A comezos dos anos noventa visitei por primeira vez ao Servei d´Ensenyament del Català. Esa sección tiña unha importancia moi grande dentro do goberno catalán, a pesar de situarse nun lugar modesto do organigrama institucional. Estaba en xogo a catalanización do ensino, os programas de inmersión, piar identitario, simbólico e cohesivo do novo poder catalán e do propio país.
Era importante para eles facer un traballo pedagóxico coidadoso, enérxico e prudente. O número de pais que naquelas datas protestaron contra a inmersión contábase cos dedos das mans, creo que literalmente. Non había, non houbo nada traumático, ningún problema e menos aínda focos de protesta colectiva. As dereitas españolistas aínda trataban de reordenarse naqueles anos e o diario El Mundo comezou a inventar conflitos máis tarde.
Debeulles custar deus e axuda, imaxino que lles pagarían, atopar algún de aqueles lunáticos que denunciaban o secuestro dos seus fillos, como quen di, nas terríbeis aulas do espantoso país mediterráneo. Saían con contagotas nas páxinas do xornal, simplemente porque non conseguían máis espontáneos dispostos a baixar á arena e porque tampouco a cidadanía comulgaba aínda con aquelas rodas de muíño. Despois, a medida que a dereita extrema e a extrema dereita alargaron o espazo e o número de adheridos, conseguiron cristalizar unha certa resposta grupal, pero xa demasiado tarde, porque o ensino do catalán consolidárase con fortaleza. Dito todo de memoria.
Naquela primeira viaxe, sendo presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, coñecín ao director do antedito Servei d´Ensenyament del Català, Joaquím Arenas Sampera. Amábel e comprometido, non co catalán senón co galego, presentoume aos responsábeis de cada proxecto. Arenas prestaba unha especial atención ás linguas en situación minorizada, tamén de América, Bolivia, Guatemala. No seu currículo público actual segue a reflectir a condición de socio de honra da Mesa pola Normalización Lingüística, outorgada naquelas datas.
Joaquim visitou Galicia en varias ocasións para conferencias e xornadas da organización e nós pasabamos con certa frecuencia polo seu despacho. Nunha delas fomos o Elias Torres e máis eu e noutras viña Xan Fraga, unha especie de plenipotenciario da nosa organización na metrópole catalá, dito en broma pero tamén en serio, porque os seus contactos eran importantes despois de vivir varios anos alí e por falar un bo catalán. O Director Xeral de Política Lingüística preguntoulle nunha ocasión se era catalán ou galego.
En 1993 organizámoslle a Arenas unha maratón tremenda de conferencias por Galicia, ás veces dúas diarias, todo en tres ou catro días, con algunha entrevista na prensa e certa cobertura televisiva que molestou ao goberno galego de Manuel Fraga. O gabinete cursou unha protesta institucional pola intromisión dun cargo público alleo na dinámica política galega. Os cataláns comentáronnolo máis tarde, pero o vínculo non variou en absoluto por mor do malestar do presidente da Xunta.
Nunha das visitas a Barcelona convidoume a viaxar a L´Alguer. Tratábase de voar ao día seguinte á cidade sarda de fala catalá, para coñecer a situación lingüística e reunirse cos protagonistas, pero como dicía Guevara, outras partes do mundo demandaban a miña humilde presenza e voltei para Compostela como un paspán, así que fiquei sen coñecer a tal cidade nin a comunidade catalán falante de Cerdeña. Fun aló moitísimo máis tarde, pero daquela ficou posta a atención sobre as cousas de L´Alguer e tamén sobre o sardismo da illa enteira.
Non vin máis a Joaquim desde aquela, aínda que me gustaría moito. Apenas me fixen amigo del no Facebook e permanezo atento ás consideracións que moi sucintamente vai expresando.
