O conflito en Ucraína alértanos sobre o descarado uso da propaganda disfrazada de información. E tamén nos provoca múltiples reflexións. Neste artigo eu voume a centrar nunha delas: a importancia da soberanía alimentaria.
Hai persoas que ven o tema da soberanía alimentaria de Galiza como se observaran desde lonxe algo que non vai con elas. Pensan: está ben como idea (alguén mesmo dirá utopía) pero iso non ten que ver coa nosa realidade, coa realidade dos nosos sectores produtivos. Non obstante cando acontecen feitos como o actual conflito de Ucraína vemos como os custes de produción das explotacións gandeiras, incluídas as leiteiras, empezan a dispararse e amezan con facelas economicamente inviábeis. Ou máis inviábeis do que en certa maneira xa son.
O valor das importacións de cereais que Galiza fai de Ucraína representan aproximadamente o 23% do valor que teñen a totalidade das importacións de cereais, tan só superado moi lixeiramente polas que se fan desde Brasil. E ademais o 8% do valor das importacións de sementes e froitos oleaxinosos, palla, forraxes, plantas industriais, plantas medicinais, sementes e froitos diversos.
A soberanía alimentaria non é sinónimo nin de autarquía (porque dá prioridade á produción local fronte á exportación, pero non está en contra dun comercio internacional xusto) nin de seguridade alimentaria (que só pon sobre a mesa uns obxectivos loábeis pero non di como conseguilos). A soberanía alimentaria dun pobo ou país, tanto para a Via Campesiña como para a Declaración de Nyéléni, comprende dous dereitos:
- o dereito dos pobos a alimentos nutritivos, culturalmente adecuados e accesíbeis;
- o dereito a decidir o seu propio sistema alimentario e produtivo.
Pois ben, as explotacións gandeiras de Galiza en gran medida están desposuídas da súa capacidade de decisión sobre o sistema produtivo que seguen ou sobre a xestión económica que fan na súa explotación. E iso é debido, ente outras cousas, a que unha parte importante da base territorial na que se asenta o noso sector produtivo gandeiro está situada a milleiros de km de distancia (por exemplo a uns 3.000 km. en Ucraína ou a uns 7.000 km. en Brasil). E non poden decidir (eu diría que nin tan sequera influír) sobre o uso que se lle dá a estas terras.
Como di a canción, talvez dentro de pouco tempo e por calquera motivo, nalgún outro país dos que importamos as materias primas para os pensos volveran a producirse problemas de subministro como os xerados pola crise de Ucraína. Importacións que, por outra banda, están destinadas de forma moi maioritaria a cubrir necesidades de alimentación alleas a Galiza.
Se tiveramos ou nos achegaramos á soberanía alimentaria, é dicir, se decidiramos realmente e elixiramos o noso sistema alimentario e produtivo, decatariámonos de que posibelmente na actualidade a superficie destinada a cultivos forraxeiros, prados e pasteiros sexa aproximadamente 500.000 ou 600.000 has máis das que se precisarían se o obxectivo fora unicamente cubrir as necesidades de consumo que ten a nosa poboación. E se cadra deseñariamos unha estratexia fundamentada na extensificación, mesmo na redución da produción de leite destinada á exportación, para aumentar a produción de carne de ovino e caprino xa que, hoxe en día, a que se produce na nosa terra só cubre unha ínfima parte da demanda destes alimentos que existe no país.