto global e coherente. E confío en que se consiga.