Onte levei os tenis a pegar. O zapateiro é agradábel e fala con énfase, porque lle preocupa o mundo. Díxenlle que Eric Hobsbawm escribiu un ensaio, onde explica que os zapateiros, ao longo dos tempos, gañaron unha notábel reputación como radicais políticos. En Francia eran moi propensos á folga. Apareceron de primeiros nos tumultos do Campo de Marte e na Comuna de París destacaban por riba dos outros oficios. Cando tomaron a Bastilla, detiveron a vinte e oito.
A parroquias máis predispostas aos motíns desde sempre, tiñan catro veces máis zapateiros que as outras. Dicir remendeiro era dicir amotinado, polemista, versificador, periodista, escritor, editor, ideólogo e político. O historiador inglés encontra varias causas para que iso aconteza: eran pobres e libres, non tiñan xefes, habíaos moi viaxados, amaban os libros.
O meu perspicaz acompañante fitoume, dixo que el é anarquista e afirmou con absoluta convicción que a causa principal é a cola. Inhalan cola constantemente e a partir do segundo ano transfórmaos.
Eric Hobsbawm. Uncommon People (Resistence, rebellion and jazz)
Imagem: Vertical Building. Ralston Crawford.