Este mundo no que vivimos é un mundo esencialmente inxusto e inhumano onde unhas poucas (moi poucas) persoas viven cunha opulencia descomunal á conta de explotar e oprimir á inmensa maioría da poboación. Ás veces preguntámonos por que esa inmensa maioría non remata con este sistema social que lle causa tanta dor e sufrimento e implanta outro máis xusto e máis humano. As razóns son varias e non sei se sabería explicalas, pero unha das máis importantes é o dominio ideolóxico que os poderes e as poucas persoas que se benefician do sistema actual exercen sobre as demais. Con este dominio ideolóxico conseguen inculcar de maneira xeneralizada algunha destas dúas ideas: ou ben que o sistema actual é o mellor dos posíbeis ou ben que é imposíbel cambialo.
Teño escoitado máis dunha vez a xente considerada de esquerdas ou progresista claudicar fronte a esta imposición ideolóxica do poder coa escusa do respecto ás tradicións. E diso quería falar. Hai tradicións que supoñen actitudes ou comportamentos que non son admisíbeis desde unha perspectiva de esquerda ou progresista.
Hai uns anos coincidiunos estar en Hondarribia durante a celebración do “Alarde” e puidemos constatar a tensión que se vivía entre dous colectivos. Por unha banda as persoas partidarias de respectar a tradición do Alarde consistente en que as mulleres non poden ir vestidas como os homes e se lles reserva un papel secundario. E por outra banda as persoas partidarias da participación das mulleres en igualdade de condicións que os homes. Durante anos persoas partidarias do Alarde tradicional insultaban e asubiaban ás mulleres partidarias de romper a tradición. Non sei como está hoxe pero creo que efectivamente as mulleres conseguiron rompela.
Fronte ás criticas antitaurinas, as persoas defensoras da “festa” dos touros tamén aducen que esta é unha tradición que ven de moitas xeracións atrás. Mais, é unha tradición defendíbel hoxe desde a perspectiva da loita contra o maltrato dos animais?
Estou escribindo este artigo coincidindo co comezo das festas do San Froilán en Lugo. Coma sempre o principal reclamo que se utiliza para chamar á xente a participar nelas é o de “comer o polbo”. Esta tradición consistente na inxestión masiva de polbo é impulsada mesmo polo Concello e outras institucións públicas. Agora ben, posibelmente entre o 70% e o 90% do polbo que se consume no San Froilán ven de fóra de Galiza e nalgúns casos percorre arredor de 3.000 Kms entre o lugar onde é pescado e o lugar onde é consumido. Se a defensa do medio ambiente é un compromiso real, e non só “postureo”, esta situación non se debería manter porque o transporte de alimentos está causando un colosal impacto ambiental a nivel planetario. Por exemplo, no ano 2005 Watkiss et al. [1] calcularon que o custe do transporte de alimentos no Reino Unido ascende a aproximadamente 10.000 millóns de euros anuais incluíndo custes de conxestión, accidentes, infraestruturas, emisión de gases contaminantes e ruído. E iso sen entrar no debate sobre se determinados tipos de pesca acaban ou non cos recursos do mar. Pero aínda que non se entre no debate, este é un aspecto que tamén habería que ter en conta.
Aínda que non debería facer falta a aclaración, direi que non cuestiono o feito de comer o polbo de vez en cando na casa, na feira ou no bar. O que cuestiono é o feito de comer o polbo abundante e masivamente en festas coma as do San Froilán e que os concellos e outras institucións públicas incentiven isto. Hai que lembrar que moitas veces os problemas xorden cando algo diminúe ou aumenta de xeito desproporcionado rompendo o equilibrio. Así pois, se cadra habería que abandonar esa tradición que fai que “comer o polbo” sexa o principal atractivo en determinadas festas.
Outras tradicións teñen que ver coa relixión. Dous exemplos. Primeiro. Durante os días de Nadal e Semana Santa a relixión toma os escaparates, as rúas, as institucións e mesmo organismos públicos dun Estado aconfesional segundo a súa constitución que desta maneira é vulnerada. Hai persoas consideradas (e autoconsideradas) de esquerdas que non se rebelan contra isto. Pola contra a súa actitude é de submisión. E para enganarse a si mesmas e xustificarse diante doutra xente argumentan que o fan porque respectan as tradicións. E engaden que hoxe en día o que representan estas tradicións vai máis aló do seu contido relixioso. Non obstante, dende o meu punto de vista, durante o Nadal e a Semana Santa a Igrexa consegue inocular o seu sistema de valores relixiosos e a súa concepción da estrutura social practicamente a toda a cidadanía, agás excepcións. Esta é a realidade, aínda que moitas veces non sexamos conscientes dela. E as persoas de esquerdas deberiamos intentar modificala ou, mellor dito, transformala.
Segundo exemplo. Na universidade, unha institución onde se ensina e practica a ciencia, ou debería facerse, e que tamén debería ser laica, existe o costume de celebrar as festividades dos distintos centros en honor dun santo ou dunha santa. Hai moi poucas excepcións, entre elas o centro do que fun Director que na etapa en que exercín de tal decidiu que a súa festividade en lugar de facerse en honor a San Cidre se fixera a partir daquela co motivo da celebración mundial do “Día da Terra”. A pesar de que nun primeiro momento a oposición dalgunhas persoas foi moi dura, ao pouco tempo a celebración da festividade no novo día asumiuse con normalidade e consolidouse. Esta experiencia lévame a pensar que neste tema das tradicións posibelmente a reacción da cidadanía non avalaría as pusilanimidades que se observan á hora de cambiar as cousas.
Como dixen máis enriba, talvez xa chegou o momento de deixar atrás algunhas das vellas tradicións que agochan imposicións ideolóxicas dos poderes dominantes e inaugurar novas tradicións máis acordes coa loita por un mundo máis xusto, máis humano e ambientalmente máis sustentábel.
[1] The impacts and costs of climate change