Espaço público, Cultura, Política, Comunidade, Território, Pessoas

A probábel transformación do Opus Dei (I)

1- Outros rostros

O nomeamento de Fernando Ocáriz como novo prelado do Opus Dei, en xaneiro de 2017, parece formar parte dun cambio dentro da organización. Por primeira vez acada a máxima autoridade na Obra un membro que non traballou nunca con José María Escrivá de Balaguer, o seu fundador.

O nomeamento de Fernando Ocáriz como novo prelado do Opus Dei, en xaneiro de 2017, parece formar parte dun cambio dentro da organización

Escrivá concibiu a nova institución nos anos vinte do século pasado. En 1934 publica un libro guía titulado “Consideracións espirituais”, que pasa a chamarse Camiño a partir de 1939, nunha edición xa definitiva e que posúe por certo unha excelente tradución ao galego.

Escrivá estivo vinculado ao franquismo. Durante a guerra civil refuxiouse en sés diplomáticas da cidade de Madrid até que conseguiu saír do cerco e pasar ao territorio dos sublevados. A orixe do poder e a rápida consolidación do Opus ten a súas raíces nesa guerra e no réxime de Franco, a pesar de que os membros da organización loen a Escrivá como un defensor do pluralismo. É un pluralista, de certo, pero instrumental, de adaptación. Dentro das opcións da pluralidade ten moita importancia o apoio e reforzamento das ditaduras fascistas máis sanguinarias, ademais da transferencia de talento cara a elas. O Opus Dei foi un alicerce esencial dalgúns deses réximes1.

Cando un xornalista lle pregunta polos vínculos do Opus cos réximes de Pinochet e de Franco, o novo director recorre aos seus datos biográficos e responde que o seu pai foi un militar republicano español

Fernando Ocáriz  fai unhas declaracións reveladoras o día do seu nomeamento. Cando un xornalista lle pregunta polos vínculos do Opus cos réximes de Pinochet e de Franco, o novo director recorre aos seus datos biográficos e responde que o seu pai foi un militar republicano español: “cando rematou a guerra refuxiouse en París, onde nacín eu”. “Nunca fun franquista, máis ben o contrario”.

A súa chegada ao poder da institución prodúcese despois de que Juan Luís Cipriani, arcebispo de Lima, desaparecese da orde sucesoria, de que perdese a batalla. Cipriani é un individuo de extrema dereita vinculado á ditadura de Alberto Fujimori, con grande proxección pública como xerarca católico na sociedade limeña. Ten insultado con palabras grosas os defensores dos dereitos humanos mentres acontecían masacres de campesiños nos Andes.

Segundo a ex-ministra peruana Susana Villarán é moi probábel que Xoán Paulo II escollese a Cipriani como cardeal en 2001 (o primeiro na historia do Opus Dei) para contrarrestar o feito de que a Teoloxía da Liberación nacera no Perú, ideada por Gustavo Gutiérrez. Nomealo cardeal foi como poñerlle o ramo á ofensiva conservadora no continente. Luís Pásara di que “Cipriani é o símbolo dramático do que significa a dereitización da Igrexa en América Latina; representa as posicións máis reaccionarias tanto do espectro político como da Igrexa”.

Pero os tempos cambian e en 2013 o novo papa Francisco recibe a Gustavo Gutiérrez. O acto é un verdadeiro recoñecemento, que o integrista Cipriani non dubida en cualificar como “inxenuo”. Ademais de romper simbolicamente coa dominación conservadora, o que tamén se exhibía nesa recepción papal era a vella disputa entre a Compañía de Xesús e o Opus Dei pola hexemonía dentro do Vaticano e da Santa Sé, moi escorada naqueles días, pois por primeira vez é xefe da Igrexa un seguidor de Ignacio de Loyola. E facía agromar unha vez máis o antagonismo entre as teoloxías dos pobres e a igrexa máis retrógrada, representada nesa ocasión por Cipriani.

Parece que está en marcha pois unha operación de sutileza precisamente xesuíta para que unha verdadeira potencia, como é o Opus Dei, xire e se transforme. E que a liña de Cipriani, absolutamente dominante, sobre todo en Europa (pero non só, ben claro está) pase a un segundo plano. Non será fácil, porque ese sector do Opus cre que o vento que sopra Francisco será pasaxeiro e que despois chegará de novo a restauración conservadora. Chámanlle a gripe Bergoglio e optan xa que logo pola resistencia indirecta, desde o silencio, a inactividade e o bloqueo.

