Nas últimas semanas por distintos motivos estase a debater moito sobre a independencia do poder xudicial e tamén, dalgunha maneira, sobre a independencia da Ciencia.
Nestes casos cando se fala de independencia normalmente é para referirse á independencia orgánica do poder executivo ou lexislativo. Pero case sempre se está eludindo unha análise global do sistema social. A sociedade non está estruturada en tres poderes (lexislativo, executivo e xudicial) senón en clases sociais, aínda que poidamos dicir que a superestrutura si está organizada nestes tres poderes. Así pois, para achegarse a este tema dunha maneira máis axeitada, hai que facelo, desde o meu punto de vista, analizándoo desde a perspectiva da estrutura de clases que ten a sociedade. Vexamos que ocorre se se fai así.
Tanto o poder xudicial como o executivo ou lexislativo teñen unha determinada composición de clase social. É dicir, organicamente poden ser independentes entre si (horizontalmente), pero “dependen” (verticalmente) dunha clase social. Pode ocorrer, e de feito ocorre moitas veces, que dous deles ou mesmo os tres “dependan” da mesma. Neste caso coinciden na defensa dos intereses desta clase. Polo tanto, desde o meu punto de vista, estaremos equivocados si falamos de que o poder xudicial ten independencia polo feito de non depender organicamente do executivo. Se acaso poderíamos dicir que ten un certo grao de independencia pero realmente moi baixo. Outra cousa é que se queira reducir aínda máis mediante leis ou medidas tomadas polos poderes executivo ou lexislativo a respecto do xudicial.
A ciencia tamén hai que analizala desde a perspectiva da estrutura de clases da sociedade. O sistema de ciencia, hoxe en día, entre outras cousas, é unha estrutura de poder en si mesmo. Unha estrutura piramidal na que na base está o precariado e no cimo as persoas que deciden o presente e o futuro deste sistema. Cabería preguntarse tamén cal é a composición de clase social que teñen estas persoas. En todo caso pódese constatar un proceso bastante obvio de privatización do coñecemento. Como di o filósofo Javier Echevarría [1], as teorías científicas deveñen en capital e ademais o coñecemento e as innovacións baseadas na ciencia estanse convertendo en mercadorías. Segundo se indica nun documento da Universidad Nacional de La Plata, concretamente da súa Cátedra Libre Ciencia, Política y Sociedad [2], tan só seis editoriais científicas, das cales cinco son privadas, controlan máis do 50 % de todas as publicacións científicas a nivel mundial.
No sistema de ciencia, agás destacadas excepcións, observase un evidente desprezo pola sabedoría popular e polo estudo das realidades concretas do contorno máis inmediato. Por outra banda a desmedida competitividade na investigación conduce a unha grande acumulación de méritos por parte dunhas poucas persoas pero tamén ao abandono da mesma por parte doutras moitas altamente cualificadas.
Nesta sociedade non é posíbel que a ciencia e a investigación poidan permanecer neutrais a pesar do que algunhas persoas pretenden facernos crer. Dunha maneira ou doutra sempre acaban tomando partido. E vostedes saben por quen.
Referencias (1) Echeverría, J. 2015. De la filosofía de la ciencia a la filosofía de las tecno-ciencias e innovaciones. Revista CTS, nº 28, vol. 10 En https://dialnet.unirioja.es/descarga/articulo/5130013.pdf. (2) Cátedra Libre Ciencia, Política y Sociedad. Universidad Nacional de La Plata. 2018. Publicaciones científicas,¿comunicación o negocio editorial?. Ciencia, Tecnología y Política - Año 1 Número 1 . En http://sedici.unlp.edu.ar/bitstream/handle/10915/68897/Documento_completo.pdf-PDFA.pdf?sequence=1&isAllowed=y