Nunca amosei medallas ao mérito, ademais teño poucas. Neste artigo vou ensinar algunha, para que non se entenda como unha agresión ao feminismo o que escriba despois. Comezo polo elemental. Son home, heterosexual e simple, tanto no hetero como no sexual. E (pero?) teño conciencia da desigualdade da muller desde hai case medio século. Iniciouse co apoio a reivindicacións importantísimas, como que a maioría de idade chegase aos dezaoito anos e non aos vinte e tres; que as donas fosen soberanas para abrir unha conta corrente bancaria; o divorcio e outras cousas desas. Prehistoria. Despois veu o dereito ao aborto, máis complexo e controvertido e aí até me partín a cara. Os fascistas querían campar por Compostela. Disto sabe tamén o meu amigo Xosé Manuel Irimia e outros que non sei se lles gustaría aparecer nomeados. Era o ano setenta e nove, unha manifestación a favor do aborto, lanzaron cócteles e despois de fuxiren saíron de arrastro dunha misa; aquilo durou meses. Convocara a Asociación Galega da Muller, que nesa época era o único grupo feminista ben organizado, se non lembro mal. No ámbito do Bloque primaba entre as militantes a idea de que a reivindicación non debía ser só de mulleres nin tampouco sectorial; estivo moi verde a cousa até o 83 e iso foi moi raro, porque noutros campos eran innovadores e até pioneiros ao iniciarse a democracia, no proletario, no cultural, no agrario, absolutamente no ecoloxista. Así que algúns íamos a manifestacións organizadas pola AGM, próxima do Movemento Comunista. Hoxe con todo transformado, Andaina continúa naquela vía, en xeral con boa análise e diagnóstico.
Sigo e paro axiña esta introdución. A realidade sempre tremenda do aborto deunos conciencia de feministas. Marcounos a realidade do aborto clandestino, buscar diñeiro moitas veces (moitas, é moitas) para que mulleres sen recursos puidesen viaxar a Londres e non rematasen en mesas de cociña entre agullas de calcetar. Eran tamén os anos setenta.
Despois, desde que escribo na prensa, tiven sensibilidade, creo, e denuncio a abulia do feminismo ante a trata de brancas e a prostitución, esa barbaridade que indica a orixe social de clase media do movemento das mulleres en Galicia e en Europa, e que precisamente por iso se amosa indiferente ante tales situacións, propias de pobres. Con iso o feminismo fúmase un puro. Esta distancia, este abismo que se abre entre as mulleres escravizadas e as feministas estudarase algún día como un desaxuste incríbel que agocha negruras no imaxinario da liberdade, tapadas moitas veces con banalidades de aparencia horaciana, de carpe diems e outras trangalladas admitidas como verdades permanentes, valores inmutábeis.
Queda posta pois a venda e pegado o esparadrapo, principalmente para darlle valor de autenticidade á denuncia da agresión que vou describir.