En 2014, tres anos antes de que Ocáriz accedese ao máximo poder, Mariano Fazio foi nomeado vicario xeral do Opus, a segunda responsabilidade da prelatura. Fazio é un arxentino con formación en historia, filosofía e teoloxía. Viviu durante un tempo no Ecuador e foi editorialista de El Telégrafo de Guayaquil, un diario de prestixio, propiedade do estado. Foino antes de 1991 e por tanto ese capítulo profesional da súa vida non está relacionado co mandato posterior de Rafael Correa como presidente da República, pero pódense observar moitas semellanzas ideolóxicas e crenzas relixiosas compartidas. O catolicismo de ambos os dous, a sensibilidade social a respecto dos pobres e a consideración de que a dependencia estrutural de América Latina é un gravísimo problema2.

O novo vicario xeral, Mariano Fazio, nomeado en 2014 como xa se ten dito, desempeñara antes un papel decisivo, en 2007, na Conferencia xeral do episcopado de América Latina e do Caribe, celebrada en Aparecida, Brasil. A comisión redactora fora coordenada por Mario Bergoglio, daquela arcebispo de Bos Aires. O documento conclusivo da conferencia fundaméntase nas diversas teoloxías da liberación.

A Conferencia de Aparecida  situou a Bergoglio nunha posición destacada para optar ao papado e a partir desa circunstancia, ademais, Fazio e o futuro Papa pasaron a ser colaboradores e amigos. Ao pouco tempo o membro da Obra voltou para o continente americano desde Europa.

Fíxense nesta afirmación súa: “ É verdade que Francisco foi o primeiro Papa que coñeceu o Opus Dei desde a súa experiencia como bispo. Seguía moi de perto os labores de maior perfil social. En Múnich había pouco desenvolvemento cando Ratzinger era arcebispo da cidade”. E estoutra máis recente: “A percepción de que o Opus é elitista forma parte dunha visión burguesa. Iso pódeno dicir as clases medias e altas de Madrid ou París, que non coñecen a realidade de tanta xente humilde e próxima do Opus que vive nas periferias suburbiais de Guatemala, Arxentina, Paraguai…”3.

 

A socioloxía interna do Opus Dei

A Obra ten uns 90.000 membros en 60 países, segundo os datos que fixo públicos a propia organización,  dos cales un terzo están no Estado español, a inmensa maioría vinculados a un ámbito ferozmente elitista

A Obra ten uns 90.000 membros en 60 países, segundo os datos que fixo públicos a propia organización,  dos cales un terzo están no Estado español, a inmensa maioría vinculados a un ámbito ferozmente elitista. Entre a cidadanía está comunmente considerada como unha santa mafia, ou mafia branca.

O Opus practica a axuda mutua, discreta ou secreta, destinada a copar os postos de mando e hexemonizar todos os sectores sociais determinantes, desde a política á ciencia, desde as finanzas á educación. Sobre este asunto é revelador que o Regulamento do Opus Dei como Pía Unión, redactado en 1941, no apartado de Fins e Medios diga: “Os socios exercitan ordinariamente o apostolado desde os cargos oficiais da administración pública”. Tal disposición revela os intereses  que inspiran o colectivo, coa meta especialmente posta no poder estatal. O xuíz Santiago Vidal estimaba en 2012 que un terzo dos maxistrados españois pertencen á Obra.

O teólogo Hans Urs von Balthasar afirma que o Opus Dei é en esencia unha organización integrista, no senso de que se vale do poder, do control e da manipulación para impoñer unha determinada “espiritualidade”. A traxectoria histórica do Opus e a súa realidade actual en España está marcada por esa orixe: un instituto secular fondamente reaccionario, vinculado historicamente ao franquismo e arestora aos sectores da dereita e da ultradereita, sobre todo.

Pero hai excepcións, é verdade, ou outras expresións, sendo máis preciso. En América con evidencia, tal como declara Fazio, mais tamén en Europa e concretamente no territorio do Estado español.

Son os casos por exemplo de Terral e Braval, centros sociais de Barcelona destinados á poboación inmigrada, ou o do párroco de Vallecas José Manuel Horcajo, dedicado a auxiliar os pobres e os inmigrantes e a soster con exemplaridade un importante comedor social.

