Na esquerda, a maioría dos debates sobre temas políticos ou sociais xorden ao tratar de definir cal é o problema que compre enfrontar. Deste xeito pérdese moito tempo ademais de enerxía e os debates previos á posta en práctica das propostas fanse eternos. Despois, unha vez que se consegue definir cal é o problema, este abórdase como se tivera unha única solución, analizándoo en termos absolutos: solución totalmente correcta ou totalmente equivocada.
Neste momento creo que moita xente xa nos demos conta de que non hai solucións totalmente correctas nin totalmente equivocadas. E de que os problemas sociais son máis complexos. Hai que ter en conta moitas variábeis: feminismo, esgotamento dos recursos do planeta, consecución dun sistema económico que distribúa equitativamente a riqueza e que ao mesmo tempo sexa eficiente, migracións, ecoloxismo… E hai que integralas nunha solución que nos conduza a unha sociedade máis xusta e máis humana. Así, establecendo unha similitude coas matemáticas, pódese dicir que na realidade social o número de variábeis é maior que o número de ecuacións das que dispoñemos para solucionalas. ¿Puidera ser que o método máis axeitado para atopar unha solución aos problemas sociais sexa o de «aproximacións sucesivas»? Conscientes tamén de que, nalgúns casos, pode haber máis dunha solución válida, é dicir, máis dunha alternativa correcta. Os movementos altermundistas propoñen algo que, en certa maneira, pode ter algún paralelismo: «estratexias globais e actuacións locais».
Daquela, se cadra os métodos de traballo e debate deben mudar. Trátase xa que logo de probar e de avaliar. De propoñer solucións, sopesalas, contrastalas e … avanzar. E todo isto comprendendo que, aínda que haxa propostas de compañeiras ou compañeiros que non coincidan coas que saen aprobadas, posibelmente sexa mais útil para achegarse á solución axeitada non invalidar ningunha delas de maneira definitiva, senón analizalas dende unha perspectiva de aproximacións sucesivas.
Os métodos de traballo e debate deben incorporar ademais algunhas outras consideracións. Desde o meu punto de vista, entre elas estarían as seguintes:
- Hai que entender o erro coma un dato máis que axuda a atopar a solución correcta. Polo tanto por unha banda hai que perder o medo a equivocarse e por outra banda hai que evitar caer na descualificación absoluta de quen se equivocou.
- Hai que valorar cada actuación feita, marcando obxectivos e analizando o seu cumprimento.
- Hai que asumir que non hai solucións perfectas, que todas teñen vantaxes e inconvenientes. Por iso, ao aplicalas na realidade pode acontecer que necesiten ser axustadas ou modificadas sobre a marcha o que supón aceptar que o cambio de opinión sobre unha medida concreta non debería ser «a priori» un problema en si mesmo.
E todo isto non se consegue só con estatutos, regulamentos ou normativas, senón asumindo un cambio de actitude e poñendo por diante o compañeirismo.
Como sempre vendo máis aló do que semella ser o remate dos micromundos ideolóxicos. (Tamén lle “con chaman perspectiva”)