Pasáramos toda a tarde nos cafés, despois fomos aos bares e á noite visitamos o Gaiola, o Matisse e o Modus. Manuel tiña un Citroën dyane 6 vermello cheo de molles por todas as partes, que tamén bailaba moito. Ficara estacionado diante do Yohakin, mentres nós estivéramos dentro, buscando con ansia música e luces eléctricas. Bebíamos coñac sen engadidos e fumábamos haxix, buscando proporción no segundo, para non colapsar. Entón Manolo propuxo facer un cambio de espazo, de mundo. Se saíamos daquela mesmo, en catro horas chegaríamos, ao amencer, a Campo da Braña, para ir a Suárbol e ver desde alí por enriba o porto dos Ancares. Lucía o sol, todo estaba quedo e nacía abril. Entón fitei abraiado para a pola dunha cerdeira e achegueime a ela subindo por un muro. Co ollo fixo nela descubrín que as árbores botan flores. Comuniqueino daquela mesmo e o Xulio calibrou a miña aparición como se fose a dun marciano.
Montaigne viviu sempre na aldea e de vello soubo que o pan, para ser, leveda.
O que admiro nos poetas, artistas en xeral é esa maneira de pórnos diante dos ollos eses pequeno-grandes descubrimentos da vida e natureza