Pep Martí informa en Nació Digital que a Obra conta cun “sector catalanista”, cuxos membros seguen a doutrina social da Igrexa e defenden o dereito a decidir. Algún mesmo ten declarado publicamente que lle dá noxo Jorge Fernández Díaz, ex ministro do interior e supernumerario do Opus.

Pero Rafael Larreina, numerario da Obra e deputado de EH Bildu merece sen dúbida unha atención especial. Considérase a si mesmo transparente como o cristal porque hai moitos anos que decidiu exercer a liberdade e dar a coñecer publicamente os seus compromisos. Contribuíu a un mundo mellor, segundo afirma, loitando pola soberanía de Euskal Herría desde os últimos anos do franquismo, coa súa militancia política, abertzale e progresista que exerceu no ámbito cultural fomentando a difusión do euskara, segundo declara. Do mesmo xeito afirma que traballou tamén por un mundo mellor seguindo a Xesucristo como un laico común e imitando a conduta dos primeiros cristiáns. “Creo que está moi equivocada a aseveración de que estou comprometido con dous ambientes opostos. E desde logo, nunca militei na conservadora dereita española ou nacionalista en Euskadi”.

Nas palabras de Larreina é importante destacar o seguimento dos primeiros cristiáns e de Xesucristo, porque  a súa disposición a vivir o Evanxeo con todas as consecuencias, segundo se desprende, parece estar próxima das teoloxías latinoamericanas e moi distante, iso sen dúbida, do discurso tradicional do Opus Dei.

Agroma nestes casos a vocación social, que non é central no ideario de Escrivá. O propio fundador encárgase de deixalo claro: “Efectivamente en todos os países onde traballa, o Opus Dei realiza actividades sociais, educativas, benéficas. Non é ese, no entanto, o labor principal da Obra; o que o Opus pretende é que haxa moitos homes e mulleres que procuren ser bos cristiáns e por tanto testemuñas de Cristo no medio das súas ocupacións ordinarias” (Conversacións con Mons. Escrivá de Balaguer).
Dito doutro xeito, trátase para el de combinar e harmonizar no posíbel o rol de individuos da clase dominante coa relixiosidade, evitando calquera compromiso serio cos desfavorecidos. Ou aínda máis: a clientela espiritual do Opus é a alta burguesía católica, o segmento das almas de elite.

 

NOTAS

1- Camiño refírese á contenda: <<Frente de Madrid. Uns vinte oficiais, en nobre e leda compaña. Escóitase un cantar, e despois outro, e outro. Corazones partidos / Yo no los quiero / Y si le doy el mío / lo doy entero. “Canta resistencia poño a dar o meu corazón enteiro!” – E abrotou a oración, coma un rego ancho e manseliño”>>. O punto 311 di: “A guerra! –A guerra ten unha finalidade sobrenatural –disme- descoñecida para o mundo: a guerra foi para nós… A guerra é o tropezo meirande do camiño levadeiro. –Pero teremos, ao final, que amala, como o relixioso ten que amar a súa disciplina”.

2- Os avances económicos e sociais do Ecuador, levados a cabo so a presidencia de Rafael Correa foron extraordinarios. A afirmación práctica da independencia nacional fronte aos EEUU e o poder económico global; o desenvolvemento da educación e da sanidade (duplicou o gasto en dez anos); o mantemento das propiedades estratéxicas do Estado fronte á privatización e adelgazamento neoliberal; a subordinación do banco central ao poder executivo; tamén a proposta aberta de boicot a Texaco, configuran unha verdadeira revolución. Mais as sensibilidades transformadoras en América Latina non son as mesmas que en Europa. A laicidade está menos afirmada entre os americanos do sur, é menos desexada ou até descualificada e isto faise evidente en temas que son eticamente fronteirizos: o aborto, as parellas do mesmo sexo, a eutanasia. Correa milita nesta dupla causa que para el é sen dúbida unha soa; trátase dun asunto ao que apenas se lle prestou atención desde a esquerda transformadora europea. Nun artigo titulado “A difícil construción da sanidade pública en Ecuador”, publicado en Le Monde Diplomatique de febreiro de 2018, Loïc Ramírez explica un conflito circunstancial que exemplifica o antedito: O goberno ecuatoriano promoveu en 2011 o programa chamado Estratexia Nacional intersectorial de Planificación Familiar e Prevención do Embarazo en Adolescentes (ENIPLA). Ese programa tiña prevista unha liña telefónica gratuíta, cun nome claro: “Fala serio, sexualidade sen misterios”. No entanto en 2014 o presidente Correa nomeou directora do programa a Mónica Hernández, crente e próxima do Opus Dei.  Ela redefiniu o enfoque en materia de prevención sexual, cerrou a liña telefónica e en troca promoveu o “Plan Familia Ecuador”, cuxo obxectivo é “restaurar o papel da familia”. As asociacións de defensa dos dereitos sexuais denunciaron a nova política de saúde, imbuída segundo eles  de “ visión relixiosa” e distante das realidades científicas. O Plan Familia foi anulado polo novo presidente do Ecuador, Lenín Moreno, do partido de Rafael Correa, que no entanto é acusado agora por Correa de traidor e lacaio do imperialismo. Pero ese é outro asunto.