Unha das cousas que máis me ten agradado do Procés era e é a observación dos nacionalistas cataláns, situados en posicións sociais moi moderadas, ou abertamente de dereitas, que escalan o discurso até o independentismo radical e ambas cousas, moderación no social e radicalismo no nacional fican axustadas. É difícil ver algo así, acontece nos procesos independentistas, porque non se trata de cuestionar o status quo social. Joaquim é un home obviamente de orde, no mellor sentido da palabra, cristián con grande sensibilidade social, practicante e cunha atención moi especial, intúo eu, á súa familia. Nos datos biográficos que ten publicados figura tamén a súa pertenza ao PSAN ( Partit Socialista d´Alliberament Nacional dels Països Cataláns) organización importante durante a ditadura franquista.
O día do referendo estiven a carón dunha carga policial no barrio de Sarriá, creo que era, en todo caso un dos barrios altos. Moitas cousas eran sorprendentes, pero nada tanto como ver familias de clase alta diante dos colexios electorais, exercendo o voto, e moi humillados despois de que os fostiasen, nerviosos todos e nun ambiente moi tenso.
A accidentada visita de Carles Puigdemont a L´Alguer fíxome volver a todo aquilo e tamén rebuscar no pouco aprendido sobre Cerdeña. Lembrei o que analiza Antonio Gramsci nos Cadernos do Cárcere sobre a cuestión meridional. Tamén os inicios persoais del, a súa chegada xuvenil á conciencia política, que é ideoloxicamente sardista.
Cerdeña sente devoción por Gramsci. Non atopei librería ningunha na illa, despois de percorrer varias, que non tivese á venda os voluminosos Quaderni del carcere na edición de Einaudi. Talvez dun xeito máis simbólico que práctico. Nunha de L´Alguer, pequena e escollida, a carón da caixa, na repisa exenta dun moble máis alto que todos os demais, estaba colocada a obra azul, adornando o lugar, senlleira, como se fose unha escultura. Noutra, tamén en L´Alguer, o retrato do filósofo encabeza esta lenda: “Instruídevos, porque necesitaremos de toda a vosa intelixencia”.
Os demais coñecementos meus de Cerdeña veñen desa visita e de varios libros de sardistas, ou sobre o sardismo. As obras de Emilio Lussu, fundador do Partito Sardo d´Azione e de Giovanni Lilliu, sardista tamén, considerado, político democristián ao mesmo tempo e apoloxista do sistema político inaugurado despois da II Guerra Mundial, negador das potencialidades nacionais do seu país na mesma proporción, considerando que Cerdeña debe cinguirse case exclusivamente á conservación de costumes, conmemoración de episodios históricos, especialmente os prehistóricos, e parece querer conxelar a illa dentro dunha estrañísima fascinación polo pasado, polo estático, reservando o dinámico, a grande administración, ao aparello central do Estado Italiano.
O sardismo é complexo até onde eu sei, que é moi pouco. As diferenzas coas expresións nacionalistas ibéricas son enormes. O grao de conciencia nacional sarda é actualmente baixo, falta enerxía por todas as partes, aínda que non se pode descartar nada, porque a desaparición das principais institucións nacionais da illa é moi recente, de 1847, ano da chamada Fusione Perfetta, unión política e administrativa do Reino de Cerdeña e os Stati di Terraferma, da familia Savoia: Piemonte, Ducado de Savoia, Niza e parte da Liguria. En realidade unha absorción. Quen comprende a longa duración na Historia, sabe que iso non é tempo e que igual que determinadas crenzas e sentimentos parece que se esvaecen para sempre, moitas veces retornan cunha enerxía extraordinaria; así o comprobou Fernand Braudel, se aquí o explico aceptabelmente.
En calquera caso, o grao de conciencia social presente, viva, é arestora leve. Rexe unha autonomía moi limitada, sen competencias nas parcelas máis importantes, a sanidade, a educación, a economía, dito moi grosso modo. No posguerra mundial, a nova constitución italiana instaurou rexións autónomas, demandadas en realidade polas tensións propias de certos territorios, como o Alto Adigio, de cultura alemá, e tamén Sicilia, poderosa nación sen estado, que expresa a súa identidade de xeito diferente a como se plasma na Iberia. Outro asunto é tamén o Véneto e as rexións da indefinida Padania.
