Tomabamos as pílulas despois da media noite. Na saliña había dúas mesas con flexos. A concentración era moi intensa ás tres horas, duraba outras dúas, máis lentas, e esmorecía ao amencer.
Alguén de nós conseguiu unha receita médica moi sobada, pouco presentábel, que prescribía Dexedrina Spansule 15 mg.. Dezaseis horas sen pausa. A facilidade para asumir, sen barreiras. A intelixibilidade e o dominio. Un encaixe perfecto do saber. A potencia insistente, até a obsesión. Percorríamos as farmacias entre Santiago e Lugo buscando mancebos inexpertos que nos vendesen as caixas.
Estudabamos Giacometti e Modigliani. Os seus universos de corpos delgados conxugaban coa nosa levidade adolescente, entusiasmábannos. Mais as formas disolvidas inhibían o desexo.
Naquelas noites abríronse outras portas, pechadas aos poucos anos. Por elas entrou Madeleine de Ramón Casas. Busquei a reprodución e pendureina da parede do cuarto por varios meses. E entraron as mulleres de Renoir, suaves, case masivas, docísimas. A volupia a un paso da morbidez.