Nos últimos tempos semella que existe unha especie de «cruzada» contra as chamadas pseudociencias ás que se lles imputa que non existe evidencia científica que as avale. Da a impresión de que a ciencia é asumida como unha relixión, na que só é válida a ciencia «oficial». Non hai que esquecer que a ciencia é unha estrutura de poder, coma outras, e que ten intereses económicos. Por iso gostaríame facer uns pequenos apuntamentos.
Hai que lembrar que moitos avances científicos de grande importancia naceron coma herexías respecto dos postulados da ciencia oficial do momento. Teño especial predilección pola historia do médico húngaro Ignác Semmelweis que posibelmente algunhas persoas xa coñeceredes. Pode ser moi ilustrativa da afirmación que acabo de facer.
Traballando no Hospicio Xeral de Viena observou que as mulleres atendidas polos médicos e estudantes que viñan dos quirófanos (de tratar a outras persoas enfermas) morrían mais que as demais. E obrigou a que estes médicos se lavaran as mans antes de atender ás mulleres, reducindo de maneira moi significativa as infeccións. Pero iso cuestionaba a prepotencia dos propios médicos que non admitían que foran eles os causantes das mortes. Semmelweis non foi condecorado polo seu descubrimento senón castigado e despedido. E as súas técnicas foron condenadas. Finalmente foi ingresado nun psiquiátrico e morreu dramaticamente. O tempo e a medicina acabou dándolle a razón. Hoxe é coñecido como o mártir do lavado de mans e homenaxeado por sociedades científicas de todo o mundo (1).
Quen fala de que detrás das chamadas pseudociencias non hai evidencias científicas esquece precisamente unha das bases fundamentais da ciencia: constatar a evidencia. A simple observación pode levar a importantes conclusións. E senón lembremos a Darwin. Na viaxe do Beagle, recolleu materiais e realizou observacións. Foron estas dúas sinxelas técnicas as que lle serviron de base para elaborar unha das teorías de maior impacto científico : a teoría da evolución (2). Non lle fixo falta moitas das técnicas que hoxe se consideran indispensábeis nos traballos científicos. Por outra banda non é que non haxa estudos que proben a validez científica. O que non hai é estudos feitos segundo as normas elaboradas polos actuais «popes» da ciencia. Compre non esquecer que estes estudos nalgúns casos requiren unha enorme cantidade de diñeiro que non está ao alcance de calquera. Só dos que teñen o poder económico e intereses concretos. Pero nas chamadas pseudociencias hai milleiros de evidencias e observacións ao longo de todo o mundo.
Sen dúbida fai falla un debate sobre as terapias alternativas e tamén sobre as oficiais. Das primeiras sempre se magnifican os erros que evidentemente ten e das segundas acostúmanse a ocultar.
Os/as detractores do que eles/as chaman pseudociencias din que non teñen unha teoría coherente que as explique. Compre lembrar outra vez a Semmelweiss. Para explicar as súas observacións elaborou unha teoría, a dos corpúsculos necrópsicos, que non era correcta, posibelmente, entre outras cousas porque aínda non había os medios técnicos necesarios. Pero iso non quitaba validez á súas observacións e solucións. Vinte anos despois Koch e Pasteur atoparon a explicación correcta.
Outra variante consiste en ridiculizar as técnicas alternativas. Por exemplo a homeopatía, sobre a que se di que unhas dilucións tan enormes non poden facer efecto. Lembra en certa maneira as reaccións da ciencia oficial respecto dos estudos de Pasteur. Os que mandaban na ciencia naqueles momentos consideraron ridícula a idea de que uns organismos tan diminutos coma os xermes fosen capaces de matar a outros inmensamente maiores (3). En todo caso, como dixo Javier Cansado nunha entrevista, «se crees que non fai efecto, non a tomes e xa está».
Concluíndo. Sen dúbida fai falla un debate sobre as terapias alternativas e tamén sobre as oficiais. Das primeiras sempre se magnifican os erros que evidentemente ten e das segundas acostúmanse a ocultar. Ao meu entender, o que falta precisamente é dar este debate con rigor científico porque moitos argumentos utilizados hoxe seméllanse mais a un fundamentalismo científico.
Referencias: (1) El Pais, 2015. Semmelweiss el mártir del lavado de manos. En https://elpais.com/elpais/2015/04/24/ciencia/1429895154_431101.html (2) Expansión.2017. Darwin y la teoría de la evolución. En http://www.expansion.com/directivos/2017/07/18/596d1a23268e3e2b268b4602.html (3) Historia y Biografías- Biografía de Louis Pasteur. Teoría microbiana de la enfermedad. En https://historiaybiografias.com/pasteur/
Sempre me causou certa perplexidade o feito de que científicos que creen en divinidades tachen a outros de supersticiosos.
A ciencia pode ser boa ou mala, a pseudociencia non tén base real.É curioso que un profesor universitario defendas pseudociencias. Que tal se poñemos a un vidente a dar clase de agronomía, en vez de a un enxeñeiro agrónomo?
“O que non hai é estudos feitos segundo as normas elaboradas polos actuais «popes» da ciencia”. Si que os hai e indican que a homeopatía non supera ao efecto placebo. Esperaba algo más de rigor por parte dun profesor de universidade.
Até os teus propios argumentos te contradin: Semmelweis fixo unha observación e sobre ela postulou unha teoría que se revelou verdadeira, e para poñela en práctica tivo que loitar contra a pseudociencia (anticiencia en realidade) dos que baseándose nunha crenza, non na observación, o cuestionaron e despediron (ti dis que eses representaban o que que chamas ciencia “oficial”, pero non hai ciencia oficial nin hai peusudociencias, hai ciencias e crenzas, e persoas con espíritu científico e crítico e crentes). Ten graza que cites a Pasteur, se por os homeópatas fose nunca se tería chegado a Pasteur, con seguir as instruccións dun iluminado de finais do S XVIII que di que con que tomemos auga para curarnos xa abonda, para que investigar máis, para que estudos epidemiolóxicos, para que se precisa un microscopio cando o tipo ese xa descubriu el soíño que a orixe das enfermidades son as miasmas e como curalas.
Lembra que nunca un científico queimou a ninguén, os devotos, crentes e iluminados varios si que queimaron xente, amén de retrasar o progreso da humanidade e tal…