Espaço público, Cultura, Política, Comunidade, Território, Pessoas

Para ver o lado positivo

Teño medo de que nalgúns artigos anteriores teña trasladado só unha visión crítica do país e, se cadra, ao meu pesar, para algunha xente pode resultar algo negativa e desalentadora. Esta visión non se correspondería cunha realidade que ten un lado positivo máis grande do que parece. Quero empezar por facer un recoñecemento da labor continuada dalgunhas organizacións políticas, sindicais, ecoloxistas e de todo tipo. É encomiábel e moitas veces atinada. Mais hoxe non vou falar dela porque esixe outro artigo e outro tipo de valoracións. Hoxe voume referir a algúns exemplos concretos de entre os múltiples positivos que existen.

O primeiro é a loita das mulleres que se está xeneralizando amplamente nos últimos meses e que pode levar a un profundo cambio social. A pesar de moitos medios de comunicación e da ideoloxía dominante, que pretenden levar as reivindicacións por un camiño dubidoso, o feminismo segue avanzando sen pausa na súa loita por un mundo sen discriminacións, mellor e con novos valores.

O segundo exemplo é a primeira folga en Inditex levada a cabo polas traballadoras de Pontevedra no outono do ano pasado. Unhas traballadoras que, segundo a secretaria de servizos da CIG, teñen salarios baixos, contratos precarios, temporais e a tempo parcial. Non é doado facer unha folga nestas condicións, pero mantivérona durante máis dunha semana, conseguindo varias melloras na súa situación laboral.

O terceiro exemplo é o “Banco de casas” na parroquia de Xesta ( A Lama). Segundo recollía “El Faro de Vigo”, no comenzo de 2015 a Asociación de Veciños finalizaba con éxito o primeiro tramo do seu plan para alugar casas abandonadas a un prezo moi razoábel.

Pido desculpas por non citar outras moitas iniciativas e loitas que eu sei que existen, pero non tiña espazo para máis. Todas aquelas das que falei e das que non falei deberían servir para incrementar a nosa autoestima como pobo.

Como cuarto exemplo podiamos falar de moitas loitas e experiencias no medio rural: do pioneiro da produción ecolóxica de leite; do viveirista que pola súa conta fai labor de conservación de variedades autóctonas; de quen combina a xestión dunha casa de labranza tradicional cun museo da maquinaria antiga; de quen buscan puntos de encontro para fomentar o comercio de proximidade; de quen exporta para os xardíns e terrazas de distintas cidades do mundo, un abono obtido mediante a compostaxe do toxo. E hai máis.

Xa van aló tres anos desde que participei nun traballo da rede REVOLTA da USC onde se analizaban experiencias innovadoras do rural. Vou falar só de dúas delas. Souto Activo é unha empresa que xurdiu dun grupo de xente nova, con formación en enxeñería, coa pretensión de recuperar e rendibilizar soutos centenarios na montaña luguesa. Na parroquia de Carballo en Friol, a comunidade de monte veciñal acometeu unha nova ordenación do seu monte ― que até ese momento era basicamente unha plantación de piñeiros ― co fin de diversificar os usos: frondosas, froiteiras, cogomelos, cabalos, porcos celtas e colmeas.

Ademais destes dous exemplos, gustaríame salientar o traballo dun grupo de persoas, que a través de distintos colectivos ( “máis de tres”; “daquí darredor” , “lentura” e outros) está a facer unha importante labor de dinamización de mercados locais e creando interesantes redes de intercambio de saberes. E finalmente non se pode esquecer a envergadura do movemento que se ergueu para salvar Galiza da megaminería contaminante.

Como queda en evidencia máis enriba, dalgunhas iniciativas das que acabo de falar xa tiven coñecemento hai tempo. Non sei os resultados a día de hoxe, mais a idea mesma xa é destacábel e se rematan fracasando, hai que ter en conta que, visto en perspectiva, o fracaso (ou erro ) non é máis que un dato que nos axuda a atinar máis adiante.

Estes exemplos son só iso, exemplos. Pido desculpas por non citar outras moitas iniciativas e loitas que eu sei que existen, pero non tiña espazo para máis. Todas aquelas das que falei e das que non falei deberían servir para incrementar a nosa autoestima como pobo. Alguén poderá considerar que non son suficiente, pero amosan que, cando menos unha parte desta sociedade está viva, e ademais é progresista, loitadora e creativa. Hoxe toca eloxiar e non criticar.

Sobre o autor

Xoán Carlos Carreira Pérez

Doutor engenheiro agrónomo, professor de Engenharia Agroflorestal na Universidade de Santiago de Compostela. Autor de vários livros e artigos científicos, tem colaborado em diversos meios de comunicação, como A Nosa Terra, El Progreso, Vieiros e Praza Pública.

Comenta aqui!

Comenta aqui!

Espaço público, Cultura, Política, Comunidade, Território, Pessoas

Xoán Carlos Carreira Pérez

Doutor engenheiro agrónomo, professor de Engenharia Agroflorestal na Universidade de Santiago de Compostela. Autor de vários livros e artigos científicos, tem colaborado em diversos meios de comunicação, como A Nosa Terra, El Progreso, Vieiros e Praza Pública.

Elias J. Torres Feijó

Tenta trabalhar coletivamente e acha que o associacionismo é a base fundamental do bom funcionamento social e comunitário. A educação nos Tempos Livres é um desses espaços que considera vitais. Profissionalmente, é professor de Literatura, em origem, e, mais, na atualidade, de Cultura.

Xosé Manuel Sarille

Polemista e tamén escritor. Autor do ensaio "A impostura e a desorientación na normalización lingüística". A quen lle interese lelo pode solicitalo neste blog e enviaráselle ao enderezo correspondente sen custo ningún do exemplar nin do transporte.

Viva Cerzeda

Espaço público, Cultura, Política, Comunidade, Território, Pessoas… Viva Cerzeda é a comemoração, para nós, da amizade, do bom humor sempre que possível e de tentar contribuir com algumhas ideias e opiniões para entender(mos) e atuar(mos) do melhor modo o mundo… É ambicioso mas é-che o que há… e para mais não damos…

Contacta-nos aqui

Acompanha