Sicilia xogou a carta da independencia no 45 e nos anos posteriores. Os americanos necesitaron desembarcar na illa para penetrar despois na Península. O desembarco foi autorizado por Lucky Luciano, xefe da Mafia siciliana nos EEUU. Foi posto en liberdade, para que puidese viaxar e ordenar as súas forzas, o tecido humano da illa (tecido cidadán sería moito dicir), os núcleos mafiosos e familias do interior e garantir así o éxito da operación militar. A Mafia era antifascista porque o fascismo era antimafia xa que os gángsters desafiaban o monopolio da violencia do estado italiano, intolerábel para o ditador e o seu movemento.
No momento do trunfo aliado, as forzas arredistas sicilianas pulan pola independencia. A aspiración debátese con interese en Washington, porque agrada a idea dun Singapur no centro do Mediterráneo, tendo sempre en conta que o control da Mafia sobre o territorio é practicamente absoluto e a alianza bilateral funciona perfectamente. De producirse a independencia a Mafia converteríase en poder institucional definitivamente homologado.
Sobra dicir que a Mafia é poder, á marxe doutros asuntos, ou contrapoder, poder siciliano, terríbel, pero que pesa e aporta densidade á illa e á Italia meridional. Actualmente máis que nunca, pois as fronteiras entre Estado Italiano e Mafia non existen.
Para amortecer as tensións Sicilia necesitaba, igual que o Adigio, un poder autonómico como mínimo, e estableceuse. E eis que nese momento funciona unha especie de café para todos, neste caso de café para máis dun e ofrécenlle a mesma nova planta autonómica a Cerdeña, como a Sicilia: pura semellanza. Pero a cuestión é máis legalista, formal, que realista, porque Cerdeña nese momento non demanda nada e a autonomía chégalle sobrevida. Mesmo xorden escrúpulos, quizais aristocráticos, de non admitir ser comparados con ninguén, porque cando tal asunto se fai explícito os sardos demandan calma, que teñen que mirar se queren ou non esa autonomía que para nada eles pediron.
País estraño Cerdeña. E fermosísimo. A maxia desolada, din que é. Sen árbores, que cortou Cavour para facer carbón e amecer os ténders das locomotoras. Cun vento mistral tremendo e unha orografía accidentada que non permitiu nunca un vínculo fluído, o común de todos os países; privou de tecer a tea de araña da cohesión, da unidade nacional talvez. Cada territorio, separado polas montañas, anóase apenas cos outros A grande reivindicación, de infraestruturas viarias boas, que significaría un gasto extraordinario para o Estado, foi tamén unha promesa estrela do novo réxime republicano nado da II Guerra Mundial, mais nunca se cumpriu, nin pouco nin moito. Quizais sexan as peores estradas da Europa occidental.
Nación secularmente dual ademais. Unha illa continente, de características continentais, con interior firmemente diferenciado desde sempre. Dicir que os costumes e a tradición teñen unha personalidade abraiante é dicir pouco.
A conciencia de sardidade máis intensa, quérena ver os sardistas máis pasadistas nos pastores das montañas, porque eles atesouran as esencias da nación. O sardismo máis lunático, de estudantes universitarios á esquerda das esquerdas, reivindica arestora esa primacía dos pastores, que volverán, ou virán, máis ou menos, a redimir a nación.
E un litoral visto sempre como alleo e hostil. Desde a prehistoria, di Giovanni Lilliu. Porque cada novidade viña polo mar e nunca era boa, xa cos cartaxineses e antes. O mar trae o mal. Agora mesmo confírmase a negatividade do litoral, coa invasión turística salvaxe, estragando todo, alienando. Non hai mariñeiros sardos en Cerdeña, nin os houbo tradicionalmente. Son de procedencia xenovesa, siciliana, catalá.