En xuño faise público, moi pouco, case sen información, que varias mulleres convocaron a homes activistas próximos delas en O aturuxo das Marías. Tratábase dunha “alerta feminista” tal como conta un agredido que escribiu en carta o sucedido. Dixéronlles que era moi importante que fosen os homes dos movementos contestatarios galegos, pois as compañeiras tiñan algo grave que comunicarlles. Como no entorno houbera agresións a mulleres, os homes intuían que aquilo sería unha chamada de atención colectiva. Alí apareceron eles, todos comprometidos coa causa, para ofrecer algún tipo de resposta. Despois dunha espera longa abríronlles o paso e fixéronlles subir ao primeiro andar. As fotos deles, cos seus nomes, empapelaban as paredes e as xanelas. Eran sobre un cento, as de todos os que foran convocados. Entón irrompen as rapazas, como trinta, moi enfadadas. Entréganlles un rotulador e dinlles que escriban un Si sobre as fotos propias, todos os que se consideren eles mesmos agresores. Tamén lles demandan que denuncien aos demais. Nunha atmosfera cada vez máis enrarecida foron sinalándose, e até houbo quen marcou absolutamente todas as fotos, coñecera ou non aos retratados. Poucos se negaron a participar no proceso inculpatorio, nun ambiente moi opresivo, segundo conta o rapaz na carta. Cando terminaron as denuncias e as “confesións”, comezaron elas a marcar os que consideraban agresores, sen definir os motivos. Marcaron a case todos. A berros limpo advertíanlles que non podían falar. Ameazaron, desafiaron e dixeron que todos eran violadores, que ningún home era inocente e que como homes encubrían as agresións dos demais. Declaráronlles/nos a todos, publicamente a guerra, que querían romper as relacións cos homes e co seu entorno, que ningún se salvaba, que eran/mos, armas de destrución masiva, que se/nos cortasen/mos as pirolas, e a meterse cactos polo cu, con esas palabras. Leron manifestos delirantes, mentres eles, submisos, agochaban a cabeza. Entón comezaron a arrearlles. Primeiro a xente concreta, insultos, esgarros, hostias, berros. Ningún fixo nin dixo nada. Logo viñeron os couces e as puñadas. As agresións volvéronse gratuítas, sen causa específica. A un petoulle unha, segundo lle dixo ela mesma, só porque non lle gustaba a súa mirada, sen coñecelo de nada. Ningún facía nin dicía nin mu, nada, mentres arrechaba a violencia. O que máis hostias levou foi un que pintara un interrogante sobre a súa foto. Recibiu unha auténtica malleira, que el mesmo conta nun escrito propio, mentres as demais defendían a agresión. Despois de satisfacer a ansia, obrigáronlles a marchar, pero formaron un pasadeiro na porta e segundo ían saíndo repartían máis golpes, empurróns, puñadas gratis, pola cara, di o relator, mesmo os que non foran sinalados como culpábeis, porque tanto tiña, eran homes, insiste o que o conta. Saíron á rúa como zombis, di, apenas falaban, tratando de dixerir o que acontecera. As compañeiras de loita tratábanos igual que a policía, convén o comunicador: acababan de humillalos, torturalos, de forma cruel e gratuíta, típica dos antidisturbios (sic) “asistimos inermes a un linchamento público”. O rapaz di que non puido evitar lembrarse das purgas estalinistas, con revolucionarios asumindo falsas culpas, camiño da execución; de Sendero Luminoso; da Inquisición, con eles convertidos en bruxas e elas en inquisidores, un auténtico auto de fe, castigados, afirma, pola súa condición de homes e pola súa orientación sexual.
Uns días antes emitírase un Manifesto, que ao remate desta columna se enlaza, segundo o cal todos os homes son violadores por sistema, por natureza, que están/mos todos programados para violar. Que o que necesitan é que os homes dinamiten a súa masculinidade. “Estamos en guerra e é unha guerra desde dentro da nosa trincheira”. “Estamos rodeadas e vós sodes a primeira liña inimiga”, refírense aos máis próximos, os seus compañeiros. “Só restan dúas saídas: ou afogarnos no cerco ou rebentar os machos que nos cercan. O noso obxectivo a defender: os nosos corpos. O noso obxectivo a atacar: os vosos”. E remata: “Si. Isto é unha declaración de guerra. Toda a puta vida violándonos”.
