España é un país feminista, o máis avanzado do mundo en dereitos relacionados coa igualdade de xénero. Iso se di, pero algo non cadra porque no tal país un 40% dos homes compraron algunha vez prostitución, a porcentaxe máis alta de Europa. A cidadanía ademais prefire non ver nin mirar para os lupanares e os polígonos inzados de mulleres en situación de escravitude. O país tal é tamén un dos primeiros destinos mundiais do turismo sexual.
Hai, iso si, un extensísimo movemento social liderado por mulleres, sobre todo de clase media, dispostas a acadar os dereitos que se lles negan, especialmente os relativos aos do propio status. A vida é así: a condición social determina as carencias e son estas as que se combaten. Nos novos parámetros morais que está asentando o feminismo penalízase máis un chiste machista que o abuso desas mulleres, privadas dos dereitos fundamentais por ser pobres. Mais o movemento feminista deberá descender finalmente até os infernos da trata, seguro.