Interesa observar os debates sobre a cuestión sarda, por chamarlle así. Teño aquí un libro titulado “Dialogo sulla Nazione Sarda”, editado en 2000, onde un persoeiro político respectado, do PCI, antigo alcalde de Quartu Sant´Elena, a terceira cidade do país, é entrevistado por un xornalista. Debátese a necesidade dunha “revolución” (no sentido máis benigno da palabra) que transforme a lei, a autonomía e as institucións sardas. E sobre como facelo, a forza que posúen. Se federalismo, se asimetría competencial.
O máis sorprendente, visto desde Galicia, é que o entrevistador, Claudio Cugusi, logre obter a colaboración do sardo Francesco Cossiga, Presidente da República Italiana, que se mete na saladeira, a expoñer o seu criterio sobre o tipo de sardismo e as institucións axeitadas, sempre dentro da unidade italiana, ben claro está.
No libro aparece tamén unha colaboración de Jordi Pujol, Presidente de Cataluña. Demandoulla por varias razóns. Primeira porque a influencia catalá volvía a ser moi viva, importante, aínda que nunca se esvaecera; segunda, pola fonda pegada histórica de Cataluña na illa, presente fisicamente ao longo catrocentos anos exactos. E terceira, por sentido común xeográfico e político, pois ambos países pertencen ao Mediterráneo Occidental, unha área de problemáticas comúns. Pero cando parece que Jordi Pujol vai entrar no asunto, resulta que bota o freo e evita referencia ningunha á cuestión nacional sarda e catalá. Para non irritar a Roma, probabelmente. Desvía o escrito de seis ou sete páxinas para a preocupación polo norte de África, por Caoslandia, tal como o definen en Limes, cos problemas de inmigración, yihadismo e pobreza, e para a indiferenza dos países directivos dentro da UE, do Norte, polos asuntos que comparten cataláns e italianos e dentro deles os sardos.
O libro é unha pequena xoia. Ler na capa os nomes dos colaboradores abonda para comprender a enorme diferenza de causas e dinámicas entre Cerdeña e Galicia, por exemplo.
O outro recurso meu para comprender mellor a visita de Puigdemont a L´Alguer foron os apuntamentos que Joaquim Arenas ía publicando no seu muro de Facebook.
Ignoro quen puxo en marcha a detención do President Puigdemont. Se foi a xustiza española, correndo o risco de facer o ridículo de novo na Unión Europea; se foi unha provocación do propio Puigdemont, tal como el insinúa, para forzar ese mesmo ridículo; ou se foron as autoridades da UE, fartas das andanzas axitadoras do político xironés e sobre todo do coqueteo cos servizos de intelixencia rusos, moi desagradábel para no establishment occidental.
Desde que Mario Draghi lidera o goberno italiano quere poñer orde nas lixeirezas italianas previas, como postular a Trieste e a Xénova para portos europeos da Ruta da Seda, ou outras, de estreitar vínculos políticos co Kremlin. A Liga Norte, da extrema dereita tamén buscaba apoios en Moscova. O Presidente de Cerdeña, que recibiu a Piugdemont oficialmente, pertence á Liga.
Draghi debe estar bastante incómodo co imprevisíbel apostolado do Honorable. Na visita reuniuse tamén con alcaldes independentistas sardos. En realidade non tan independentistas; máis sardistas que arredistas e máis asesores e concelleiros que alcaldes, porque Cerdeña independentismo ten moi pouco.
Arenas escribía estes días que o xuíz de Sassari encargado do caso Puigdemont é un sardo catalán falante e que esa condición resulta importante para o caso. Estou moi lonxe arestora das posicións políticas do meu amigo Joaquim, pero moito me gustaría escoitar as razóns polas que el considera que iso é así.