No camiño do sono faise ás veces presenza unha plenitude efémera e liviá que desexo contar. Chega de repente e trasládame con delicadeza ao pasado. Como se o corazón portase melancía.
Quizás dure só segundos, non o sei. Ademais acontece poucas veces.
O ánimo envólvese dentro doutro instante. Lévame para unha vivencia anterior, novamente repetida, acubillada na multitude de percepcións que a rodearon cando foi: físicas ou, sentimentais, familiares ou remotas. Están alí todas cantas houbo e así se produce a transposición.
Esa totalidade permite ampliar e facer fondo o acontecemento emerxido, xunto con outros que formaban parte daquel estado.
Consiste en algo que foi e volve ser. Somentes iso. Pensamentos veloces, incisivos, como se puntas de lanza puidesen entrar e apousentarse naquela dozura, para ficar nela suspendidas.
Un esvaecemento con día. Deixarse levar cando chega a conxunción.
A noite ten unha onda demasiado longa para acadar esa densidade, un sono moi extenso, o corpo está espido e sobra calma. A súa dispersión impide que os brotes agromen con el.
Imagem: Ecce puer. Merdardo Rosso.