Nestes días estase a falar moito dunha casa mercada en Madrid por dúas persoas con cargos públicos. Non me importa esta polémica interesada, nin quero seguirlle o xogo a quen pretende poñela enriba da mesa. Pero dáme pé para falar do tema da dobre vara de medir que se emprega para o publico e o privado.
Cando escoito criticar, moitas veces con razón, as actitudes e actuacións de persoas ou organismos que exercen unha actividade pública, a veces chamo a atención das miñas interlocutoras/es sobre as actuacións de dalgún persoeiro ou empresa que desenvolve a súa actividade no sector privado e que, desde o meu punto de vista, son similares ou peores que as criticadas. A resposta de moita xente progresista é sempre a mesma: “Pero iso é privado. O que compre esixir ás persoas ou entidades que realizan unha función pública non se pode esixir a quen se desenvolve no sector privado”.
Non comparto esa apreciación. As inxustizas, a explotación, a discriminación, o antagonismo entre a clase dominante e a que é vítima dese dominio, danse no público pero sobre todo no privado. Non entendo porque se piden uns mínimos niveis éticos e/ou morais ás persoas que realizan actividades públicas e non se fai o mesmo con quen desenvolve actividades privadas. Se estas últimas poden quedar á marxe dos criterios esixíbeis neste ámbito, podiamos chegar a situacións como as que refiro a continuación, que están expostas sen matizar e de xeito esaxerado por se serven para ver con mais claridade o que pretendo dicir. Se unha empresa privada pode facer o que queira, non sería criticábel que lle pagara salarios de miseria ás súas traballadoras e traballadores, ou que contaminase o medio ambiente. Se un home maltrata a súa compañeira podiamos mirar para outro lado argumentando que non nos metemos no asunto porque pertence ao ámbito privado, que en realidade era o que se dicía antes e é o que se segue dicindo por parte de moita xente.
Isto é moito mais evidente cando falamos de empresas privadas que están prestando servizos de interese público. Hai pouco, Willy Toledo denunciaba en directo nunha cadea de TV que estaba sendo vetado polas súas ideas políticas. Mais non vin que se esixiran responsabilidades a esa cadea, de maneira contundente, desde sectores que se consideran progresistas e que, sen embargo, si as esixen cando estes vetos se dan nos medios públicos (que non son da súa corda).
Para concluír, desde o meu punto de vista é un erro dividir a sociedade en dous bloques. Un deles, o ámbito público, onde se debería esixir que se actúe con criterios éticos e/ou morais claros. Outro, o ámbito privado, onde eses criterios non serian esixíbeis ou, en todo caso, serían esixíbeis en moita menor medida. Que estes dous ámbitos teñan características diferenciadas ou que a actividade pública deba ser especialmente exemplar, non debe impedir que a esixencia se aplique a todos.