É unha ousadía pola miña parte falar do outono nun artigo coma este porque houbo, hai e haberá quen mellor fale sobre el. Pero atrévome a facelo porque gosto deste tempo aínda que despois veña o inverno. Non lembro cando comecei a aprecialo porque a miña memoria xa non é o que era. Creo que debeu ser nunha viaxe que fixemos a Somiedo. Impactoume o colorido. Desde aquela, cada ano, temos o costume de facer unha saída para ver o outono. Pódese dicir que é unha especie de compromiso. E temos visto outonos espectaculares nos Ancares, no Courel, na Ribeira Sacra ou camiño de Bragança.
Nos tempos en que era concelleiro en Lugo, o meu gosto polo outono levoume a propoñer darlle este nome a unha rúa. Proposta que foi aceptada. Certo é que na Comisión constituída para este asunto, tiña por costume poñer nomes que gardaran unha certa relación entre as rúas próximas. E alí preto da rúa primavera xa existente acaía a do outono.
Sempre tentamos atopar o mellor momento para contemplar o outono. Sen embargo xa me fun dando conta co paso do tempo de que ese momento perfecto non existe, ou vai variando. Porque os outonos son diferentes. Cambian cos lugares e a xeografía. Son diferentes segundo os anos e as datas. Dalgunha maneira, isto ten un certo paralelismo con distintos aspectos da vida das persoas e dos colectivos.
En relación co anterior, os outonos son diferentes nas árbores. Non é o mesmo o outono das videiras, que o dos bidueiros, o dos castiñeiros, o dos carballos ou o das arbores ornamentais. Non o é nin no colorido nin na época do ano en que cada árbore acada o máximo esplendor do mesmo. Niso temos un país extraordinario.
Mais como en toda actitude fronte a unha paisaxe, a percepción do outono depende en grande medida da compañía, do estado de ánimo ou da situación. Tocoume pasar ao longo da miña vida dous outonos hospitalizado durante varias semanas. Nos dous casos a contemplación do pouco que podía ver desde a xanela da habitación fixo que aturara mellor a situación. Na ultima hospitalización, relativamente recente, a contemplación de como ía cambiando a color dunha soa árbore foime de grande axuda.
En todo caso, aínda que moitos anos non consiga ver o outono no momento, no lugar e coa compañía que desexaría, este tempo de colleitas e de repouso, de mazás e herba outoniza, de castañas e viño novo, sempre acaba serenando o animo. E este ano aínda queda outono por vivir. Para min, e creo que para outra moita xente, o outono forma parte da nosa identidade persoal e colectiva.