Algunhas persoas fixéronme notar que no artigo anterior titulado «Quen quere pasar a vida xunguido ao terrón?» non se abordaban os problemas que existen no sector agrario e no medio rural. É verdade. Abordar eses problemas non era o obxectivo do artigo. Pero se cadra é oportuno que escreba este outro, aclarando que cando falo de agricultura estoume referindo ao conxunto da actividade agraria ( na agricultura, na gandería, no monte).
Desde o meu punto de vista, a actividade agraria cumpre unha función social indiscutíbel. Pódese dicir que é un servizo público que cubre a necesidade máis elemental das persoas: unha alimentación sa. Pero ademais xa se empeza a aceptar que a agricultura é unha actividade que non só produce bens senón tamén servizos á sociedade. Algúns deles poden ser valorados polo mercado e, polo tanto, ter un prezo. Por exemplo uns alimentos máis sans ou o turismo rural, aínda que del non se aproveiten case nunca as persoas que se dedican á agricultura. Outros non teñen prezo mais a sociedade, a traveso da administración, podería fixalo, por exemplo o mantemento de sebes, valados, camiños, … Finalmente hai servizos de moi difícil ou imposíbel valoración por parte do mercado e mesmo por parte da administración, por exemplo, a conservación da biodiversidade, dos solos ou da paisaxe.
Admitindo que se debe remunerar a función social da agricultura, sen embargo non está totalmente resolta a maneira de facelo. A diferenza entre o prezo do produto e do servizo está moi clara por exemplo cando mercamos mobles nalgunha cadea (con servizo de montaxe ou sen el). Sen embargo, Como remunerar unha actividade que produce beneficios á sociedade si estes son tanxíbeis pero inseparábeis e consubstanciais ao proceso produtivo? De maneira simplificada podemos dicir que existen dúas alternativas para facelo.
A primeira forma de ter en conta o conxunto das funcións da agricultura consiste en incluír a súa remuneración no prezo dos produtos que se venden, o que conduciría a dispoñer de prezos intervidos pola administración en maior ou menor medida (prezos mínimos na terminoloxía sindical). Isto é perfectamente posíbel xa que, mesmo no actual sistema económico, hai sectores con prezos intervidos ( o transporte publico das cidades, por exemplo). Case todas as persoas entendemos que cando pagamos nunha cafetería, non so pagamos polo produto e a súa elaboración, senón tamén polo servizo. Da mesma maneira, a maioría da sociedade pode chegar a entender que o prezo dun produto agrario debería levar incluído o pago dunha grande cantidade de servizos ambientais que prestan determinadas explotacións agrarias.
Sen embargo non parece moi doado de aplicar un sistema de prezos intervidos precisamente ao grupo de explotacións que máis beneficios prestan á sociedade (ao meu entender) que son as pequenas explotacións labregas familiares xa que moitas delas venden pola súa conta. Para elas, existen distintas experiencias de comercialización que implican unha certa seguridade no mantemento dos prezos. Posiblemente as máis estendidas sexan os acordos formais e informais entre produtoras/es e consumidoras/es que se están a expandir en países como Estados Unidos, Canadá ou Francia. En Galiza tamén existen algunhas experiencias deste tipo con alcance moi reducido ate o momento. Sen embargo o que si existe é unha complexa rede de comercialización local que ven do pasado e que segue tendo vitalidade. En todo caso, creo que se podería garantir que os prezos pagados a estas explotacións sexan realmente xustos si a administración toma un papel activo para conseguilo, de xeito directo ou indirecto.
A segunda forma de ter en conta o conxunto de funcións da agricultura é pagar separadamente polos servizos ambientais ou doutro tipo a traveso de contratos de explotacións ou propostas similares , por exemplo unha renda básica. Neste caso tamén hai problemas que compre superar. Entre eles, a probábel percepción social de que as xentes do rural non estarían percibindo un pago xusto polos servizos que prestan senón que estarían sendo “axudadas” .
Posibelmente a mellor opción sexa unha combinación destas dúas maneiras de remunerar a función social da agricultura. En todo caso, atopar unha solución axeitada a esta cuestión é ir ao fondo do problema. Como tamén é ir ao fondo do problema atopar un modelo de servizos de todo tipo ( sanitarios, comunicacións, servizos sociais, …) axeitado á realidade actual do rural tanto desde o punto de vista do asentamento territorial como da estrutura poboacional. Pero xa non teño espazo para máis.