Levo máis tempo do habitual agardando que me dean cita en oncoloxía do CHUS. Unha cita que estaba prevista para comunicarme os resultados da resonancia de control que me fixeron hai varias semanas co fin de detectar se volve haber algún indicio de cancro. Hai uns días dixéronme que aínda non tiña data para ela. Fun ao “Servizo de atención ó doente” e fixen unha reclamación expoñendo a situación e solicitando ser citado no prazo máis breve posíbel. Á semana seguinte recibín a contestación na que se di textualmente: “a súa cita será asignada en función da prioridade, data idónea, recursos dispoñibles e actividade programada”. Pero nada se di que se vaia asignar en función da situación do doente. En fin que responderon sen dar resposta ao que se demandaba, nin dar unha explicación sobre o feito que motivaba a queixa exposta na reclamación.
Esta experiencia lévame a facer algunhas consideracións.
En primeiro lugar: Moita xente empeza a ser consciente do deterioro da sanidade pública. Pero (ollo!) tamén se observa deterioro na sanidade privada. Pode que sexa debido á propia natureza desta pois o seu obxectivo non é que a saúde das persoas sexa mellor senón que os beneficios da empresa sexan o máis elevados posíbel. Pode que sexa debido a que consideran que o debate ideolóxico se vai decantando ao seu favor. Ou ben pode que sexa debido á conxunción destas dúas cousas ou a outras razóns que a min polo momento non se me veñen á cabeza. Non creo que ande moi descamiñado se digo que o deterioro da sanidade (toda a sanidade) é cada vez máis grande e está máis xeneralizado. Nas últimas semanas estase emitindo un anuncio institucional sobre a utilidade dos impostos que, desde o meu punto de vista, está moi ben feito. Pero neste tema levamos moitos anos perdidos. Porque, ao meu entender, a esquerda e o nacionalismo polo xeral, con algunhas excepcións, procuran evitar o debate ideolóxico para non incomodar aos poderes económicos nin aos medios de comunicación que en realidade son os voceiros destes. Ou en todo caso non o dan coa forza, intensidade, radicalidade e continuidade necesarias. Oxalá as cousas cambien sen agardar moito!
En segundo lugar: Para evitar este deterioro da sanidade, e máis concretamente para evitar o deterioro da sanidade pública, son necesarias reivindicacións e mobilizacións, pero hai que ter coidado en que non se convertan en actos correntes ou rituais porque así apenas incomodarán ao poder.
En terceiro lugar: As mobilizacións onde se reúne a xente son fundamentais, pero as reclamacións individuais, se se fan como norma cando ocorran feitos ou se dean situacións que deban ser combatidas, tamén forman parte da loita colectiva. Pódese dicir que é unha forma máis desa loita colectiva que pode conseguir que se cumpran reivindicacións importantes en canto que non é unha das formas habituais que o poder xa ten dixerido. E polo que a min respecta, que non son precisamente unha persoa moi activa facendo reclamacións, tentarei modificar a miña actitude.