Espaço público, Cultura, Política, Comunidade, Território, Pessoas

Os preconceitos e a realidade na Galiza rural

Despois de décadas de especializar á agricultura galega no monocultivo exportador tanto no sector agrogandeiro como forestal, os resultados son bastante evidentes: o balance agroalimentario de Galiza é negativo e o medio rural desertízase. Este pais lendariamente rural e agrario non ten xente nas aldeas e non é capaz de alimentar a súa propia poboación. ¿E tempo de repensar? Estas son algunhas ideas e datos para reflexionar sobre eles.

1.- En Galiza existe unha agricultura que é invisíbel para economistas, políticos/as e opinión pública. Unha agricultura que non se contabiliza xa que apenas sae ao mercado nin contribúe ao PIB. Sen embargo, no caso de contabilizarse, podería incrementar arredor do 21-25 % a Renda Agraria oficial. O seu destino é o autoconsumo ou a venda local e está garantindo un mínimo de soberanía alimentaria neste país. Os datos estatísticos son contundentes. Por exemplo o consumo de pataca en Galiza andaría arredor de 92 mil Tn. no ano 2016 (1). Pois ben, segundo a ESYRCE (2) os hortos familiares producirían arredor do 20% desta cantidade e segundo o Anuario de Estatística Agraria da Xunta de Galiza (3), o autoconsumo representaría arredor do 64% do total. O consumo de pementos en Galiza andaría arredor de 15 mil Tn. (1). Segundo a ESYRCE (2) os hortos familiares producirían arredor do 60% e segundo o Anuario de Estatística Agraria da Xunta de Galiza (3), o autoconsumo representaría mais do 40% do consumo total

2.- As persoas que oficialmente traballan na agricultura non chegan á cuarta parte da poboación activa dos núcleos rurais. A maioría traballa noutros sectores económicos, pero non é allea á actividade agraria. O tipo de agricultura a tempo parcial que se practica no rural pode encadrarse dentro do que a nivel mundial se coñece como “agricultura urbana” e que é algo mais que esas iniciativas salientábeis dalgúns concellos das cidades galegas. Descoñecida ou ignorada por moita xente, segundo a FAO, é un sector en rápido crecemento que proporciona alimentos á cuarta parte da poboación urbana mundial ( 700-800 millóns ). Outros autores como Oliveira Baptista (4) cualifícanas de “explotacións territoriais”, e consideran que non desaparecen, como se podería prever desde unha óptica exclusivamente económica, porque ofrecen múltiples funcións aos distintos membros da familia traballen ou non na explotación: rendemento económico, vivenda, alimentación, modo de vida, conservación do patrimonio familiar… Estas pequenas explotacións familiares ou casas de labranza son indispensábeis para que a xente viva no rural e para a xestión do seu territorio.

3.- Segundo as estatísticas europeas (FADN), entre as 115 “rexións” europeas, Galiza ocupa o posto 98 pola superficie media das explotacións e o 45 polo tamaño medio do rabaño. Sen embargo ocupa o posto 27 en canto ao valor engadido neto xerado por unidade de traballo. Segundo o ultimo censo agrario as explotacións agrarias con menos de 20 Has e 26 unidades gandeiras xestionan a metade da SAU de Galiza e as que teñen menos de 50 Has e 62 unidades gandeiras xestionan o 80%. Con estes datos semella oportuno facerse esta pregunta: ¿ É realmente un inconveniente ter pequenas explotacións?

4.- A moderna agricultura de precisión que apareceu en EEUU nos anos 80 defínese como aquela que pretende optimizar o rendemento económico tendo en conta a variabilidade do ecosistema, establecendo estratexias para usar os insumos necesarios na cantidade requirida, no sitio adecuado e no momento oportuno. E así é como definía xa Valenzuela Ozores (5), o minifundio galego en 1865: “O agricultor […] escolle as súas sementes e as alterna diferentes en cada porción da súa parcela e segundo as condicións atmosféricas do ano […]. Non dá iguais labores, nin en iguais períodos, nin en igual forma, nin en igual número, senón amoldándose sempre ao que reclaman a variedade do solo e a inconstancia da atmosfera”.

¿E se deixamos fóra os prexuízos? ¿É ou non é o minifundio galego unha agricultura de precisión?

Notas

  1. Ministerio de Agricultura y Pesca, Alimentación y Medio Ambiente. 2016. Panel de consumo alimentario. Base de datos de consumo en hogares, por CCAA o por establecimiento de compra. En http://www.mapama.gob.es/es/alimentacion/temas/consumo-y-comercializacion-y-distribucion-alimentaria/panel-de-consumo-alimentario/base-de-datos-de-consumo-en-hogares/consulta.asp

  2. Ministerio de Agricultura y Pesca, Alimentación y Medio Ambiente. 2017. Encuesta de Superficies y Rendimientos de Cultivos do Ministerio de Agricultura- ESYRCE. En http://www.mapama.gob.es/es/estadistica/temas/estadisticas-agrarias/agricultura/esyrce/

  3. Xunta de Galicia. Consellería do Medio Rural. Anuario de Estatistica Agraria. En http://mediorural.xunta.gal/institucional/estatisticas/medio_rural/anuario_de_estatistica_agraria/

  4. Oliveira Baptista, F. 2001. Agriculturas e territórios. Celta editora. Oeiras.

  5. citado por Rodriguez Galdo , M. X no capítulo “A agricultura tradicional galega. Crecemento sen modernización “ no libro Terra e Progreso. Historia agraria da Galicia contemporánea. Edicións Xerais de Galicia. 2000.

Sobre o autor

Xoán Carlos Carreira Pérez

Doutor engenheiro agrónomo, professor de Engenharia Agroflorestal na Universidade de Santiago de Compostela. Autor de vários livros e artigos científicos, tem colaborado em diversos meios de comunicação, como A Nosa Terra, El Progreso, Vieiros e Praza Pública.

Espaço público, Cultura, Política, Comunidade, Território, Pessoas

Elias J. Torres Feijó

Tenta trabalhar coletivamente e acha que o associativismo é a base fundamental do bom funcionamento social e comunitário. A educação nos Tempos Livres é um desses espaços que considera vitais. Profissionalmente, é professor de Literatura, em origem, e, mais, na atualidade, de Cultura.

Xoán Carlos Carreira Pérez

Doutor engenheiro agrónomo, professor de Engenharia Agroflorestal na Universidade de Santiago de Compostela. Autor de vários livros e artigos científicos, tem colaborado em diversos meios de comunicação, como A Nosa Terra, El Progreso, Vieiros e Praza Pública.

Xosé Manuel Sarille

Polemista e tamén escritor. Autor do ensaio "A Causa das Mulleres". A quen lle interese lelo pode solicitalo neste blog e enviaráselle ao enderezo correspondente sen custo ningún do exemplar nin do transporte.

Manuel Jordán Rodríguez

Lembrado e Querido Manuel Ánxel

Viva Cerzeda

Espaço público, Cultura, Política, Comunidade, Território, Pessoas… Viva Cerzeda é a comemoração, para nós, da amizade, do bom humor sempre que possível e de tentar contribuir com algumhas ideias e opiniões para entender(mos) e atuar(mos) do melhor modo o mundo… É ambicioso mas é-che o que há… e para mais não damos…

Contacta-nos aqui

Acompanha