O episodio, todo el, manifesto, convocatoria, agresión, apenas tivo resposta. O silencio apóiase en argumentos de carácter psiquiátrico, en dicir que están piradas, que é un problema mental. Cando as construcións ideolóxicas se converten en monstruosas, sexan jemeres, fillos de Stalin, nazis de Hitler ou o que sexa, sempre xorde, case como un agromo elemental, a explicación fácil da loucura. Sen saberse moi ben que é o que se resolve tal apelación. Neste caso como en tantos, foise facendo teoría, construíndo, até que a elaboración pariu o monstro: un descarte anormal, unha derivación estarrecente. E apenas ten resposta. É como se a forza do tsunami feminista tivese tal potencia, que non se lle puidese contradicir nada, que ningún compoñente puidese ser criticado. Mais hai tempo que as barbaridades soben á superficie, en menor intensidade que estas, pero son moitas as expresións que resultan intolerábeis. A xustiza pola man, que tanto expoñen, é unha aberración, unha volta á barbarie. A proposta de capar, que ao comezo parecía broma, e que agora se asume. Machete ao machote, que se fose un lema fascista non tería maior carga. E a admisión beata de disparates e valoracións presentadas como indiscutíbeis, e que quen as discuta pode acabar sendo visto como un inimigo.
Di Roi Rivera, nunha das poucas cartas publicadas, que el ao comezo se negou a crer o que lle contaban. Que non era posíbel a violencia física nun centro da cidade, pero non só física, senón tamén organizada, coreografada, escenografada, executada, e quizás pensada por unha vangarda autoerixida.
Non hai impulso espontáneo vén dicir Rivera. Porque alguén preparou unha sala, imprimiu fotos, escribiu o texto, convocou, escribiu un manifesto. Bater estaba fóra dos planos? Pregúntase. E facer o túnel? Só desde ese lugar onde se acubilla a vinganza pode planificarse e executarse algo así, di o denunciante.
Se hai unha cúspide demente está por saber, pero tanto ten.
O colectivo Andaina fixo unha protesta pública “En nome do noso feminismo, non! “… rexeitamos a validez de propostas que pretenden construír a partir da idea de que todos os homes son violadores ou que todos os homes están programados para agredir”. “Estamos de acordo con que a xustiza, reflexo da sociedade, é machista (e clasista, eurocentrista, racista…) pero non partillamos a idea de que a xustiza feita por mulleres teña que ser necesariamente boa nin necesariamente feminista”.
ADENDA
A primeira parte fica contada. A segunda é o esforzo extraordinario para agochar o acontecido e para que non saia á luz. Argumentan que a agresión é algo puramente circunstancial, estraño ao feminismo. Pero é falso. Hai moreas de declaracións, lemas, argumentos, teorías, que afondan concretamente nesa liña. Son minoría pero están e conforman unha visión ideolóxica, estrutural, non circunstancial ou espontánea. E debe ser combatida.
O feminismo é arestora un movemento inmenso (nos mellores sentidos da palabra), universal, que conforma tendencias. Como todos os que acadan un espectro tan amplo ao longo da historia, unhas son virtuosas, outras pouco atractivas e outras sinxelamente abxectas. Ser marxista non significa para nada asumir a conduta de todos os marxistas, ser anarquista, tampouco; ser cristián, o mesmo. O feminismo propón nada menos que a extinción do patriarcado e a liberación da muller e ante un campo de acción tan amplo, difire.
Non é boa cousa articular complicidades para eses silencios, é un mal síntoma, porque mentres se trampea o presente como se pode, fican adormecidos grandes principios e déixanse para mellores ocasións. Mal asunto. Adeus momentaneamente a aquilo tan gramsciano e non digamos anarquista, de que dicir a verdade é sempre revolucionario; até pronto ao pensamento e á práctica crítica, fundamento de todas as bla bla bla.
https://dworkinista.wordpress.com/2019/06/11/declaracion-de-guerra/
https://ogajeironagavea.wordpress.com/2019/06/18/o-sectarismo-no-movemento-libertario-x-amalo/
https://aturuxo1x.blogspot.com/2019/06/sobre-totalitarizacion-do-gueto.html
https://contraodogma.noblogs.org/files/2019/06/sic_semper_tyrannis.pdf
https://revistandaina.wordpress.com/2019/07/26/en-nome-do-noso-feminismo-non/
Porque son unha muller á que non se lle debería cuestionar o súa maneira de exercer o feminismo, preciso que este feito que nos relata Sarille se saiba.