Esta tempada estou a publicar algúns traballos sobre o medio rural e o sistema agrario galego nunha páxina web titulada Galiza Rural. Isto é un resumo dos mesmos.
¿Cal é a importancia do medio rural de Galiza hoxe en día e quen o forma realmente? Non é doado contestar, pero eu estimo que a xente que vive no rural é como mínimo un terzo da poboación total e, segundo algúns cálculos, podería achegarse á metade. Iso depende do que se entenda por rural. En calquera caso, é unha porcentaxe claramente superior á maioría dos países do noso contorno e das comunidades autónomas do Estado Español. Ao meu entender, o elevado peso da poboación rural continúa sendo unha das características que fan diferente ao noso país.
Por outra banda, se nos centramos no colectivo de persoas que viven no medio rural e ademais teñen un traballo, pódese comprobar que a porcentaxe das mesmas que están ocupadas oficialmente no sector agrario é moi baixa (dito xa neste blog). Penso que como máximo podería chegar ao 30%, por dar unha certa marxe aos erros de cálculo. O resto das persoas que viven no rural e traballan oficialmente fano noutros sectores produtivos (servizos, construción, …). Non obstante, en maior ou menor medida, tamén cultivan a terra, maioritariamente en pequenas parcelas, crían animais e participan na xestión do territorio.
O sistema agrario galego non é homoxéneo. Cando menos teriamos que deslindar dous grandes territorios agrarios. Un deles ocupa algo máis da metade norte do país e outro algo menos da metade sur. As características agrarias, ambientais e paisaxísticas de cada un deles son claramente diferentes.
Tamén se poden detectar tipoloxías de explotacións que se distinguen nitidamente pola estratexia para compatibilizar produción e conservación, pola orientación produtiva, o impacto ambiental e a dedicación ao traballo agrario, entre outras características. Simplificando moito poderiamos identificar por unha banda as explotacións consideradas máis comerciais que maioritariamente teñen unha orientación produtiva gandeira e por outra banda as pequenas explotacións familiares que ao meu entender, con algunhas pequenas modificacións, poderiamos situalas na vangarda das novas ideas sobre agricultura, as máis actuais e progresistas que se abren paso a nivel mundial. Os dous tipos de explotacións son moi importantes no noso sistema agrario pero cada un deles xoga un papel diferente. A combinación destas distintas características e estratexias trae como resultado que en Galiza exista un modelo agrario que, sen ser igual ao que había tradicionalmente, aínda está bastante próximo a un modelo sustentábel que integra produción e conservación (“land-sharing”).
Sorprendentemente para quen xa as tiña condenado á desaparición, as pequenas explotacións familiares persisten en maior ou menor medida. Segundo Oliveira Baptista [1], isto é debido a que poden cumprir diferentes funcións para cada unha das distintas persoas que forman parte da familia, traballen ou non na explotación. Mais a constatación da súa persistencia non debe ocultar a concentración de usos que se observa no conxunto do noso sistema agrario-forestal e que se pode catalogar como unha das variantes do fenómeno mundial de acaparamento de terras. Entre outras causas, ven derivada do feito de que as labregas e labregos a traveso de distintos mecanismos están desposuídas da capacidade real de decidir sobre o uso que lle van dar ás súas terras. Como consecuencia máis do 90% de toda a superficie agraria e forestal deste país está ocupada por cultivos forestais arborizados e polos destinados á alimentación animal. Dedicada fundamentalmente a cubrir necesidades alleas a Galiza a traveso de monocultivos exportadores. Velaí unha relación coa soberanía alimentaria.
Despois de décadas especializándonos no monocultivo do leite e do eucalipto/piñeiro, a realidade a día de hoxe é que a agricultura comercial deste país non é capaz de cubrir as necesidades de alimentación da poboación galega. Unha situación habitual nas economías dependentes que dedican a súa produción agraria aos monocultivos exportadores. Si non existise a pequena agricultura familiar que produce fundamentalmente para alimentar ás persoas máis próximas, a nosa situación desde o punto de vista da soberanía alimentaria sería altamente preocupante (as hortas familiares e as explotacións de menos de 10 has obteñen máis do 60% dos alimentos para consumo humano directo ocupando menos do 30% da Superficie Agrícola Utilizada). Agora ben, grazas a estas pequenas explotacións, mesmo podería constituír un bo punto de partida, no caso de que as instancias políticas se propuxeran aproximarse á soberanía alimentaria e impulsar a comercialización local, uns obxectivos que posibelmente se converterán nuns dos máis importantes para a agricultura mundial neste século XXI
Por iso, desde o meu punto de vista, é imprescindíbel analizar o rural e o sistema agrario galego con outros ollos á luz dos novos debates e ideas sobre o papel da agricultura. A iso quere contribuír sen máis pretensións a web Galiza Rural ( http://www.galizarural.gal )
Referencias [1] Oliveira Baptista, F. 2001. Agriculturas e territórios. Celta editora. Oeiras.