O normal en calquera ámbito da nosa vida é fixar cales son os obxectivos que queremos alcanzar e despois intentar facelo. Aínda que non o consigamos, o camiño en si probabelmente xa pague a pena, agás excepcións.
A min paréceme que as persoas, tanto a nivel individual como colectivo, case sempre estamos moi preocupadas polos medios que hai que utilizar para chegar a cumprir os nosos obxectivos. E tan centradas estamos debatendo sobre isto que consentimos que sexa outra xente a que decida por nós cales son eses obxectivos que temos que acadar. Por exemplo, teño visto máis dunha vez como a esquerda debate sobre a maneira de aumentar o PIB. Agora ben: Quen inventou o PIB? Quen decidiu que aumentar o PIB é o obxectivo?
O peor é que mentres nós seguimos pelexando por chegar ás metas que outras persoas, empresas ou institucións nos marcaron, estas xa están pensando en novos obxectivos, incluso reconducindo as propostas máis lúcidas para darlle outro sentido ás mesmas e levarnos cara un destino que seguramente non é a onde queriamos chegar. Lembro por exemplo a suxestión de abandonar o PIB como indicador e guía das políticas económicas que no seu día foi asumida por dirixentes políticos como Sarkozy ou Cameron. Ou as recentes declaracións de Luis de Guindos que tenta apropiarse da idea de renda básica desvirtuando o que realmente significa esta proposta e poñendo as bases para consumar un novo engano. Ou as máis recentes aínda de Macron dicindo que a agricultura ten que estar fóra das leis do mercado.
A maior parte da xente quere estar segura de que os medios que escolleu para lograr os seus obxectivos son os adecuados. Dito doutra maneira, á hora de iniciar calquera proceso necesita ter a certeza de que o camiño que se vai seguir é o máis indicado. Todas as persoas, en maior ou menor medida, queremos ter unha receita a man. Por iso a Fábula de los tres hermanos de Silvio Rodríguez sempre me desacougaba até que me decatei de que non hai receitas nin solucións universais para os problemas. Como diría unha marxista, o que compre facer en cada caso é a «análise concreta da situación concreta» ou, como nos lembraría un vello, hai que ser conscientes de que «cada día ten o seu afán». Por outra banda, quero lembrar que a ciencia non ten unha teoría con validez universal que poida explicar o universo e o mundo. Mais isto non nos impediu coñecelos cada vez mellor nin tampouco nos impediu avanzar no saber.
Calquera actuación de certa entidade dentro do sistema social produce un cambio no mesmo e polo tanto nas súas condicións de equilibrio. É dicir, xera unha nova situación que debe ser avaliada pois puidera acontecer que a decisión que era atinada cando se tomou deixou de selo ao pouco de aplicala. Ou viceversa.
Así pois, eu creo que non existen solucións ou medios que se poidan considerar universal e permanentemente válidos, pero considero que si é factíbel dispoñer dun método axeitado para actuar e valorar os resultados obtidos en cada momento porque o que vale hoxe ou serviu onte pode ser que mañá xa non sexa útil.
As galegas e os galegos sabemos isto dende hai moito tempo, talvez dende hai séculos, por esa razón, para nós, a pesar de que alguén se alporice, todo «depende».
Os obxectivos son os que guían o traballo e permiten elixir o camiño. E tamén os que, fundamentalmente, poden separar ou unir as persoas, o cemento para construír organizacións e o marco para decidir actuacións. Xunto a eles, o que máis importa é o método utilizado precisamente para decidir estas actuacións. Aínda que tampouco haxa un único método válido, nin sequera o chamado método científico, sería perfectamente posíbel estar de acordo nel ou neles porque iso é o que permite validar as conclusións en cada momento… E a falar dos métodos dedicarei outro artigo.