3- Para comprender este novo escenario do que fala Mariano Fazio é recomendábel lembrar algún antecedente: O Concilio Vaticano II celébrase nos anos sesenta. Aparece a encíclica Gaudium et Spes e en América Latina está xerminando unha vigorosa toma de conciencia da inxustiza, do subdesenvolvemento e da dependencia do Sur. Dentro dese ambiente reúnese a Conferencia episcopal de Medellín (1968), destinada a aplicar o Concilio Vaticano II. Traballan sobre tres eixos: paz, xustiza e pobreza. É precisamente en torno a esa Conferencia que xurde a Teoloxía da Liberación, cuxo principal representante, o teólogo dominico Gustavo Gutiérrez, xera e avivece a chamada “perspectiva do pobre”. A pobreza e a inxustiza son o punto de partida do movemento teolóxico americano: o pobre como tema, como lugar hermenéutico e mesmo como suxeito da teoloxía, tanto de maneira individual como colectiva e social. Juan Carlos Scannone distingue catro tendencias dentro da Teoloxía da Liberación. Unha delas é a Teoloxía arxentina do pobo, que parte da centralidade evanxélica dos pobres. A analoxía que mobiliza este pensamento non é a de clase, como nalgunha das outras tendencias, senón a de pobo-nación. A teoloxía arxentina non é por tanto nin marxista nin liberal; afirma que dentro da cultura é substancial a relixión, por iso valoran tan profundamente a relixiosidade popular na América Latina. Bergoglio é un intérprete destacado da Teoloxía arxentina do pobo.

Publicado em Praza.gal (6 jun. 2018).

Sobre o autor

Xosé Manuel Sarille

Polemista e tamén escritor. Autor do ensaio "A impostura e a desorientación na normalización lingüística". A quen lle interese lelo pode solicitalo neste blog e enviaráselle ao enderezo correspondente sen custo ningún do exemplar nin do transporte.

Comenta aqui!

Comenta aqui!

Espaço público, Cultura, Política, Comunidade, Território, Pessoas

Xoán Carlos Carreira Pérez

Doutor engenheiro agrónomo, professor de Engenharia Agroflorestal na Universidade de Santiago de Compostela. Autor de vários livros e artigos científicos, tem colaborado em diversos meios de comunicação, como A Nosa Terra, El Progreso, Vieiros e Praza Pública.

Elias J. Torres Feijó

Tenta trabalhar coletivamente e acha que o associacionismo é a base fundamental do bom funcionamento social e comunitário. A educação nos Tempos Livres é um desses espaços que considera vitais. Profissionalmente, é professor de Literatura, em origem, e, mais, na atualidade, de Cultura.

Xosé Manuel Sarille

Polemista e tamén escritor. Autor do ensaio "A impostura e a desorientación na normalización lingüística". A quen lle interese lelo pode solicitalo neste blog e enviaráselle ao enderezo correspondente sen custo ningún do exemplar nin do transporte.

Viva Cerzeda

Espaço público, Cultura, Política, Comunidade, Território, Pessoas… Viva Cerzeda é a comemoração, para nós, da amizade, do bom humor sempre que possível e de tentar contribuir com algumhas ideias e opiniões para entender(mos) e atuar(mos) do melhor modo o mundo… É ambicioso mas é-che o que há… e para mais não damos…

Contacta-nos aqui

Acompanha