Espaço público, Cultura, Política, Comunidade, Território, Pessoas

Por se acaso alguén ten as respostas

Nestes días atrás tivemos noticia das mobilizacións de xente que vive da agricultura en varias zonas do Estado Español. Polas declaracións que escoitei a varios dirixentes destas protestas non me quedou claro cales son realmente as súas reivindicacións.

A nivel mundial, no sector agrario pódense atopar desde latifundistas ou grande empresariado agrogandeiro até campesiñado. Cada un destes colectivos ten intereses diferentes. Esta diferenza de intereses ponse de manifesto entre os distintos territorios e tamén internamente dentro de moitos deles. Quizais por iso cando se pretende que as demandas expresen a vontade conxunta de todos os colectivos do sector acaban sendo confusas. Agora ben, tamén teño que dicir que eu son absolutamente partidario da coordinación das loitas sexa dentro de Estado Español, da Península Ibérica, de Europa ou do mundo.

En Galiza o colectivo de persoas que viven da agricultura tampouco é homoxéneo. As diferenzas internas poden ser poucas ou pequenas pero, ao meu entender, teñen a suficiente magnitude como para que xurda a necesidade ou conveniencia de formular algunhas cuestións.

Hai trinta anos ou talvez máis escribín un documento para a organización nacionalista na que militaba no que realizaba unha análise da composición do sector agrario e concluía que se podían distinguir como mínimo dous colectivos. Eu consideraba daquela que un deles, formado principalmente por explotacións gandeiras, era máis “profesional” aínda que hoxe xa non penso o mesmo. Segundo eu opinaba nese momento, este colectivo estaría interesado en reivindicacións inmediatas como a demanda de mellores prezos para os seus produtos que se dirixirían fundamentalmente ás empresas e serían susceptíbeis de abordar mediante negociacións coas mesmas. O outro colectivo conformaríano as labregas e labregos con pequenas explotacións familiares que, ao meu entender daquel entón, terían máis interese en reivindicacións como ter aceso á seguridade social, dispoñer de servizos axeitados (comunicacións decentes, sanidade próxima, …), non ter que pagar impostos abusivos, etc. Reivindicacións que estarían dirixidas principalmente ás administracións.

Como conclusión destas ideas facía a proposta de diferenciar dúas organizacións agrarias dirixidas a dar resposta ás necesidades de cada un dos colectivos dos que acabo de falar. O certo é que a receptividade do documento foi moi pequena ao mellor xustificadamente. Mais tratando de lembralo (por algún sitio estará pero non o atopo) e repensando sobre el, creo que posibelmente podía ser formulado de novo na situación actual con algunhas modificacións.

Non hai dúbida de que se produciron acontecementos moi significativos desde que foi elaborado. Houbo unha masiva desaparición de explotacións agrarias, mais tamén neste tempo viron a luz importantes novidades no ámbito da agricultura mundial. Por unha banda expandiuse a preocupación polo medio ambiente e xurdiron tanto organizacións como ideas ecoloxistas que acadaron unha ampla aceptación entre a xente. Por outra banda, a agricultura empezouse a concibir non só como unha actividade que produce alimentos e fibras, senón tamén servizos á sociedade, fundamentalmente servizos ambientais. Ademais ganaron terreo os sistemas de produción sustentábeis, ecolóxicos, mesmo agroecolóxicos así como a defensa das pequenas explotacións familiares.

Na actualidade todas as organizacións sindicais agrarias galegas diríxense ao conxunto das persoas que traballan na agricultura e gandería, aínda que, nalgún casos, dean máis prioridade a uns colectivos que a outros. Non obstante tendo en conta o novo contexto que acabo de describir máis enriba, se cadra podemos dicir que hoxe en día está incluso máis claro que os intereses das persoas consideradas profesionais da agricultura (eu opino que as das pequenas explotacións familiares tamén o son) e os do campesiñado son diferentes.

Isto lévanos a poñer riba da mesa algunhas cuestións: É posíbel compaxinar dentro da mesma organización sindical estes diferentes intereses? Si o é xa non digo nada máis, pero se non o é, xorden novas cuestións: Sería necesaria a existencia de organizacións sindicais agrarias dirixidas especificamente a cada un dos sectores que se estime conveniente? E se son necesarias semella inevitábel facer outra pregunta. Sería oportuno crear novas organizacións mantendo as existentes ou dividir estas? E para rematar queda unha última cuestión: Sería adecuado que unha das organizacións, cando menos, fora un movemento social que agrupara non só xente que está ocupada no sector agrario senón ademais persoas que sen traballar nel están interesadas, por exemplo, na ecoloxía, no consumo responsábel ou na xestión do territorio?

Diredes que pregunto moito pero non contesto a nada. Iso é porque non teño claras cales serían as alternativas máis axeitadas. Non obstante, considero necesario formular as preguntas por se acaso alguén ten as respostas.

Sobre o autor

Xoán Carlos Carreira Pérez

Doutor engenheiro agrónomo, professor de Engenharia Agroflorestal na Universidade de Santiago de Compostela. Autor de vários livros e artigos científicos, tem colaborado em diversos meios de comunicação, como A Nosa Terra, El Progreso, Vieiros e Praza Pública.

Comenta aqui!

Comenta aqui!

Espaço público, Cultura, Política, Comunidade, Território, Pessoas

Elias J. Torres Feijó

Tenta trabalhar coletivamente e acha que o associativismo é a base fundamental do bom funcionamento social e comunitário. A educação nos Tempos Livres é um desses espaços que considera vitais. Profissionalmente, é professor de Literatura, em origem, e, mais, na atualidade, de Cultura.

Xoán Carlos Carreira Pérez

Doutor engenheiro agrónomo, professor de Engenharia Agroflorestal na Universidade de Santiago de Compostela. Autor de vários livros e artigos científicos, tem colaborado em diversos meios de comunicação, como A Nosa Terra, El Progreso, Vieiros e Praza Pública.

Xosé Manuel Sarille

Polemista e tamén escritor. Autor do ensaio "A Causa das Mulleres". A quen lle interese lelo pode solicitalo neste blog e enviaráselle ao enderezo correspondente sen custo ningún do exemplar nin do transporte.

Manuel Jordán Rodríguez

Lembrado e Querido Manuel Ánxel

Viva Cerzeda

Espaço público, Cultura, Política, Comunidade, Território, Pessoas… Viva Cerzeda é a comemoração, para nós, da amizade, do bom humor sempre que possível e de tentar contribuir com algumhas ideias e opiniões para entender(mos) e atuar(mos) do melhor modo o mundo… É ambicioso mas é-che o que há… e para mais não damos…

Contacta-nos aqui

Acompanha