Aproveitando as horas felices da reivindicación feminina, Rodríguez Zapatero cualificou o feminismo como o pensamento máis transformador para reducir desigualdades. E definiu a violencia de xénero como a discriminación máis cruel das existentes. O entusiasmo do 8M préstase para coar análises intencionadamente falsas. ZP enmascara con estas cousas a colaboración íntima dos seus gobernos coa banca e as grandes compañías, causantes da estafa anterior á crise de 2008. “Aos bancos non se lles toca” dicía o ministro Xosé Blanco, mentres se centraban en aspectos que non incomodaban á oligarquía.
O eurocentrismo, consciente ou non, ten riscos desapiadados. A violencia de xénero é unha grande discriminación, pero tamén é útil para ignorar os escravos de Libia e os afogados do Mediterráneo. O feminismo reduce as desigualdades, claro, mais Simone de Beauvoir lembraba que “burguesas son solidarias de burgueses e non das mulleres proletarias; brancas dos homes brancos e non das mulleres negras”.
Le Deuxième Sexe. Simone de Beauvoir.
(Citar unha obra non implica necesariamente simpatía con todo o que transmite, nin tampouco coa tese principal, neste caso o feminismo da igualdade).