Nos últimos tres anos e medio, aproximadamente, toucoume visitar reiteradamente máis dun hospital para sofrer varias intervencións cirúrxicas, algunhas delas como consecuencia da propia práctica hospitalaria. Non quero falar da miña experiencia pero si do que me deu que pensar este tempo onde frecuentei o sistema sanitario de Galiza.
Existen ideas que se admiten acriticamente converténdose case en dogmas e acaban xeneralizándose na opinión pública. Unha desas ideas, implantada sobre todo en sectores que se consideran progresistas, é que a sanidade española é das mellores do mundo. Non sei en que se basean, pero esta afirmación repítese continuamente. Indo para un deses hospitais e falando do tema, a persoa que nos levaba dixo, máis ou menos: “a sanidade cando estás dentro do hospital é boa, si señor. O malo está no antes e o despois”.
Efectivamente, un sistema sanitario hai que analizalo no seu conxunto, incluíndo o antes e o despois. Polo que respecta ao “despois”, parece evidente que existe un déficit importante no seguimento das/os pacientes unha vez que abandonan o hospital. En canto poden, danlle a alta hospitalaria á persoa enferma, remítena ao seu centro de saúde, baixo o suposto de que ten cartos para poder pagarse a rehabilitación que precisa e delegan os coidados que necesita, mesmo si son sanitarios, nas/os familiares ou persoas amigas. Desta maneira, si non fora pola solidariedade familiar e social, esta sanidade “das mellores do mundo” non sería capaz de atender as persoas até o final do proceso da súa enfermidade. Sen embargo isto semella estar asumido pola maioría da xente.
Polo que respecta ao “antes”, eu considero que o mellor sistema sanitario non é aquel que é moi eficiente curando as persoas senón aquel que evita ter que curalas a través dunha sanidade preventiva. E aquí tamén hai que mirar o asunto no seu conxunto. Hai que prestar atención, entre outras cousas, a que a xente teña unha alimentación sa, a que non haxa contaminación ou a que existan hábitos de vida saudábeis. Seguindo co “antes”, tampouco se poden esquecer as importantes listas de agarda para realizar probas ou intervencións que às veces fai que xa se chegue tarde para resolver o problema que xerou a solicitude da proba ou intervención.
Volvendo especificamente sobre a sanidade hospitalaria, seguramente é boa, non teño suficiente coñecemento da mesma para dubidalo. Aínda que, como en calquera servizo público, probabelmente tamén hai cousas que poden ser melloradas. As/os profesionais sanitarios en xeral desenvolven o seu traballo con profesionalidade pero a escaseza de persoal é evidente. E tamén, nalgúns casos, bótase en falla unha maior conciencia de servizo público que neste caso debería traducirse no servizo e respecto ás persoas enfermas.
Unha vez díxome certo profesional sanitario, máis ou menos: “a sanidade pública está para cousas graves ou importantes. Para as menos importantes é mellor ir ás mutuas”. Pero resulta que case sempre son estas cousas menos importantes as que che quitan calidade de vida e cando se solucionan, esta mellora de maneira moi substancial. E iso lévanos de novo á necesidade de analizar a sanidade no seu conxunto.