Xoán chegara ao café da tarde na Praza Maior co Manual de urbanidade para mociñas, de Pierre Louÿs. O logotipo da colección reproducía unha boca branda de nena, disposta en vertical e convertida así en vaxina. Eramos a segunda xeración de adolescentes, moi minoritaria, por grande privilexio. Os rapaces do noso tempo e para este caso elas especialmente, pasaban de ser meniñas a adultas sen idade mediana. A sucesión de homes que desde a orixe foran no mundo entretecían os seus desexos tamén coas nenas grandes, mulleres case sen afirmación. Aínda non se estendera a condena daquela animalidade nin a interiorización colectiva do tabú.
Nós ríamos coa canallada pornográfica do francés. A distancia da prosa descarnaba os actos que se narraban. Os nosos anos ademais eran tan poucos que a fronteira con esa rexión se disolvía naturalmente.
Unha cativa xitana de doce anos mendigaba entre as mesas. Xoán esbardallou sobre lavala e namorala. Arestora é unha anciá e sigue pedindo esmola por alí mesmo.