Espaço público, Cultura, Política, Comunidade, Território, Pessoas

Valerse por si é custoso, mais paga a pena

O dereito que temos as persoas de Galiza a decidir por nós mesmas non nolo da o pasado por moita historia de reino independente que teñamos. Ese dereito dánolo a realidade actual, o presente, e as nosas aspiracións a construír un futuro mellor. É dicir a nosa vontade colectiva aquí e agora. A historia serve para explicar por que queremos ter soberanía. Pero o debate cidadán sobre a soberanía nacional non debería estar baseado nas “lexitimidades históricas”. Desde o meu punto de vista, o que pode permitir que as galegas e galegos se sumen ao movemento nacionalista non é o repaso continuo desas lexitimidades históricas senón propostas concretas que configuren un proxecto nacional e común para o futuro.

Emprender un novo camiño sempre é duro porque esixe sacrificios a curto prazo. Implica valerse por si e, ás veces, empezar de cero porque outros se quedaron con todo. No mundo nacionalista sempre se transmitiu que cando a xente de Galiza comezara a andar por si mesma todo ía ser marabilloso. Non sei se tamén se creu. Pero aínda que moita desa xente seguramente non ten dúbida de que o país a longo prazo iría mellor, tampouco se lle oculta que nos primeiros tempos probabelmente iría peor. Non se engana ninguén.

Xunto á “idea forza” de que “todo vai mellorar cando a xente de Galiza se goberne por si mesma” haberá que empezar a transmitir outras: “o sacrificio paga a pena “ e/ou “estamos orgullosos e orgullosas de valernos por nós mesmas”.

Que significa isto na práctica? Por exemplo que si hai que pagar máis impostos para ter unha rede ferroviaria de curto e medio percorrido que articule o país haberá que pedirlle á cidadanía que os pague, mesmo asumindo que isto é inxusto porque correspondería ao Estado Español facer os investimentos necesarios nesa rede ferroviaria. Pero se agardamos a que o faga probabelmente nunca a teremos. Insisto en que se tome isto nada máis que coma simple exemplo dun caso hipotético. O que pretendo dicir é que sería bo superar esa actitude que ten o mundo nacionalista na actualidade consistente en estar ollando sempre cara Madrid: pedir (ou esixir) máis a Madrid, agardar a que Madrid faga isto ou aquilo, … E que hai que ter máis confianza no que somos

A política do nacionalismo con relación ao exterior faise pasando por Madrid. Non ten unha estratexia propia para inserirnos no mundo. Pode ser a través do mundo lusófono ou pode haber outras estratexias… pero ten que habelas. Ter unha proposta para o país implica ter unha proposta para o mundo, o máis afastado e o máis próximo, porque iso tamén é crear identidade nacional. Cal queremos que sexa a nosa identidade nacional? Temos a opción de que Galiza sexa coñecida no mundo por ser un país cun territorio privilexiado e cunha gastronomía envexábel, onde se fala un idioma propio conservado coma unha valiosa antigüidade que porén apenas ten utilidade coma vehículo de comunicación neste século XXI, nin sequera entre a propia xente do país. Agora ben tamén temos a opción de que se nos identifique como unha nación cun territorio privilexiado e cunha gastronomía envexábel pero ademais un referente pola súa economía sustentábel e respectuosa co medio ambiente, polos seus dereitos sociais ou polo seu modelo de participación social, entre outras cousas. E cunha rica cultura e un idioma propio que usamos para entendernos entre nós e con arredor de 250 millóns de persoas en todo o mundo.

Un proxecto nacional debe cohesionar á maioría da sociedade (porque a toda é practicamente imposíbel ). Un proxecto nacional non pode facerse sobre elementos que vaian en contra desa cohesión social, nin tampouco se pode levar adiante sen o concurso da maioría da poboación. Polo tanto debe construírse de xeito que esta se sinta identificada con el aínda que teña dúbidas ou, polo momento, non queira seguir as propostas máis avanzadas.

Un proxecto para o país no valerá de nada se se percibe socialmente como inviábel. Eu considero que a maioría da xente ten vontade e expectativas de transformacións profundas, mais para que se comprometa cun proceso desta caste ten que ver viabilidade e que non existen demasiados riscos de perder as conquistas actuais acadadas despois de moitos anos de loita aberta ou calada. En ocasións bótase en falta no nacionalismo a concreción de propostas capaces de amosar que, se ben os seus obxectivos van máis aló do sistema político actual, sería posíbel avanzar cara eles a partir do mesmo e con garantías. É como se seguindo o camiño nos atopamos cun río. Entón tómase a decisión de atravesalo. A veces chégase a definir por onde hai que facelo, mesmo conclúese que é preciso construír unha ponte e ata se poden chegar a escoller os materiais que se necesitan. Mais a inmensa maioría das veces carécese do deseño, dos cálculos e de quen dirixa a construción da ponte. Así pode suceder que a xente, diante da falla de garantías, acabe por non atravesar.

Sobre o autor

Xoán Carlos Carreira Pérez

Doutor engenheiro agrónomo, professor de Engenharia Agroflorestal na Universidade de Santiago de Compostela. Autor de vários livros e artigos científicos, tem colaborado em diversos meios de comunicação, como A Nosa Terra, El Progreso, Vieiros e Praza Pública.

Comenta aqui!

Comenta aqui!

Espaço público, Cultura, Política, Comunidade, Território, Pessoas

Elias J. Torres Feijó

Tenta trabalhar coletivamente e acha que o associativismo é a base fundamental do bom funcionamento social e comunitário. A educação nos Tempos Livres é um desses espaços que considera vitais. Profissionalmente, é professor de Literatura, em origem, e, mais, na atualidade, de Cultura.

Xoán Carlos Carreira Pérez

Doutor engenheiro agrónomo, professor de Engenharia Agroflorestal na Universidade de Santiago de Compostela. Autor de vários livros e artigos científicos, tem colaborado em diversos meios de comunicação, como A Nosa Terra, El Progreso, Vieiros e Praza Pública.

Xosé Manuel Sarille

Polemista e tamén escritor. Autor do ensaio "A Causa das Mulleres". A quen lle interese lelo pode solicitalo neste blog e enviaráselle ao enderezo correspondente sen custo ningún do exemplar nin do transporte.

Manuel Jordán Rodríguez

Lembrado e Querido Manuel Ánxel

Viva Cerzeda

Espaço público, Cultura, Política, Comunidade, Território, Pessoas… Viva Cerzeda é a comemoração, para nós, da amizade, do bom humor sempre que possível e de tentar contribuir com algumhas ideias e opiniões para entender(mos) e atuar(mos) do melhor modo o mundo… É ambicioso mas é-che o que há… e para mais não damos…

Contacta-nos aqui

Acompanha